sábado. 07.12.2024
El tiempo

As familias de Paseniño piden poñer o foco na falta de recursos e apoios para unha inclusión real

Familias da Asociacion Pasenino
Familias da Asociación Paseniño na pasada xuntanza
As familias de Paseniño piden poñer o foco na falta de recursos e apoios para unha inclusión real

Xuntáronse as familias que forman a Asociación Paseniño, nunha xuntanza que quixo poñer o foco nos desafíos e oportunidades da crianza de nenos e nenas con necesidades educativas especiais. Unha realidade de máxima actualidade neste comezo de curso de continuas protestas contra os recortes no ensino, focalizadas na falta de atención por parte da Xunta ás NEE.

O encontro serviu como un valioso punto de conexión para as familias. No programa desenvolvéronse varias actividades, entre elas unha charla sobre as dificultades e oportunidades de educar a nenos diversos na sociedade actual, un espazo de intercambio titulado Camiños Compartidos: Falando sobre Desafíos e Solucións, e un tempo de café e conversa que permitiu ás familias compartir experiencias e establecer novas redes de apoio.

"Asistir a este encontro fíxonos sentir que non estamos sós nesta loita. Tivemos a oportunidade de coñecernos, compartir as nosas inquietudes e coller folgos para seguir defendendo os dereitos dos nosos fillos e fillas", afirmou unha das asistentes.

As demandas principais

Do debate e reflexión conxunta xurdiron varias demandas concretas para mellorar a atención e inclusión das persoas con diversidade e o apoio ás súas familias:

  • No ámbito educativo: As familias solicitan valorar máis o proceso de aprendizaxe e non só os resultados académicos, maior formación do profesorado, accesibilidade e inclusión real, así como apoio continuo durante toda a etapa escolar. Tamén se destacou a necesidade de profesionais especializados, como mediadores comunicativos, e unha maior implicación dos centros educativos nas necesidades das familias.

  • Asociacións afíns: Piden maior visibilidade, colaboración nos procesos, asesoramento, recursos suficientes e un apoio que abarque todas as familias, non só as neurotípicas.

  • Sector privado: Reclámase unha oferta máis accesible económicamente, maior implicación no rural e un enfoque menos mercantilista cara ás familias.

  • Ámbito sanitario: Destacouse a urxencia de diagnósticos máis rápidos e precisos, unha atención máis empática e personalizada, coordinación entre equipos multidisciplinares e melloras na accesibilidade nos servizos.

  • Servizos sociais: Piden máis axilidade, formación e empatía, eliminación de burocracias e estigmas, e un acompañamento integral ás familias.

  • Administración pública: Solicítase un maior investimento en recursos e investigación, así como apoios educativos e económicos reais. "Que nos vexan como persoas e non como votos", foi unha das mensaxes que xurdiu deste espazo.

Asociacion Pasenino caixa sorpresa

Un futuro de oportunidades

A xornada rematou cunha mensaxe de esperanza. As familias destacaron que a visibilidade da diversidade está a medrar e que encontros coma este son claves para cambiar realidades. A formación online está a romper barreiras no rural, e cada vez hai máis oportunidades para avanzar na inclusión.

As palabras das familias participantes ilustran a emoción vivida:

  • "Moitas grazas pola acollida e por facernos sentir tan cómodas."

  • "Foi un pracer compartir esta tarde, bonita e terapéutica, con todas e todos vós."

  • "Grazas por facernos medrar como persoas. Enriquecedor e inolvidable."

Paseniño agradeceu a participación de todas as familias e comprometeuse a continuar sendo unha plataforma de encontro e apoio. Con forza renovada, as familias miran cara ao futuro co convencemento de que a unión pode cambiar moitas cousas.

Máis novas

Comentarios