Venres. 26.04.2024
El tiempo

A Coxestión da Reserva Mariña, un exemplo social para a Unión Europea

charla lira USC Reserva Marina
A Coxestión da Reserva Mariña, un exemplo social para a Unión Europea

Que importante é poñer en valor, a nivel social, o traballo feito durante anos arredor da Reserva Mariña de Interese Pesqueiro dos Miñarzos. Porque o mar non deixa de ser a meirande fábrica de cada vila, a que fixa máis postos de traballo, a que máis inflúe na forma de ser, na identidade e na cultura da súa xente.

Por aí vai a intención do estudo que está a realizar a Universidade de Santiago de Compostela, sobre a importancia que tivo a Reserva liracha. Un proxecto que, malia todas as vicisitudes, externas e internas, colocou á Costa da Morte na vangarda de xestión de ecosistemas mariños. E precisamente a coxestión, esa participación do sector pesqueiro na toma de decisións, esa consecución dos dereitos do sector primario sobre un espazo en base a fundamentos de conservación da biodiversidade, do patrimonio e de postos de emprego, é un dos grandes valores que tivo a Reserva e sobre os que quería afondar a USC.

Por iso, e porque este é o modelo que quere usar a Unión Europea para que en 2030 estea implantanda o 30% da nosa superficie mariña, o equipo de @EqualSeaLab da USC organizaba na Confraría de Lira un faladoro o pasado venres, coincidindo co Día Marítimo Europeo. Unha sesión para repasar o funcionamento da Reserva, mentres a administración tivo vontade.

Charla Reserva Marina dos Minarzos en Lira 2

“O impacto do traballo para crear a reserva dos Miñarzos foi impresionante”

A xornada contou con poñentes de luxo como Sebastián Villasante, investigador principal do EqualSea Lab (CRETUS - Universidade de Santiago de Compostela), e coordinador do proxecto ECOSER 2.0; Antonio García Allut, profesor de Antropoloxía Social na Universidade da Coruña e director da Fundación Lonxanet; Mariano Lago Louro, patrón maior da confraría de pescadores de Lira; Remedios Dosil, vicepatroa; Primitivo Pedrosa, mariñeiro de Lira, e Raúl García, coordinador de pesquerías de WWF España.

Certo que houbo dous marcos diferenciados: un máis teórico formado por representantes das universidades; e outro máis práctico formado polas xentes do mar como Remedios ou Primitivo; unidos pola labor do representante de WWF, científico activista que está en contacto co sector, pero que conta cunha visión internacional, e que deixou claro que a coxestión é o futuro do sector. O impacto do traballo que se desenvolveu para crear a reserva dos Miñarzos foi impresionante”, destacou Raúl. “O modelo de xestión que se fixo aquí serviu despois como exemplo para afrontar con éxito outros procesos en Cataluña, coa pesca do sonso, mais tamén noutras partes de Europa e América”. 

Sebastián Villasante, destacou que o desenvolvemento das áreas mariñas protexidas contribúen ao benestar humano, non só desde a perspectiva económica, cunha maior sustentabilidade das pesquerías, senón tamén no impulso de valores culturais ou á hora de mellorar a saúde física e mental das comunidades que viven preto delas.

Se o patrón maior de Lira rematou pronto a súa intervención, máis crítica e longa foi a do mariñeiro Primi Pedrosa. Pedrosa enfatizou na importancia da consecución dos dereitos do sector sobre o territorio, valorou que a dimensión da Reserva non era tan grande como debería, e que as confrarían deberían ter algún ente común para poder influír e poder xestionar conxuntamente.

”Estes eventos téñense que repetir, e levar a máis eidos, porque son o futuro do sector”, explica un Pedrosa, que tamén botou en falta a presencia de políticos do eido local e comarcal, que é certo que durante o desmantelamento da Reserva por parte da Xunta non defenderon o sector como puideron ter feito, enfatizando na necesidade de apoio no control e vixilancia da zona.

Retos pendentes

Precisamente tratouse a opción, conxelada desde hai anos, da ampliación da superficie da reserva para converterse na Gran Reserva Mariña da Costa da Morte, seguindo as liñas da Unión Europea.

Nesa liña, durante os vindeiros anos, o EqualSea Lab desenvolverá diversos proxectos de investigación que utilizan esta reserva como estudo de caso. Entre outros traballos, identificaranse os compoñentes que determinan a efectividade das áreas mariñas protexidas, como son a diversidade de especies, as funcións ecolóxicas do sistema, o rol dos actores sociais, o papel dos sistemas de gobernanza e os impactos locais e distais do cambio climático e a contaminación costeira.
 

Novas relacionadas

Comentarios