O Espiral Maior Foro busca ás vítimas de Bértoa
Este vindeiro xoves, día 9 de febreiro de 2023, ás 19:30 h., terá lugar na sede de Espiral Maior Foro (Rúa do Sol, 34, baixo) un acto de homenaxe ás bravas de Bértoa. A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) dará conta do proceso de investigación sobre o caso da foxa común existente no cemiterio de Bértoa (Carballo) e os pasos legais que se están a dar para proceder á exhumación dos restos de catro represaliados, entre eles o pintor coruñés Francisco Miguel, alí soterrados.
O acto, “Á procura das vítimas de Bértoa”, artellado en colaboración coa Asociación Cultural Lumieira de Carballo e o espazo cultural Espiral Maior Foro, participarán Carmen García-Rodeja, profesora e voceira da ARMH Galicia; o profesor e historiador Xan Fraga; o escritor e director de Espiral Maior Foro, Miguel Anxo Fernán Vello, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. Tamén estarán presentes no acto, e intervirán no mesmo, familiares dunha das vítimas, Juan Boedo Pardo. No transcurso do acto tamén será lido un texto expresamente enviado dende México por Sandro de Miguel, neto do pintor coruñés.
Historia
A instancias das familias e da veciñanza, a ARMH investigou o caso de catro veciños da Coruña que, despois de seren secuestrados e asasinados, apareceron con feridas de bala o día 29 de setembro de 1936 no Campo de Morgade, en Queo de Arriba (Bértoa). As catro vítimas mortais eran Juan Boedo Pardo, de 28 anos, veciño de San Cristobo das Viñas (A Coruña) e de profesión gasista; Andrés Pinilla Fraga, de 52 anos, veciño da Coruña e conserxe do Colexio Notarial; Pedro Pinilla Calvete, de 21 anos, nado na Coruña e de profesión mecánico, e Francisco Miguel Fernández Díaz, de 38 anos, pintor, ilustrador, libreiro e crítico de arte, unha das grandes realidades artísticas da Galicia do seu tempo e nome mítico da pintura galega contemporánea.
Novas relacionadas
Novas de Espiral Maior
- As Atlánticas de Viki Rivadulla invaden o Espiral Maior Foro:
- O Espiral Maior Foro convírtese tamén nunha Galería de Arte
- Diana Varela estrea os “Sábados Literarios” de Espiral Maior Foro.
- Espiral Maior Foro pon en marcha un "Clube de Lectura”.
- Miguel Anxo Fernán Vello impartirá un curso de poesía no Espiral Maior Foro.