Sábado. 27.07.2024
El tiempo

Rocío Leira: "Escribir sobre o cancro sempre é difícil, pero se está orientado ó público infantil a dificultade é maior"

Rocío Leira: "Escribir sobre o cancro sempre é difícil, pero se está orientado ó público infantil a dificultade é maior"
Rocio Leira acaba de publicar a súa segunda novela infantil Rocio Leira acaba de publicar a súa segunda novela infantil Nin de letras nin de ciencias. Rocío Leira, natural da Pereiriña-Cee, non é capaz de elixir entre estas dúas ramas do coñecemento porque ambas se lles dan ben. Por un lado dá clases de matemáticas na academia Fórmate (en Cee e en Santiago) e por outro, xa vai pola súa segunda novela: "O becho que quería comer á avoa"
  • QPC: Como vai a acollida de “O becho que quería comer á avoa”?
A acollida de "O becho que quería comer á avoa" está a ser moi boa entre os rapaces. Así mesmo, estou moi contenta coas críticas que está a recibir, malia que o tema tratado, o do cancro, non é precisamente unha temática infantil. Hai quen me di que son un pouco kamikaze, porque polo de agora nos meus dous libros escollín temas "complicados" para os nenos: en "Universo Pitágoras", o das matemáticas, que non acostuma a ser a asignatura favorita dos rapaces, e agora o da enfermidade do cancro.
  • QPC: A que público está dirixido o libro?
O libro está dirixido a rapaces de máis de dez anos, pero eu penso que é un libro que o poden ler nenos dende os 9 ata os 90 anos, pois ó meu ver,  admite lecturas a varios niveis. Os rapaces seguramente se van a quedar coa parte máis superficial do mesmo, máis humorística, pero logo hai certos matices que só unha lectura adulta vai poder percibir. De  feito, moitos dos adultos que o leron dixéronme que o libro lles gustou, os emocionou,  e sobre todo os transportou a unha parte da sua infancia que crían xa esquecida.
  • QPC: Como xurdiu a idea de publicar un libro sobre un tema tan delicado?
A idea de escribir un libro sobre un tema tan complicado xurdiu, precisamente por iso, porque me parecía un tema difícil, e en certo modo tabú para os máis novos. Pareceume todo un reto abordalo. Ademais gústame tratar temas pouco vistos ou pouco utilizados, aínda que  en realidade xa todo está escrito e o único que cambia é quizais  a experiencia persoal e vital do autor e a súa ollada particular sobre un tema.
  • QPC: É difícil escribir un conto para nenos sobre unha enfermidade?
Escribir sobre unha enfermidade como o cancro creo que sempre é difícil, pero se ademais o texto está orientado ó público infantil a dificultade é aínda maior. No meu caso, tratei de abordar a enfermidade de maneira clara e natural, mediante unha protagonista, Sara, cunha visión moi inocente de todo o que a rodea. Ademais o libro ten certos toques de humor  que axudan a rebaixar a carga emocional da historia, e a conseguir que, lonxe de ser un drama, sexa unha historia tenra e emocionante. O becho que quería comer á avoa O becho que quería comer á avoa
  • QPC: Que che gustaría que aprendesen os nenos co teu libro?
En "O becho que quería comer á avoa"  hai unha presenza moi importante do mundo do rural, o mundo no que eu me criei e que quixen que fora o protagonista prinicipal. Por esa banda gustaríame que os nenos se concienciasen da importancia da natureza, do respecto do medio ambiente e sobre todo da beleza e da paz que destila un entorno natural.
Por outra banda, as relacións familiares - fago especial fincapé na da rapaza protagonista coa súa avoa -, son outra das partes esenciais deste libro. Gustaríame que os rapaces soubesen e valorasen adecuadamente a importancia de ter unhas relacións familiares sólidas e consolidadas, como forma de seguridade emocional,  e que aprendesen a respectar ós maiores, nunha sociedade na que cada vez máis,  a xuventude e un valor en alza en detrimento da vellez.
Por último, o libro pretende amosar ós nenos a importancia de afrontar con valentía unha problemática familiar, como é a da enfermidade do cancro, que en calqura momento lles pode tocar vivir, e conciencialos da importancia de afrontar todos xuntos, en familia,  unha situación tan difícil. Pero sobre todo, o libro, o que trasmite e destila dende a primeira ata a última páxina é optimismo, algo que me gustaría que os nenos incorporasen ás súas vidas, pois o meu ver, resulta vital para superar calquera dificultade.
  • QPC: Ler achegalle ós nenos…
Ler achégalles ós nenos realidades  e situacións que sen a lectura quizais non poderían coñecer. Porque cun libro os rapaces poden viaxar, rir, chorar, emocionarse, desfrutar, soñar... Pero sobre todo ler vailles proporcionar uns alicerces sólidos para desenrolar a súa capacidade reflexiva e crítica, algo que outros medios de consumo máis inmediato non lle poden dar.

Novas relacionadas

Fonte  

Comentarios