A 9ª edición do Mes da Fundación botou o peche en forma de teatro

Ven de rematar a pasada semana a 9ª Edición do programa “O Mes da Fundación”, organizado pola Fundación Fernando Blanco de Cee. Unha cita que serve dende o ano 2013 para conmemorar dous relevantes acontecementos históricos da vila da Xunqueira acontecinos neste outonal mes (o nacemento do fundador o 18 de outubro de 1796, e a inauguración do Instituto que leva o seu nome, o 2 de outubro de 1886). Pero que tamén serve para encher de cousas interesantes o Auditorio Baldomero Cores.
Un programa que consta ademais de dúas liñas paralelas, unha centrada nos centros de ensino da vila da Xunqueira, e outra que achega actuacións ao públixo xeral.
A sección destinada aos centros educativos do concello pechouse o pasado xoves 27 con tres obradoiros impartidos polo entomólogo Miguel Santamaría Cabezas e ao que asistiron o alumnado de 3º de Primaria do CEIP Eugenio López e do CPR Manuela Rial. Estiveron os talleres centrados nos artrópodos (insectos, arácnidos, bolboretas e miriápodos), e @s asistentes, aínda que entraban con certo “medo e reticencia”, acabaron entusiasmados tocando e acariciando aos insectos pao, insectos folla, escaravellos, bolboretas, tarántulas, .... Ademais de coñecer as características de cada un deles, o seu entorno de vida, Miguel Santamaría soubo transmitirlles a vital importancia que estes animais teñen para o futuro do planeta.
A sección para o público en xeral rematou o sábado 29 coa compañía teatral Farándula Velutina, a cal representou “A derradeira Bala”. Farándula Velutina é un grupo de teatro afeccionado nacido no verán do ano 2018, vinculado á Asociación Cultural As Nove Musas de Corcubión, co obxectivo de crear un espazo de creación escénica de espectáculos para todo tipo de público.
A compañía está integrada por antigos membros da agrupación de teatro escolar Tuéjele do IES Fernando Blanco. A pesares da súa curta vida, Farándula Velutina participou xa en moitos certames e festivais de teatro, contando con numerosos recoñecementos e premios polo seu bo facer enriba do escenario. “A derradeira bala” é a historia de Luciana Cardone, a cal decide abandonar as trincheiras para ir na busca doutro mundo cheo de poesía, de teatro, de música ..., pero descuberta e xulgada polos seus superiores, é condenada a morte. Mais o amor pola música de Luciana, e as súas ansias de liberdade, farán que a cousa se complique polo camiño.
“A derradeira bala” está inspirada no libro do mesmo título do profesor do IES Fernando Blanco, Fernando Castro Paredes, autor de varios poemarios e pezas teatrais, polas que tamén leva recibido numerosos galardóns coma o Premio Varela Buxán, o Rafael Dieste ou o Premio do 2º Certame de Nova Dramaturxia Actual, entre outros.