mércores. 30.04.2025
El tiempo

Jesús Picallo: “As acusacións persoais da alcaldesa marcan un antes e un despois na relación entre os partidos”

Margarita Lamela co ex ministro Abalos en 2023
Margarita Lamela co ex ministro imputado José Luís Ábalos en 2023
Jesús Picallo: “As acusacións persoais da alcaldesa marcan un antes e un despois na relación entre os partidos”

A vida política de Cee está cada día máis tensa, pero hai liñas vermellas que non se deben pasar, en relación ás acusacións persoais. Así o denuncia Jesús Picallo, voceiro do PP de Cee, que considera que esta pasada semana “marca un antes e un despois na relación entre os partidos”, debido aos ataques vertidos na Radio Nordés da rexedora Margarita Lamela.

O PP esixía unha mellor fiscalización dos ingresos e dos gastos da piscina, e a rexedora respondía dando poucos argumentos sobre os gastos da piscina, pero moitas calumnias persoais en contra do voceiro popular.

”Ata o de agora os enfrontamentos non foran, polo menos pola nosa banda, máis aló de críticas políticas, pero o do outro día xa non se pode consentir”, apuntou Picallo, que estuda acudir aos xulgados por deixar entrever posibles irregularidades do popular na súa etapa á fronte da dirección do centro comercial de Cee e tras ameazar con destapar intereses poucos éticos por parte de Picallo no súa labor como líder local da formación política.

Picallo lamenta “a política do medo e das ameazas” que practica unha rexedora “máis pendente dos gústames das redes sociais que das obras”. Lembrou tamén que na última campaña das municipais, a rexedora foi máis aló e instou a que o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, lanzara durante un mitin a sospeita sobre os negocios privados que o popular ten na comarca. “Afortunadamente o presidente da Deputación, uns días despois, veu pedirme desculpas”, deixou claro Picallo.

Lonxe de quedarse aquí, o popular convidou á alcaldesa para debater cara a cara todas estas acusacións e mostrouse disposto a poñer sobre a mesa a documentación necesaria que avala a legalidade dos seus negocios e a correcta xestión que levou a cabo durante o seu estapa como presidente do centro comercial de Cee.

A polémica pola praia de Caneliñas

Por outra banda, o voceiro dos populares aproveitou tamén para explicar as críticas que a súa formación vertiu sobre o feito de que a señora Lamela levase a cabo nas últimas semanas unha campaña de promoción turística da praia de Caneliñas. “Parécenos fenomenal que faga promoción de Cee. Explicámoslle no último pleno o que foi Lires, o que foi Estorde, explicámoslle o que significa o que supón ter a Porta Santa, pero ela decidiu promocionar Caneliñas, un espazo cun centro privado, que ademais a día de hoxe é un verdadeiro perigo”, sinala Picallo que concluíu subliñando que a alcaldesa debería explicar os motivos reais de por que decide promocionar Caneliñas e non outros lugares que están mellor preparados para recibir turistas”.

Máis novas

Comentarios