Martes. 15.10.2024
El tiempo

Dumbría apoia a manifestación do Parque Natural Monte Pindo que partirá da Fervenza do Ézaro

Dumbría apoia a manifestación do Parque Natural Monte Pindo que partirá da Fervenza do Ézaro

O percorrido da marcha reivindicativa do 14 de abril pola catalogación do Monte Pindo como Parque Natural percorrerá os Concellos de Dumbría e Carnota, dous dos concellos, xunto co mazaricán, máis afectados por calquera decisión arredor do Olimpo Céltico. Así, cada vez son máis os estamentos que se adhiren á manifestación que contará coa colaboración do Concello dumbriés, cuxo alcalde participará na lectura do manifesto.

Así, quedou determinado o percorrido polas faldas do macizo granítico. Os participantes na marcha reuniranse na área recreativa do Ézaro, nas inmediacións da célebre fervenza ou Coadoiro do río Xallas.
Ás 12:00 horas a comitiva emprenderá a marcha pola AC-2308, atravesando o Ézaro aos pes do canón formado polo Xallas na súa desembocadura, ata a estrada xeral AC-550. Ali tomará dirección ao Pindo, cruzando a ponte sobre o treito final do río entrando no Pindo polo seu porto, con destino final na praza da Solaina, un dos puntos de reunión máis habituais de toda excursión ao Monte Pindo que se preze. En total, o itinerario levará algo máis de media hora ao longo de algo menos de 3 quilómetros.

Ao remate, xa na praza da Solaina, procederase á lectura dun Manifesto no que colaborarán representantes veciñais, institucionais, culturais e tamén investigadores e científicos de renome, para "esixirlle novamente á Xunta que deixe de ignorar en solitario a demanda social e que inicie xa os trámites precisos para declarar o Monte Pindo como Parque Natural, unha figura que depende exclusivamente desa administración", segundo apuntan dende a entidade conservacionista.

O alcalde dumbriés confirma o seu apoio

O alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño, acaba de confirmar o respaldo do seu municipio á marcha, e colaborará na organización para que a cita sexa un éxito. Ademais amosou a súa disposición a ser copartícipe na lectura do manifesto.

É a primeira vez que o rexedor dumbriés fai público o seu apoio á declaración do Monte Pindo como Parque Natural, que se suma ao apoio do alcalde de Carnota Ramón Noceda, o que supón un novo e importante impulso á reivindicación en si mesma.

Novas relacionadas

Outras novas

Fonte

Comentarios