Marcos Rodríguez, nomeado aos Premios Quixote de Fotografía de AFOCAM en tres categorías
Volve á roda dos premios. E seguro que non será o único no que participe neste final de ano. Marcos Rodríguez, galardoado internacionalmente en varias ocasións, vén de ser nomeado, outra vez, como finalista aos prestixiosos Premios Quijote de Fotografía, outorgados pola Asociación de Fotógrafos de Castilla la Mancha (Afocam).
Marcos Rodríguez consolidou o seu lugar na fotografía tanto artística como profesional. Entre os seus logros destacan a Medalla de Prata na World Photographic Cup e o título de Mellor Fotógrafo Europeo do Ano en reportaxe gráfica, obtido en tres ocasións. Nesta edición dos Premios Quixote, foi nomeado en tres categorías distintas, presentando cinco fotografías: unha en retrato, dúas en libre creación e tres en post-boda.
Destacan dende a ASFOGAL a (Asociacion de Profesionais da Fotografía e Imaxe de Galicia), que "Rodríguez non só destaca polo seu traballo no ámbito da fotografía, senón que tamén contribúe activamente á arte na súa comunidade". Recentemente, o Concello da Laracha seleccionou a súa fotografía "Mans de Sal" para o proxecto "Mar de Caión", no que o pintor Yoseba Murazabal, coñecido polos seus murais de “súper mulleres”, está a transformar a imaxe nun mural que actualmente se atopa en proceso de creación en Caión.
Autor do libro Finis Terrae, publicado pola Editorial Canela, unha obra que explora a conexión humana coas paisaxes da Costa da Morte, Rodríguez combina en cada proxecto sensibilidade e técnica. "Nas súas imaxes, logra capturar non só a esencia humana, senón tamén a beleza do efémero na natureza, especialmente nos seus traballos de fotografía artística e paisaxística, onde o seu enfoque vai máis alá do visual, afondando no emocional", valoran dende Asfogal.
O carballés, tras moitos anos asentado en Cee, vén de compartir xunto a Ana Álvarez o seu estudo na capital bergantiñán, na Praza de Galicia.