11 entidades bergantiñás piden a anulación do Complexo Eólico da Costa da Morte
Son arredor de 40 parques eólicos os que forman parte do novo Complexo Eólico da Costa da Morte. Unha situación que mobiliza ao sector medioambiental da comarca, no que parece unha contradición.
Pero que sexan os colectivos ecoloxistas os primeiros en plantarse en contra da instalación de puntos de enerxía renovable na comarca, debería ser indicativo da grave incidencia que pode provocar a acumulación de proxectos na nosa contorna.
Neste caso, son 11 entidades bergantiñás as veñen de enviar unha carta ao Conselleiro de Industria, Francisco Conde, solictando expresamente que “suspenda de forma cautelar a tramitación do Complexo eólico da Costa da Morte, en tanto non someta o Plan eólico industrial á preceptiva avaliación estratéxica ambiental global”.
Para os colectivos, a Xunta ao tramitar este Complexo comete unha “vulneración flagrante da Lei 21/2013, de 9 de decembro de impacto ambiental, que esixe avaliación ambiental estratéxica para os Plans empresariais a desarrollar nun ámbito xeográfico concreto”. Por iso piden “transparencia, información e acceso aos acordos do clúster eólico da Comarca para a evacuación conxunta da enerxía do Complexo eólico desde o parque eólico Monte Chan en Laxe ata a subestación da central térmica de Meirama”.
Liñas de Alta Tensión
É raro non atopar no DOG deste último ano, un punto diario no que se tramite unha Liña de Alta Tensión na comarca. E poñen o exemplo dos proxectos de EDP Renovables e Greenalia entre Laxe, Cabana, Ponteceso e Coristanco, cuias evacuacións fanse de xeito común.
Explican que “a liña aérea de alta tensión de 220 kV que evacúa a enerxía xerada dos parques do municipio de Laxe, parte da subestación “Monte Chan”, situada a 4,6 km do parque eólico Soesto ata chegar á subestación da central térmica de Meirama (Cerceda). No seu camiño iría incorporando as achegas do resto de parques do Complexo Eólico Costa da Morte, na que entrarían o resto dos parques de EDP Renovables e os parques eólicos de Greenalia Green Power como o parque eólico O Cerqueiral, na parroquia de Bustelo en Coristanco”.
”Este Complexo do que formarían parte parques eólicos tan agresivos co turismo e a hostalería como o parque Soesto, o parque Pena dos Mouros e o parque Monte Chan na fachada litoral do municipio turístico de Laxe, o parque eólico Agrelo –Muriño en Cesullas (Cabana) e os parques eólicos de Corcoesto e Coristanco, o Alto do Torreiro e o Bustelo –Baralláns (estes dous últimos con prexuizos irreparables para Áreas de Especial Interés Paisaxístico como o Val fluvial do río Lourido e ás explotacións forestais e madereiras da zona) están a tramitarse de forma fraccionada e independente, na procura dunha tramitación administrativa máis áxil e simplificada pero diluíndo os impactos ambientais da totalidade do Plan eólico industrial do Clúster empresarial e obviando a participación pública na súa avaliación global, deixando de lado a normativa europea que regula o dereito de acceso e participación da cidadanía na toma de decisións relacionadas co medio ambiente e a paisaxe, ao abeiro do Convenio de Aarhus e o Convenio europeo da Paisaxe”.
Asinan esta carta as seguintes entidades:
- Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños (Comarca de Bergantiños)
- Asociación de Veciños de Cereo (Coristanco)
- Plataforma veciñal O Cerqueiral (Coristanco)
- Plataforma Bergantiñá Pola defensa da Terra (Comarca de Bergantiños)
- Asociación ambiental Contramínate (Laxe)
- Asociación ambiental Petón do Lobo (ámbito autonómico)
- Sindicato Labrego Galego (ámbito autonómico)
- Asociación galega Cova Crea (Comarca de Bergantiños)
- Plataforma As Salgueiras (Ponteceso)
- Asociación veciñal río Lourido (Valenza – Coristanco)
- Asociación “O Ouriol” do Anllóns (Carballo)
NOVAS SOBRE OS EÓLICOS
- INFORME: O novo impulso eólico propón 39 novos proxectos na Costa da Morte.
- Xunta e Estado tramitan, actualmente, a chegada de 22 parques eólicos e 164 aereoxeneradores só na Costa da Morte.
- Outubro 2020: ADEGA leva á Xustiza os parques eólicos que Greenalia quere instalar en Santa Comba e Coristanco.
- Setembro 2020: A veciñanza da comarca, contra os macroélicos e as inclemencias do tempo.
- Setembro 2020: Santa Comba acolle o primeiro encontro intermunicipal sobre o modelo enerxético e o medio rural .