O BNG volveu amosar o seu apoio ao pobo palestino cunha nova concentración en Corcubión

A praza Castelao de Corcubión volveu a acoller este luns 22 de setembro unha concentración para dar respaldo ao pobo palestino ante o xenocidio que está a sufrir por parte do Estado sionista de Israel, convocada pola Coordenadora Galega de Solidariedade coa Palestina, e polo BNG Costa da Morte.
Leuse un comunicado no que se denunciou a situación de extrema gravidade en Gaza:
O exército de Israel continúa a atacala e forzando á poboación a fuxir. As atrocidades teñen un único obxectivo: varrer a poboación palestina á procura do negocio da reconstrución, da especulación urbanística, da tomada de posesión dos xacementos gasistas que se encontran diante da Faixa de Gaza, e da idea supremacista dunha terra só para as e os colonos. Unha limpeza étnica con todas as letras ao servizo dos intereses imperialistas.
Sen o apoio dos Estados Unidos e da Unión Europea, Israel non poderia levar 2 anos masacrando civís e arrasando toda Gaza. Por iso insistimos en ligar o xenocidio ao pasado inmediato de ocupación e apartheid. O xenocidio é unha fase máis, a máis cruel e salvaxe, dun plano colonial que avanza paso a paso desde hai case 8 décadas. E o sionismo é a ideoloxía que lle dá soporte.
A solidariedade galega entendeuno perfectamente, e por iso leva dous anos de mobilización social permanente contra o sionismo, negándose a normalizar un estado ocupante. Por iso boicoteouse a participación da equipa Israel Premier Tech en La Vuelta. E por iso haberá unha mobilización o 4 de outubro contra a presenza de Ehud Olmert na Toxa. Non hai que esquecer que este sionista ordenou bombardear Gaza durante 22 días consecutivos na operación Chumbo Derretido, cando era primeiro ministro israelí.
5 de otubro en Compostela
No acto, ademais, informouse que o vindeiro domingo 5 de outubro está convocada en Compostela unha manifestación nacional de solidariedade con Palestina. Saída ás 12h da Alameda.