Denuncian no Parlamento o desleixo e abandono da Xunta co Monte Pindo


Volveu aparecer o Monte Pindo no Parlamento de Galicia. Foi da man da deputada do BNG, Ana Pontón, que denunciou onte o “desleixo e abandono da Xunta” co Monte Pindo. UNha Xunta cuia única actuación sobre o Olimpo Celta, foi aquel esperpéntico "air mulching" sobre menos do 1% da superficie queimada.
Na súa intervención, a deputada afirmou que un ano despois do incendio, “as promesas da Xunta e do PP caeron en saco roto” e lamentou que o Director Xeral de Montes, cargara toda a responsabilidade do acontecido no vento do nordés, obviando a “responsabilidade da Xunta” por non actuar nun espazo que xestiona directamente e que está integrado na Rede Natura 2000.
Ana Pontón lamentou que a Xunta careza dun plan de recuperación dos espazos arrasados no Pindo e suxire ao director xeral de Montes que visite a zona e constate que o eucalipto está substituíndo á vexetación autóctona.
Tras a resposta do membro do Goberno, Pontón recalcou que “non é de recibo que se impedira a acción de voluntarios e a Xunta recoñeza que nin fixo nada, nin teña previsto ningunha actuación.”
Pontón fíxose eco da denuncia da asociación Monte Pindo Parque Natural, sobre a substitución da vexetación autóctona polo eucalipto que tamén ameaza o hábitat do carballo anano, ao que a Xunta respondeu cun “non sei nada”, negando a evidencia.
Finalmente o BNG reclamou de novo que a Xunta elabore e aplique un Plan Urxente de restauración medioambiental do Monte Pindo, contando coa participación veciñal e asociativa, dotado economicamente coa finalidade de recuperar e rexenerar as zonas afectadas polo lume. Unha medida básica, afirmou, para “retomar nun futuro próximo a declaración de Monte Pindo como Parque Natural, como unha peza importante no desenvolvemento e creación de riqueza neste concello”.
Novas relacionadas
- Descobren un novo petroglifo que podía servir de guía no camiño do Monte Pindo.
- O abandono da recuperación do Monte Pindo chega ao Parlamento.
- 11-09-14: Estado do monte Pindo, un ano despois.
- 11-09-14: #MontePindo: O cabodano da gran catástrofe medioambiental.
- En marcha pola nova ruta polo Monte Pindo.
- 26-06-14: Constatan a recuperación do carballo anano e do lirio do Monte Pindo.
- O nome do Monte Pindo podería vir da lingua gaélica afondando nas súas raíces celtas.
- O Monumento Natural do Monte Pindo, na portada dunha revista científica internacional.
- Descobren unhas formacións líticas circulares no Monte Pindo.
- O Monte Pindo ten máis hábitats prioritarios a protexer que calquera parque natural galego.
- Pepe do Fieiro: “Dicían os nosos vellos…”.
- O gran Castelo chamando Monte Pindo.
- O primeiro Parque Natural galego non será o Monte Pindo.
Fonte
- BNG.