sábado. 15.03.2025
El tiempo

Teatro, música e exposición na axenda carballesa da fin de semana

Un deus salvaxe Talia Teatro
A recén estreada "Un deus salvaxe" de Talía Teatro chega ao Pazo da Cultura
Teatro, música e exposición na axenda carballesa da fin de semana

Despois do comezo onte do esperado, e cheo, curso de Fotografía, Carballo prepárase para outra completa fin de semana. 

Unha axenda que arrinca cunha nova cita dos Venres Culturais, e a chegada de Talía Teatro e a recén estreada Un deus salvaxe. Na peza, dous nenos duns once anos enfróntanse con violencia nun parque. Beizos inchados e dous dentes rotos... Os pais da vítima convidan á súa casa aos pais do neno agresor para resolver o conflito. O que comeza sendo unha charla con bromas e frases cordiais, adquire un ton máis violento a medida que os pais van revelando as súas ridículas contradicións e grotescos prexuízos sociais. Talía afronta un texto moi importante na escena internacional, da autora Yasmina Reza, que é puro guión, puro diálogo e pura interpretación. Adaptado por Artur Trillo, Talía ofrécenos unha oportunidade para achegarnos a unha sociedade cunha cara oculta.

A cita para ver Un deus salvaxe é o venres 14 de marzo ás 21.00 horas no Pazo da Cultura. A duración prevista do espectáculo, dirixido a público adulto, é de 85 minutos. O prezo da entrada é de 7€, 4€ con prezo reducido. Colabora a Rede Galega de Teatros e Auditorios.

 

Música na Biblio

Xa o sábado complétase a semana coa música do Curruncho Pop. O sábado 15 de marzo ás 19:30 horas será a presentación do libro ‘The Byrds. Más jóvenes que ayer’ e posteriormente haberá un concerto de Os Birdiños. A segunda cita do Curruncho Pop será unha homenaxe ao grupo americano de mediados dos sesenta e os setenta, creadores dun son propio que máis tarde se coñeceu como jungle pop, caracterizado no seu caso pola guitarra de 12 cordas e o tratamento das voces. Fixéronse populares facendo revisións pop de parte do cancioneiro folk de Bob Dylan. Falará do grupo Fernando López Chaurri, autor do libro que se presenta. Organiza a Concellaría de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística. 

Exposicións

Por último, hai que lembrar que está prorrogada a exhibición da exposición O son do nordés, da artista plástica vinculada a Carballo Loli España. Estaba previsto que rematara o 28 de febreiro, pero aínda pode visitarse en horario de 17.00 a 21.00 horas na sala do andar -1 do Pazo da Cultura. Organiza a Concellaría de Cultura.

Ademais, a sala Alberto Gende do 3º andar do Pa zo da Cultura acolle unha mostra das obras premiadas na 18º edición do Premio de Creación Fotográfica Luis Ksado, organizado pola Deputación da Coruña e que constitúe todo un referente no eido da imaxe. Este ano a serie “Alén” de Vicente Fraga, foi a gañadora do certame. Quen queiran visitar a exposición, poden facelo de luns a sábado de 17.00 a 21.00 horas até o 18 de marzo. Organiza a Deputación da Coruña e a Concellaría de Cultura.

Comentarios