Sábado. 02.11.2024
El tiempo

“Na Road Trip Protesta a Rianxo aprendimos que un Centro de Día é posible, e significa dignificar aos maiores”

Corcubion e Rianxo unidos pola loita polo Centro de Dia
Corcubión e Rianxo unidos pola loita polo Centro de Dia
“Na Road Trip Protesta a Rianxo aprendimos que un Centro de Día é posible, e significa dignificar aos maiores”

Singular e vertebradora a aventura que viviron varios membros da Comunidade Eco-social Boca de Sapo esta pasada fin de semana. Artellaron un Road-Trip Protesta ata Rianxo para compartir experiencias e abrir sinerxias coa Plataforma que tamén reivindica un Centro de Día na localidade da Barbanza.

A historia da rehabilitación e posta en marcha do antigo Asilo de Corcubión leva 10 anos en vilo, e segue aínda sen resolverse, a pesar das continuas protestas.

Falamos con Francisco Santiago López, María Bella e Álex López para que nos conten como viviron a experiencia e que cousas aprenderon dunha loita veciñal que parece chegar a un final feliz.

 
Furgoneta de Boca de Sapo polo Centro de Dia en Corcubion
A furgo enganada para a ocasión
 
  • QPC: Xa levades moitos meses pelexando por un centro de día comarcal. Por que credes que é tan necesario?

- Francisco Santiago López: Verás, hoxe en día, afortunadamente, a esperanza de vida en España acadou niveles que hai anos parecería ciencia ficción. Que pasa entón? Pasa que a xente que se xubila ten moitos anos de supervivencia, entonces chega un momento en que nos atopamos con unidades familiares estruturadas con xente moi maior vivindo con familiares, que ou ben se atopan nunha idade óptima para traballar e non teñen tempo suficiente para compaxinar o seu traballo co coidado do seu maior, ou ben se atopan en situación de desemprego con rentas moi baixas para soster un coidado idóneo das persoas que teñen o seu cargo. Por estas razón e por outras que aquí sería moi longo de expoñer, a sociedade actual precisa artellar xa de xeito acuciante, unha solución para compaxinar o coidado dos nosos maiores co nosa vida laboral, por iso pensamos que os Centros de Día son claves para solucionar o problema.

- María Bella: Por suposto que para atender ás formas de vida presentes dentro dunha lóxica estatal que herdamos e na que nos educamos, en escoliñas públicas, colexios públicos, hospitais públicos, piscinas públicas, suma e segue... resulta que o máis vulnerable de todos non vai ter ese dereito. Pero tamén porque temos un Centro de Día preparado pero baleiro desde fai unha década, un recurso da cidadanía pechado para a cidadanía. Ten isto algún sentido?

- Alex López: Concordo cos meus compañeiros. É curioso que se pregunte pola necesidade dun Centro de Día. Semella que a asistencia de calidade aos nosos maiores sexa un privilexio e non se vexa como un dereito máis a exixir dentro dos piares dun Estado que presume ser de Benestar. Por que é necesario un Centro de Día? Entre e outras cousas que xa sinalaron María e Paco... Por humanidade.

 
  • QPC: Como nace a idea de ir coñecer a realidade de Rianxo?

- F.S.L.: Foi nun “brainstorming” que facemos nas reunións que Boca de Sapo desenvolve regularmente. Precísabamos saber de primera man como enfocan esta problemática en outros lugares diferentes.

- M.B.: Si, foi como unha converxencia, queriamos facernos un plan de mobilizacións e á súa vez necesitabamos avivar os ánimos e atopar un pouco de forza para seguir camiñando, así que ir a Rianxo podía funcionar para ambas cousas: Coñecer unha experiencia que ten colleitado certos logros e que o feito de desprazarnos tomase forma de mobilización.

- A.L.: Pois como pasa case todo na nosa asociación, nunha especie de sinerxias espontáneas onde saen ideas individuais que se converten en colectivas e que despois imos dándolle forma entre todas e todos.
Xa levabamos un tempo falando de tratar de sumar forzas, de crear rede. Falando de que tiñamos que pórnos a traballar sobre isto, saeu a colación a Plataforma de Rianxo. Decidimos que tiñamos que pórnos en contacto coa plataforma e reunirmos con ela para adquirir experiencias e novas ideas. De aí xurdíu a idea de facer da propia viaxe un xeito máis de reinvindicación polo Centro de Día.
E así naceu a Road Protesta (risos)

 Alex Lopez e Maria Bella na Serra de Outes
Alex Lopez e Maria Bella pola Serra de Outes
  • QPC: Como foi a road-trip-experience? Non era o mellor día…

- F.S.L.: Bueno, a verdade que o clima non acompañou para nada, pero a pesar de todo foi unha experiencia moi emocionante e produtiva. Sólo o feito de espetar na carrocería dunha furgoneta a nosa reivindicación e percorrer parte da nosa provincia na procura dun xeito mellor de vida para a comunidade, facía medrar en nós a idea de que estábamos facendo algo importante a pesar de tódalas inclemencias do tempo.

- M.B.: Si, creo que a combinación dos elementos tiña algo de empoderador. Fabricarnos os nosos propios vinilos a golpe de tijera e cutter, subirnos a unha furgoneta para saír de viaxe, deixar o noso pobo para regresar a el máis fortes.

- A.L.: Bon, isto é a demostración que con poucos recursos, boa vontade, boas ideas e gañas de tirar para adiante pódense mudar as cousas. A propia viaxe, para min, foi verdadeiramente moi enriquecedora. Falamos moito debatimos máis e iamos facendo fotos, vídeos e audios de ruta para que ás compañeiras e compañeiros que non puideron vir connosco compartiran a experiencia e se sentisen tamén partícipes.
Certamente, a choiva e a néboa acompañáronnos tanto na ida como na volta, aínda así, iamos parando para facernos ver en A Picota, Serra de Outes, Noia...
Lembro que en Serra de Outes comezou a chover a cachón. Saímos da furgoneta para estender a pancarta e facermos unha foto Paco, cun paraugas na man ea cámara na outra, dixo: "Hai que ter humor, eh…!” Rimos moito, mais así deben ser as cousas, loitar polo que un cree, a pesar das inclemencias do tempo, coas persoas adecuadas e con bo humor... A verdade, pasámolo ben, todo hai que dicilo.

 Francisco Santiago e Alex Lopez de Boca de SApo na Picota
Francisco Santiago e Alex Lopez pola Picota
  • QPC: Como vos acolleron na Barbanza? Con quen falastes?

- F.S.L.: Falamos coa Plataforma que reivindica o Centro de día de Rianxo que nos recibiu con moita ilusión e cariño. Alí atópabanse un grupo de persoas, unha comunidade de xente que a pesar das vicisitudes que pasaron que están aínda a pasar, e o que lles resta por camiñar, probablemente mantiñan a mesma ilusión do primeiro día. Galeg@s coma nós con ansias de loitar polos seus dereitos e ilusionados en mellorar os servizos sociais que temos actualmente en Galicia.

- M.B.: Non só falamos, senón que ata cantamos xuntas! Recibíronnos cantando! E o primeiro que fixemos foi iso, cantar! E abrir as nosas distintas pancartas e protestas. Esperábannos no Pazo de Rianxiño, 10.000m2 de leira e 2.000m2 en edificacións! Comprado recentemente polo Concello de Rianxo co compromiso no horizonte do centro de día. 600.000€ da diputación en espera para a súa habilitación. Mulleres e homes, máis elas que eles, case todas maiores pero tamén algúns máis novos. Todas e todos comprometidos firmemente e coa experiencia ás súas costas dun encerro extenso cos seus días e as súas noites, pasado a quendas en dúas colchóns e con saco de durmir. .

- A.L.: Cando chegamos a Rianxo recibíronnos cos brazos abertos, cantaron cancións e corearon consignas, foi emocionante ver aquelas mulleres e homes dándonos unha lección. Un orgullo e un exemplo. Foi moi emocionante coñecelas, amosáronnos as instalacións. Déronnos todo tipo de información, folgos e forzas... Regresamos pensando que si, que ao final acadáramos o obxectivo que pretendíamos.

 
  • QPC: Que aprendestes? Que fixeron en Rianxo que non fixemos na comarca?

- F.S.L.: A Plataforma de Rianxo mantivo reunións co presidente do Consorcio que regula a xestión dos Centros de Día, tamén tiveron converas con diversos centros de día, coma o de Silleda, e con diferentes plataformas similares as nosas que reivindican o mesmo, como Sta. Comba, Malpica e tamén mencionaron a Noia nalgún momento da xuntanza. Asemade, estiveron varias veces no propio Parlamento de Galicia. Recomendáronos que temos que estar activos neste tema e acadar presencia constante na opinión publica e nos medios de comunicación para que as nosas reivindicacións chegen aos estamentos competentes. Tamén nos dixeron que Corcubión, aínda por sermos un Concello pequeno, non debe ser un atranco, senón que en todo caso pode ser unha vantaxe nesta loita que estamos levando a cabo, se atopamos o xeito de canalizar de forma eficiente as nosas propostas.

- M.B.: Darlle a volta á lóxica de que un Centro de día non é posible. Eles demostraron que hai demanda dabondo en contra do que as administracións pregoan. Que un centro de día significa dignificar aos maiores, pero non só iso, tamén supón emprego e fixar poboación. Á súa vez aproxímanos a unha sociedade máis igualitaria, especialmente, si mírase con perspectiva de xénero.

- A.L.: Nós primeiro o que fixemos foi tratar de espertar o tema dende o "letargo" no que semellaba estar. Creo que o conseguimos, pois en Corcubión estase a dar ese debate.
Fáltanos mobilizarnos aínda máis, sumar forzas, Desmontar as mentiras que nos contan, as medias verdades que nos venden, crear máis conciencia na poboación da necesidade dun servizo esencial como este.
De feito, esta viaxe e este encontro vai camiño cara unha mobilización á mobilización. Porque imos, e o anunciamos xa, comezar con mobilizacións. Imos apretar o acelerador. A Plataforma de Rianxo xa nos dou seu apoio, a súa vontade de falar con outras plataformas e achegarse até Corcubión. Seguiremos dende a nosa asociación buscando máis fórmulas que vaian en camiño de sumar e de acadar cantos máis apoios, mellor.

 
  • QPC: Credes realmente que hai saída positiva a esta situación? Credes que o Asilo reabrirá as portas, por exemplo, neste 2020? Que ten que pasar? Quen ten que dar o paso?

- F.S.L.: Sinceramente, temos que ser positivistas, aínda que os logros non serán doados, pero si aglutinamos e reforzamos as nosas peticións respaldados por tódalas corporacións da Mancomunidade de Municipios desta comarca, se deixamos nun curruncho os vellos chauvinismos bogando nun mesmo rumbo, todo será mais doado e os resultados chegarán máis pronto que tarde.

- M.B.: Non fai tanto tempo, na época do bipartito, o proxecto foi crear unha rede de centros de día no territorio. Puxéronse en marcha moitos centros alá polo 2009, o de Sierra de Outes, lugar no que paramos na nosa road protesta, é un caso que naceu daquela axenda política á que non se lle deu continuidade, nós somos un claro exemplo diso, quedámosnos/quedámonos xusto nesa fronteira temporal servindo ás pantasmas. Fai uns, nunha presentación, escoitaba dicir ao famoso arquitecto inglés David Chipperfield que os galegos temos un territorio que desexamos aseméllese contínuamente a outros lugares -máis desenvolvidos, máis industrializados- e non nos damos conta de que estamos facendo desaparecer algo que outros referentes avanzados desexarían para si. Eu pediríalle á política un pouco de reflexión para poder reencontrar as nosas oportunidades.

- A.L.: Saída positiva? Claro! se non non estaríamos a facer isto. O que ten que haber é vontade política. Ademais en Corcubión, estamos nun cadriño de saída que aínda non ten, por exemplo, Rianxo. Temos o edificio e as instalacions feitas, preparadas para abrir, certo é, que leva tempo parado e probablemente teña que facerse algunha reparación, obra ou adecuación á normativa vixente. Mais, aí está, agardando a que as institucións se dignen a moverse, a superar a miopía curtoplacista, a deixar o corporativismo e o localismo político no caixón, para ofrecer unha atención digna e de calidade ás nosas maiores e aos nosos maiores, que podemos ser nós, as nosas nais, os nosos pais, as nosas avoas, os nosos avós... e dicer, xente que ten nome, rostro e sentimentos. Falamos de persoas, non de números. Queremos que se solucione o problema. Queremos que se abra o Centro de Día, Xa!

 

Novas relacionadas

Comentarios