Luns. 06.05.2024
El tiempo

7 Concellos pendentes do Pleno de Investidura

7 Concellos pendentes do Pleno de Investidura

A 3 días do Pleno de Investidura deste sábado 11 de xuño, continúan os movementos en todos os concellos da bisbarra. Sobre todo nos que aínda non están decididos os pactos de goberno, onde as conversas entre partidos de todas as cores están sendo máis que habituais.

De feito, onte dabamos conta do pacto entre PP e AIM en Malpica, que pon a Eduardo Parga de alcalde e a Cañizo de teniente alcalde. Pero a cousa aínda non está clara noutros concellos.

En Carnota, a voltas co Bipartito

Xa o contabamos esta semana. BNG e PSOE están pasándose a pelota agardando que o que ceda sexa o contrario. A inclusión dunha segunda dedicación exclusiva é unha das esixencias do PSOE para cederlle o apoio e a alcaldía a Moncho Noceda, e alonxar da alcaldía a José Oreiro. Dende o PSOE clarexan que as necesidades van máis alá e esixen un pacto de gobernabilidade antes do sábado e participación na vida política.

O BNG carnotán respondía hoxe mesmo asegurando que "todos os contactos co PSOE partiron do BNG". Nesa liña o grupo pide que ao PSOE que cumpran "o compromiso de apoiar na investidura a forza máis votada entre elas, neste caso o BNG".

Veremos se de aquí ao sábado 11 de xuño se clarexan as posturas e chegan a un acordo, como é agardado.

En Cee, complícase o pacto BNG e PP

O Concello de Cee é un dos que máis pendentes está dos posibles pactos de aquí ao Pleno de Investidura do sábado. Un hipotético pacto entre BNG e PP deixaría fóra do goberno ao actual alcalde Ramón Vigo. Pero o camiño non parece que vaia por ese lado.

A voceira do PP, Zaira Rodríguez xa avisara de que "lo que va a suceder es que el partido más votado tendrá que gobernar en minoría". E hoxe nos comenta que "non hai novedades. Nós temos claros que nos vamos votar a nós mesmos na investidura", e sinala que "non hai contactos nin con uns nin con outros".

Na man do BNG estaría pactar co PP ou simplemente votarlle no Pleno de Investidura. Pero a asemblea local do BNG non está pola labor de "regalar os seus votos", e consideran este punto máis importante que o feito de cambiar o rumbo político do Concello máis importante da Costa da Morte.

Ademais, onte o BNG entregaba un documento para "garantir a transparencia e o rexeitamento de toda clase de corrupción" ás voceiras do PP e do PSOE (non a IXcee) para asinalo conxuntamente. Nel piden un pacto anticorrupción para "sanear económica e democraticamente" o Concello.

En Vimianzo case solucionado o Bipartito, ou non?

Parece que si. Parece que PSOE e BNG de Vimianzo teñen enfilado o novo goberno municipal. Os dous partidos coinciden na necesidade dun goberno estable e só teñen que solucionar varias peticións que o PSOE puxo enriba da mesa en materia de competencias. Na noitiña do xoves haberá unha reunión na que se podería asinar o pacto.

"Penso que pode haber acordo perfectamente. Só hai unhas condicións que hai que matizar sobre as competencias en determinadas áreas, pero esperamos que non haia problemas", apunta Roque, un dos voceiros do PSOE vimiancés. Iso si, o PSOE ten claro que non pactará con IxVimianzo: "Nós non nos vendemos, iso está descartado totalmente", sentencia.

Ademais, e unha vez que Alejandro Rodríguez non ocupará a súa praza de concelleiro, a corporación municipal parece enfocada.

En Muros, as cousas seguen como están

"Seguimos negociando, pero non hai nada pechado nin decidido", apunta a voceira do BNG de Muros María Xosé Alfonso. I é que son os nacionalistas os que teñen a chave de goberno unha vez que as relacións entre PP e PSOE están moi alonxadas. "Eu de tódolos xeitos creo que a chave a seguimos tendo nós, porque os dous grupos seguen querendo gobernar con nós", sinala Alfonso

Queda pendente o Concello pous da Asemblea local do BNG de Muros que se celebrará entre o xoves e o venres, na que trasladarán aos milititantes o contido das negociacións e serán eles os que decidan o futuro do Concello.

Así e todo, ademais dos posibles pactos PSOE-BNG e PP-BNG queda aberta a posibilidade dun goberno do PSOE en minoría se a Asemblea do BNG decide non apoiar a ningún dos dous grupos.

En Laxe, goberno en minoria

Xa o apuntabamos tralo 22 de maio: Bipartito BNG-PSOE ou goberno en minoría. E parece que as cousas xa están decididas, unha vez que o BNG mantén a súa decisión de non pactar nin co PSOE nin co "esperpéntico tripartito", como o cataloga Xosé Manuel Pose.

Deste xeito, o BNG votará a favor do PSOE no Pleno de Investidura deste sábado 11, pero non vai formar goberno "nin agora nin nunca". Pero sinala o propio Pose que "a partir da auditoría estea feita, poderemos realizar algún pacto, pero só pactos puntuais en asuntos concretos". Pose lembra que o propio sábado ás 20:00h, farán unha exposición pública ante os seus militantes no local do BNG (na rúa Rosalía de Castro, 1).

En Corcubión, sen movementos

Parece que a cousa quedará en Corcubión como está: cun goberno en minoría do PSOE, unha vez que parece que non hai movementos entre PP e BNG.

Os que fixeron valoración dos resultados foron os membros Agrupacion Local do PSOE de Corcubión. Todos concluiron que "aínda que non sacamos a maioria absoluta que mantería un goberno estable, fomos a lista máis votada a moita distancia dos outros dous partidos". Destacan que "maila baixar o censo,a nosa candidatura se mantivo na mesma porcentaxe de votos" e asumen a situación actual e farán o posible "tanto ao frente do goberno como na oposición". Todo parece que o farán dende o goberno.

Novas relacionadas

Repaso Concello a Concello

Máis información

Fonte

Comentarios