Luns. 06.12.2021
El tiempo

Os traballadores de XEAL manteñen as mobilizacións dende a praza do Concello e volven criticar o deterioro da fábrica

Mal estado da fabrica de Brens
Mostras do mal estado no que se atopa a fábrica de Brens
Os traballadores de XEAL manteñen as mobilizacións dende a praza do Concello e volven criticar o deterioro da fábrica

Non decae a loita dos traballadores e as traballadoras de XEAL (Ferroatlántica de Cee, Dumbría e as Centrais Hidroeléctricas). Este venres continúan o calendario de mobilización volvendo ás portas da Casa do Concello, desta volta ás 18:00h. E aseguran que manterán as concentracións ata que se presente o plan de viabilidade ao que obrigan as cláusulas das concesións e un calendario de rearranque dos fornos e investimentos que garantan a recuperación da actividade produtiva e o mantemento dos empregos.

Dende o comité lembran que o ERTE rematou o pasado 28 de febreiro e “aínda que o persoal está reincorporado nos seus postos de traballo, a produción está en mínimos, dous fornos continúan sen actividade e non hai previsión de que a empresa adquira materia prima para arrancalos no curto prazo”. E iso a pesar de que no mercado internacional de manganesos hai demanda deste material. "A dirección non nos dá explicacións de por que non arrancan os fornos, segue negándose a trasladarnos o plan de viabilidade que supostamente lle presentou á Xunta e a día de hoxe non puxo nin un só euro dos investimentos millonarios comprometidos para as fábricas", advirte o comité.

A este respecto poñen a atención no deterioro e desmantelamento progresivo das factorías de Cee e Dumbría e na destrución de emprego que xa se produciu e fan un chamamento á Xunta para que exerza as súas competencias tanto en materia de industria como sobre a titularidade da concesión dos aproveitamentos hidroeléctricos.

NOVAS DO CONFLITO #FERROATLÁNTICA

comentarios