mércores. 30.04.2025
El tiempo

Oliete deixa a dirección da fábrica despois de 30 anos

Oliete deixa a dirección da fábrica despois de 30 anos
Carlos Oliete no I Encontro QPC

Non se retira o incombustible Carlos Oliete, unha desas figuras empresariais que serán recordadas durante moito tempo na Costa da Morte. A súa dirección, durante case 32 anos, da empresa, case que con seguridade, máis grande da Costa da Morte, deixa moitas historias, e moita dedicación.

Para o bo e para o malo, que dende QPC temos denunciado as cousas negativas, pero tamén loubado as positivas, como o seu apoio a entidades e proxectos deportivos, culturais e mesmo solidarios. Temos falado con el en momentos claves da Ferroatlántica e mesmo tense achegado a algún dos Encontros QPC. E falando con el, e apesar de que moitas das prácticas da empresa non sexan do noso agrado, é fácil percartarse que estás con alguén moi por riba do nivel do empresario medio da bisbarra.

Pero non é porque se xubile. Oliete, coruñés de nacemento, foi nomeado novo director de Zona Noroeste e responsable de Enerxía da División de Ferroaleaciones do Grupo Ferroatlántica, do coñecido Villar-Mir. O posto, de nova creación, implica a representación institucional de Grupo en Galicia así como a coordinación da posición de Ferroatlántica en temas energéticos dentro da división de ferroaleaciones, entre eles, conseguir prezos de enerxía competitivos para as fábricas en España no marco da nova regulación eléctrica.
Oliete é ademais, membro da Xunta de Goberno de Augas de Galicia, vocal do Consello Galego de Relacións Laborais, vocal do Consello Asesor da CEG, membro da comisión nacional Mutua Fraternidad e membro do Grupo de traballo e do comité executivo da Asociación de Empresas de Gran Consumo de enerxía eléctrica (AEGEE).

Deste xeito, o seu substituto será Francisco Javier Vázquez Carro, que será o novo director das fábricas de Cee e Dumbría. Javier Vázquez, natural da Estrada (Pontevedra) de 56 anos, era ata a data Achego á Dirección, xefe de Calidade e responsable do Departamento de Materias Primas e Produtos Terminados das fábricas de Cee e Dumbría, onde desempeñou distintos postos nos últimos 34 anos.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).

Comentarios