Venres. 19.04.2024
El tiempo

Monte do Pindo, o remedio natural para rebaixar o colesterol

Ruta O Fieiro-A Moa copia
Así está a ruta O Fieiro-A Moa
Monte do Pindo, o remedio natural para rebaixar o colesterol

Os que temos o colesterol alto, os sanitarios recoméndannos andar. Pero os que temos a sorte de vivir na comarca de Fisterra, que mellor sitio para facer sendeirismo que polo Monte do Pindo. Pero non só vale para mover o esqueleto, senón tamén para gozar das bonitas vistas panorámicas no seu horizonte e, os máis imaxinativos, contemplar as multitudes de rocas antropomorfas e zoomorfas, e descansar os ollos contemplado a paisaxe e descansar a mente pensando na nada.

Chegar á súa cima de 629 m. sobre o nivel do mar buscando a meta no vértice xeodésico dános un alivio. Neste monte existen varios roteiros que o peón pode elixir en función da capacidade das súas actitudes físicas. Imos lembrar os principais:

  • Roteiro O Fieiro-Laxe da Moa.- É o máis concorrido, cunha distancia de 3,3 Km. e unha pendente media de 12% . No seu percorrido contémplanse bonitas vistas panorámicas.
  • Roteiro O Pindo-Laxe da Moa.- Sáese da contorna da igrexa do Pindo nun traxecto de 4,3 Km. cunha pendente media de 15,5 %. No seu traxecto contémplanse bonitas vista panorámicas e abundantes figuras antropomorfas e zoomorfas.
  • Roteiro O Pindo-Casa Xoana.- Un traxecto que en parte coincide co do Pindo- Laxe da Moa. O último tramo atópase cuberto de maleza e parte del pódese dar por perdido.
  • Roteiro O Fieiro-Pico de Peñafiel.- Sáese do lugar de do Fieiro nun traxecto de 1,7 Km. cunha pendente media de 25%. Recoméndase non subir ao pico coa pedra mollada ou con vento.
  • Roteiro da Pte. do Ézaro-Mazaricos.- Era o camiño máis curto que usaban as pescadeiras para vender o pescado na parroquia de Arcos. Está desaparecido.
  • Roteiro O Pindo- Pedra Cabalgada.- Sáese polo barrio Riba da Lagoa no Pindo nun traxecto de 1,5 Km. cunha pendente do 25%. O último tramo atópase cuberto de maleza.
  • Roteiro do Carreiro Longo.- Este camiño xa non existe. Sae do Pindo polo barrio da Laxe e sobe paralelo ao rego da Laxe ata atopar o camiño de Xoana. Era moi usado polos veciños para ir a os lugares de Mazaricos.
  • Roteiro O Pindo-Aldea de San Cibrán.- É un roteiro que sae por unha pista do cemiterio do Pindo, pasa polo lateral norte do Pedrullo onde se pode descansar un intre no merendero “Onde se adora”. Segue bordeando o Chan das Lamas onde se pode contemplar á esquerda o “Val Encantado” cuberto de pedras zoomorfas como “O Coloso”, o “Outeiro do Nariz” , o “Outeiro do Mono” ou o rosario de rocas coñecidas como “Os Aguillóns”. Antes de comezar a baixada tómase o carreiro da esquerda en dirección ao Lugar de San Cibrán.
  • Roteiro Caldebarcos-Alto do Currusal-Chan das Lamas.- Sáese do lugar de Caldebarcos nun traxecto de 2,3 Km. Pásase polo Petón do Rato, Outeiro do Agochadeiro, Os Apegadizos, chegando o Monte do Currusal con bonitas vistas panorámicas no horizonte. Neste traxecto tamén se pode visitar o Outeiro da Danza.
  • Roteiro do Camiño dos Costados.- Era o Camiño Sacramental usado para levalos mortos dos lugares de Quilmas, A Curra e Panchés ao cemiterio de San Mamede de Carnota. Neste roteiro pódense contemplar o Outeiro do Pendón, A Pedra dos Defuntos ou o punto onde existiu unha cruz de pedra.
  • Roteiro dos Muíños.- Entre os lugares da Curra e Panchés pasa un regacho coñecido como “Regos dos Muíños” onde as súas augas facía moer 17 muíños. Son muíños de distintas formas arquitectónicas situados a ambas marxes do regacho, imposible visitalos pola maleza.
  • Roteiro A Península dos Mouchos.- É unha pequena península situada ao oeste do lugar do Pindo cun carreiro que bordea a costa, con bonitas vistas. Pódense ver os restos dun primitivo castro.
 Ruta Casa Xoana- Pico de Peñafiel. Esta ruta se puede dar por desaparecida  copia
A Ruta Casa Xoana- Pico de Peñafiel, pode darse por desaparecida  

Polo tanto, falando de maneira bucólica, perderse polo Monte do Pindo pode ser una experiencia incríble, pero non cando sucede de verdade. De todo o exposto, moitos destes roteiros non se poden percorrer na actualidade. Non existen as rozadoras naturais como en tempos pasados cando abundaban as cabras, ovellas, cabalos, que limpaban fontes e camiños. Os excrementos destes animais fabricaban vermes que alimentaban a outros seres como lagartos, ratos, grilos, etc. etc. Estes á vez alimentaban a outros como águias, corvos, etc , existindo un equilibrio entre a flora e a fauna. Isto desapareceu.

Co incendio de setembro de 2013 apenas hai vida animal no monte. A flora recuperouse, pero dominan as plantas invasoras. Os carreiros, ao carecer de tránsito, cubríronse de maleza e moitos xa desapareceron.

Todo isto téñeno que saber os organismos e as autoridades responsables do Monte e deberían tomar cartas no asunto. Os senderistas de aquí e doutras latitudes que tanto encomiaron este territorio xa comezan a cansarse destes roteiros en mal estado, o que dá unha mala imaxe. Non é de estranar que cada vez saibamos de alertas aos servizos de seguridade para atopar a xente perdida no Monte, algo que se debería arranxar e evitar.

Ruta O Fieiro-A Moa. Cartel informativo copia
Cartel informativo da Ruta O Fieiro-A Moa....

 

Artigos de Modesto García Quintáns: Patrimonio Pindexo

Comentarios