Coristanco e o Monte Pindo berraron o "Eólicos Así NON"

Este sábado 11 de decembro foi o Día Mundial das Montañas. Día escollido pola veciñanza do país para saír a rúa a berrar contra a invasión eólica. Unha mobilización que atravesa cada comarca de Galicia, que parte dunha idea a priori incongruente: a sociedade máis ecoloxista criticando a unha enerxía renovable.
Pero o que está claro é que “Eólicos Así NON”. Ese é o nome da Coordinadora que organizou este 11D unha mobilización por todo o país, e que sacou a máis de 5.000 ás rúas a través de 170 colectivos que asinaron o manifesto. Coristanco e o Monte Pindo, foron dous dos 22 lugares nas que se realizaron mobilizacións en contra do impacto medioambiental e social que está provocando o novo impulso eólico favorecido pola Xunta.
Unhas mobilizacións para “reclamar unha moratoria real e efectiva de todos os proxectos eólicos en tramitación, a derrogación do Plan Eólico e das leis de depredación e unha nova planificación eólica para o país que responda aos intereses públicos da sociedade galega, que respecte o medio natural e que non bote a xente do rural”.
A realidade é que nun país que xa ten os seus montes e ríos sobreexplotados (Galicia xa exporta máis do 30% da electricidade que produce), hai agora mesmo máis de 300 megaproxectos (case medio centenar só na Costa da Morte) eólicos en tramitación sumando en total 10.000MW de potencia, o que equivale ao 43% do obxectivo en potencia eólica para o 2030 en todo o Estado español.
As mobilizacións da Costa da Morte
A comarca viviu dúas acccións. En Coristanco celebrouse unha concentración diante da Casa do Concello. Ademais dos colectivos convocantes, a Plataforma Non + Eólicos Bustelo, Campelo e Monte Toural, acudiron á manifestación representantes de varias entidades ecoloxistas: Verdegaia, Adega, Asociación Agra, Asociación Ecoloxista Arco Iris, Contraminate e representantes de distintos partidos políticos.
Dende o Fieiro, en Mazaricos, partiu unha expedición completa cara o cumio do Monte Pindo. Ata a Moa chegaron unha trintena de persoas vinculadas a ADECOM, ADEGA, Plataforma en Defensa do Monte das Salgueiras e Ecoloxistas en Acción.
Algunhas das consignas máis proclamadas nesta xornada de concentracións foron “Eólicos si, pero non así”, “Montañas sagradas, aldeas habitadas”, “O Capital bótanos do rural”, “Non, non, non a esta invasión; non, non, non á colonización”, “Que nos escoiten, queremos vivo o monte” ou “Non ao espolio do noso Patrimonio”…
Rabuda foi a ascensión ata o Monte Pindo
NOVAS SOBRE OS EÓLICOS
- 05-12-21: O rural sae á rúa en Sta Comba contra a invasión eólica.
- Coristanco e Mazaricos acollerán manifestacións da Coordinadora “Eólicos Así NON”.
- INFORME: O novo impulso eólico propón máis de 40 novos proxectos na Costa da Morte.
- 11 entidades bergantiñás piden a anulación do Complexo Eólico da Costa da Morte.
- Xunta e Estado tramitan, actualmente, a chegada de 22 parques eólicos e 164 aereoxeneradores só na Costa da Morte.
- Setembro 2021: A veciñanza da comarca, contra os macroélicos e as inclemencias do tempo.
- Setembro 2021: Santa Comba acolle o primeiro encontro intermunicipal sobre o modelo enerxético e o medio rural .