Xoves. 10.10.2024
El tiempo

Eva Almazán, Premio Plácido Castro: “En 25 anos a tradución literaria galega deu o paso definitivo cara á normalización”

Eva Almazan recibindo o premio Placido Castro de traducion en Corcubion
Eva Almazán recibindo o premio Placido Castro
Eva Almazán, Premio Plácido Castro: “En 25 anos a tradución literaria galega deu o paso definitivo cara á normalización”

A Capela do Pilar de Corcubión acolleu este venres a entrega do XXI Premio Plácido Castro de Tradución. Foi previa do Día Internacional da Tradución a data escollida para que a Fundación do autor corcubionés escolleu para facer a entrega dun premio que este ano repartiuse ex aequo en Eva Almazán pola obra “O ano do pensamento máxico/The Year of Magical Thinking”, de Joan Didion; e Xosé Antón Parada Fernández, pola obra “Código de Hammurabi e outras compilacións legais de procedencia babilónica”.

Se ben Xosé Antón Parada non puido acodir, Eva Almazán fixo un comprometido discurso, no que agradeceu ao xurado o premio, tendo en conta ademais que moitos foron os seus mestres. Foi máis alá Eva, deixando clara a honra que lle trae compartir o premio co “profesor Parada”, e explicando moi ben a evolución do mundo da tradución no eido editorial.

” Cando eu entrei no mundo editorial, hai agora vinte e cinco anos, a tradución literaria seguía a ser o que en distintos foros teño chamado un exercicio de militancia cultural galeguista. Existía unha intelligentsia, profundamente comprometida co proxecto normalizador, que investía o seu tempo, o seu talento e incluso os seus cartos en ir enchendo de traducións os baleiros andeis da biblioteca galega, e iso en paralelo á súa profesión principal. Era un labor encomiable e imprescindible, pero insuficiente, porque un sistema editorial que se prece non pode cimentarse exclusivamente no voluntarismo. Para que sexa normal –no senso sociolingüístico–, o sistema ten que apoiarse nun segundo piar: nun corpo de tradutores (e de editores, revisores, correctores, maquetadores…) profesionais. Ten que existir un gremio que día a día mova as engrenaxes, facendo o groso do traballo coma en calquera outro oficio; este é o gremio a que me honra pertencer. Só que a ese labor cotián ten que se lle sumar a achega preciosa e imprescindible de figuras sobranceiras provenientes doutros ámbitos: ese poeta que traduce outro poeta estranxeiro, esa especialista nunha escola filosófica que traduce a súa obra fundacional… ou ese singular experto en acadio que asina a monumental tradución dunha obra clave da historia do mundo, como é precisamente o caso do profesor Parada”.

Almazán agradeceu a labor da editoria “Rinoceronte”, a editora dos dous textos premiados nesta edición. “Coa súa decisión, o xurado está dando fe de que, con todas as súas eivas e insuficiencias (que as hai, e non poucas, coma en todos os sistemas culturais), en apenas 25 anos a tradución literaria galega deu o paso definitivo cara á normalización”.

NOVAS RELACIONADAS

Comentarios