Xoves. 25.04.2024
El tiempo

A Reserva Mariña de Lira, base dun estudo universitario que analiza como as áreas mariñas protexidas axudan a mellorar as sociedades que as rodean

Reserva Marina dos Minarzos
A Reserva Mariña de Lira, base dun estudo universitario que analiza como as áreas mariñas protexidas axudan a mellorar as sociedades que as rodean

Xa hai moitos anos que a Xunta conseguiu afundir o proxecto da Reserva Mariña dos Miñarzos. Un proxecto que nacía coa agora manida palabra “sostibilidade” como principal argumento. Un proxecto con ducias de recoñecementos de todo o planeta, que foi perdendo fol pola falta de apoio das administracións en materia de vixilancia, permitindo que o furtivismo gangrenase a Reserva dende dentro.

Anos despois, en 2016, xurdía a idea dunha coxestionada “Gran Reserva Mariña da Costa da Morte que morría antes de nacer polas batallas internas dun sector eternamente dividido e a falta dunha aposta real das administracións.

Así e todo, case unha década despois, a experiencia vivida en Lira serve agora de exemplo para un proxecto de investigación no quer participa a USC que pretende ver como as áreas mariñas protexidas axudan a mellorar as sociedades que as rodean.

Un equipo liderado polo profesor da USC Sebastián Villasante,foi seleccionado polo Programa Pleamar 2021 da Fundación Biodiversidad para afrontar unha nova fase do proxecto ECOSER. A investigación xa analizara entre 2019 e 2021 como os servizos dos ecosistemas das áreas mariñas protexidas (AMP) contribúen ao benestar das sociedades na súa contorna.

Nesta nova etapa ECOSER 2.0 (Efectividade das áreas naturais protexidas á contribución do benestar humano), que conta coa colaboración da Universidade de Vigo e a Fundación Lonxanet, recollerá datos das especies da zona para analizar “factores ambientais (abundancia das especies), económicos (rendibilidade), sociais (emprego) e institucionais (sistemas de xestión) que determinan o grado de efectividade das AMP, cunha énfase especial nos efectos do cambio climático ou a contaminación mariña”.

Lira, xunto ás Illas Atlánticas e o Cabo de Gata, serán os casos de estudo deste ECOSER 2.0, que contará coa colaboración da Confraría de Pescadores de Lira.

”Existe a necesidade de xerar coñecemento acerca dos beneficios sociais das AMPs”, recoñece o profesor Villasante, que destaca que “os resultados se compartirán cos diversos axentes implicados, así como coa sociedade en xeral, a través de obradoiros, conferencias divulgativas e a elaboración dunha guía que estableza as claves para o manexo dos servizos ecosistémicos”.

Novas relacionadas

Comentarios