Domingo. 06.10.2024
El tiempo

Tesouros da Fundación: Esquema orográfico e hidrográfico de Galicia

  • Autores: VICENTE FRAIZ ANDÓN (1859 – 1919) e RAFAEL DE LA TORRE MIRÓN (1871 – 1937)
  • Ano: 1909
ESQUEMA OROGRÁFICO E HIDROGRÁFICO DE GALICIA
ESQUEMA OROGRÁFICO E HIDROGRÁFICO DE GALICIA
Tesouros da Fundación: Esquema orográfico e hidrográfico de Galicia

A hidrografía de Galicia estrutúrase en dúas vertentes, a atlántica e a cantábrica. Os ríos galegos presentan caudais elevados e regulares debido á abundancia e regularidade das precipitacións, e debido ás características da costa presentan grandes rías na súa desembocadura.
Dous ríos constitúen fronteiras administrativas que se reparten a propiedade das súas vertentes; a marxe dereita do Eo fai fronteira con Asturias, e a esquerda do baixo Miño con Portugal. En conxunto tódolos ríos son de réxime pluvial oceánico, abundante caudal, regularidade e crecidas invernais.
O aspecto orográfico que presenta Galicia no seu interior é de montañas baixas e romas. As pendentes suaves, ás veces, ceden o paso a ladeiras escabrosas.

Noutras zonas aparecen amplos vales, si ben son minoritarios.
Galicia e percorrida de norte a sueste por dúas fallas tectónicas, partindo as características do solo galego por ditos lugares. Así, na zona de Porriño atópanse canteiras de granito, rocha moi abundante en boa parte de Galicia, pero ausente no extremo nordeste.

A peza protagonista da sección de hoxe, coma o seu nome indica, trátase dun mapa para o estudo da extensa rede fluvial de Galicia (hidrografía) e do vasto sistema montañoso do noso país (orografía).
Está realizado en escaiola policromada e rodeado dun marco de madeira, e formaba parte da colección de mapas que se empregaban nas clases de xeografía, aínda que este, por ser de maior porte e de material máis nobre, (o resto de mapas do Instituto son de cartón pedra), usouse moito tempo con función decorativa no despacho de dirección do centro educativo ceense.

FOTOGRAFÍA DO DESPACHO DE DIRECCIÓN ONDE SE PODE VER O MAPA. Ca . 1920-1930
Despacho onde está o mapa 1920-1930

Un mapa xemelgo ao que posúe a Fundación Fernando Blanco de Cee foi premiado coa Medalla de Ouro na Exposición Rexional Galega de 1909 por ser o primeiro mapa realizado con criterio científico.

Descoñecemos a data de adquisición do esquema orográfico e hidrográfico, e tamén o seu custe, pero podemos facernos unha idea cos datos da compra dun mapa idéntico para o Instituto de Ourense (actual IES Otero Pedrayo) no ano 1910, o cal custou 200 pesetas, ás que había que sumar outras 25 pesetas polo porte e embalaxe.

Foi trazado por Vicente Fraiz Andón (Silleda, 1589 – Santiago de Compostela, 1919) e modelado por Rafael de la Torre Mirón (Madrid, 1871 – Santiago de Compostela, 1937).

VICENTE FRAIZ ANDÓN (1856-1919). FOTOGRAFÍA EN VIDA GALLEGA (1909)

VICENTE FRAIZ ANDÓN estudou na Escola Normal de Santiago, onde foi un alumno distinguido, logrando o Título de Mestre Superior.

Dende Santiago trasladouse a Madrid onde completou os seus estudos, acadando o grao de Meste Normal, cuxa reválida aprobou o 8 de xullo de 1881.
Empezou a súa actividade docente no 1878 sendo nomeado mestre auxiliar e substituto da Escola Pública de Nenos de Silleda. Sete anos despois, foi nomeado polo Ministerio de Fomento, segundo mestre interino da Escola Normal de Mestres de Lugo, onde chegou a desempeñar o cargo de director interino. Marchou a Cuba, onde realizou a Licenciatura e o Doutorado en Filosofía e Letras na Universidade da Habana.

En 1880 foi nomeado profesor numerario en propiedade da Escola Normal Superior de Mestres da Illa de Cuba, cargo que desempeñou ata o día que rematou naquela provincia a soberanía española, regresando a Galicia no 1898.
Na illa caribeña desenvolvera Fraiz Andón unha intensa actividade cultural, organizando as ensinanzas do centro de ensino Concepción Arenal do Centro Galego, e recibindo os títulos de Director Honorario Perpetuo da Sección de Instrución e Socio de Mérito do Centro Galego.

De regreso a Galicia retomou a súa actividade docente como Director e profesor numerario da Escola Normal de Mestres de Santiago de Compostela.
Organizou o Certame Pedagóxico de 1906 e o Congreso Nacional da Ensinanza Primaria en 1909, desenvolvendo unha ampla labor a favor das escolas rurais e de formación de mestres.

Foi un entusiasta da figura de Rosalía de Castro e a el débese a creación da estatua á inmortal poetisa na capital galega, posto que presidiu, a principios de 1910, a Comisión para obter recursos e axudas para a construción do monumento, o cal inaugurouse o 25 de xullo de 1917 no Paseo da Ferradura, e foi obra do escultor Francisco Clivillés e do arquitecto Isidro de Benito.

Fraiz Andón publicou un número importante de obras relacionadas co ensino e colaborou en diversas publicacións pedagóxicas.
Á súa morte, deixou toda a súa fortuna aos nenos de Silleda, o seu pobo natal, co fin de que lles dera unha mais sólida instrución.

RAFAEL DE LA TORRE MIRÓN (1871-1937). GRAN ENCICLOPEDIA GALLEGA

RAFAEL DE LA TORRE MIRÓN formouse na Academia de San Fernando, onde foi discípulo de Arturo Mérida, con quen colaboraría na execución do Monumento a Colón para a Catedral de Sevilla.
A finais do século XIX completou a súa formación en París, obtendo en 1900 ganou a cátedra de profesor de debuxo do Instituto de segunda Ensinanza de Santiago.
Dende 1902 tamén exercería a súa labor docente na Escola de Artes e Oficios, e, a partir de 1904 desempeñaría a praza de escultor anatómico na Facultade de Medicina.
Na obra deste escultor constátanse dúas tendencias: unha ecléctica e outra modernista.

SEPULCRO DE ALFREDO BRAÑAS NO PANTEÓN DE GALEGOS ILUSTRES. 1905
Sepulcro de Alfredo Brañas dos Galegos Ilustres 1905

Á primeira pertencen fundamentalmente as súas obras relixiosas ou funerarias, como o Sepulcro de Alfredo Brañas no Panteón de Galegos Ilustres (1905), o Panteón da Familia Bouzas no Cemiterio de Vigo, ou o Retablo neoplateresco da Capela do Rosario en San Domingos de Bonaval. Para a Catedral de Santiago elaborou o retablo neogótico da Capela de San Fernando, e foi autor das trazas do Retablo neogótico da Capela das Reliquias, cuxa execución levaría a cabo Maximino Magariños, ao tempo que tamén realizou, conxuntamente co escenógrafo Eugenio Villar, o Monumento de Xoves Santo.

Á tendencia modernista corresponden principalmente as obras profanas e pensadas para concorrer nas Exposicións.

En De la Torre Mirón atopamos tamén o gusto pola unificación das artes, como exemplifica o neoplateresco Paraninfo da Universidade compostelá, proxecto que leva a cabo en compañía de Eugenio Villar, ou a tamén neoplateresca Capela dos Irmáns da Doutrina Cristiana (Santiago de Compostela), neste caso realizada xunto co pintor valenciano Martín Marqués.

  • Darío Areas, Secretario da Fundación Fernando Blanco.

OUTROS TESOUROS DA FUNDACIÓN

Comentarios