As comunidades escolares únense este xoves nunha nova concentración en Cee tras un mes sen melloras
- Ester Vázquez Freire: Moldeando o futuro

Despois das masivas manifestacións no Pindo e en Cee, e anunciada xa unha nova concentración en Carnota para esta tarde de venres, as familias de Cee volverán alzarse contra os recortes este xoves 10 de outubro ás 19:30h na Praza 8 de Marzo.
Dende a Federación Provincial de ANPAS da Coruña e Costa da Morte están fartas xa do silencio e das “mentiras” que o Conselleiro de Educación, Román Rodríguez, leva protagonizado dende o comezo de curso, hai xusto 1 mes. “Este é o curso de maior modernización do sistema educativo galego”, prometía o día 11 de setembro, cando en realidade hai recortes de profesorado en 62 centros da provincia.
”Nunca tantas protestas se deran, en todo o territorio galego, e durante tanto tempo, por parte das familias. Nunca se amosara tal sentimento de unidade, concienciación, persistencia e insistencia ante o desleixo da Consellería de Educación, ante o abandono do alumnado nas aulas”, denuncian dende a Federación.
Critican o peche de escolas unitarias, falta de atención ao alumnado con Necesidades de Apoio Educativo, falta de especialistas de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe (os xa famosos PT e AL), ou a falta de asignación de Coidadoras mesmo xa adxudicadas.
”As familias da Costa da Morte estamos fartas de que a Consellería de Educación nos ningunee, de que cada curso escolar teñamos que comezar do mesmo xeito, reclamando un dereito. Un dereito a un ensino público de calidade, integrador, para todos e para todas. Sen excluir a nengún neno nin nena”, denuncian, fartas de levar un mes sen cambio algún, e sen poder falar co Conselleiro.