venres. 07.02.2025
El tiempo

O PP volve rexeitar reforzar os CEIP Bergantiños e Canosa Rus

Daniel Perez con representantes da Anpa 2
O deputado do BNG Daniel Pérez con representantes da ANPA A Granxa no Parlamento
O PP volve rexeitar reforzar os CEIP Bergantiños e Canosa Rus

Volveron ao Parlamento Galego as peticións das ANPAS dos colexios de Carballo e Coristanco da man de BNG e PSOE. E volveron atoparse coa rotundidade do PP, que volve negar as propostas de dotar os centros de reforzos de persoa necesarios para atender as crianzas valoradas como alumnado con necesidades específicas de apoio (NEAE), votando en contra de cumprir a Lei de Atención á Diversidade.

Así o lamenta a ANPA A Granxa do CEIP Bergantiños, que acodía invitada polo deputado do BNG, Daniel Pérez, que critica que “o Partido Popular e o goberno da Xunta deixase claro que para eles intereses de partido están por riba dun dereito fundamental como é o dereito á unha educación pública e de calidade”. “Os deputados do PP votaron a favor de manter unha situación inxusta, discriminatoria e que pode condenar a un elevado número de nenos e nenas ó fracaso escolar”, critican as familias, que lamentan que se amparen “nunha lei de 2009 para dicir que o noso centro cumpre co catálogo de profesorado, sen ter en conta unha realidade social que en 16 anos cambiou radicalmente. Viven no seu mundo, alleos á realidade”.

A ANPA explica que a pasada semana puideron reunirse co novo Inspector de Educación da nosa zona, Santiago Sobrino, quen deixou claro que este curso non se van atender as demandas de máis persoal, pero que se estudarán para o próximo curso. Con todo, non calan e aseguran que “as familias do Bergantiños non imos renunciar ós nosos dereitos e imos seguir loitando para lograr unha atención educativa digna e de calidade”.

O BNG: “Só buscan defender á Consellería e non lles importa o dano que fan á xente que sofre polos fillos e as fillas”

Foi o BNG, apoiado polo PSOE, o que levou esta moción que pedía: un/ha segundo/a orientador/a, reforzar o equipo de orientación á diversidade co incorporación de mestras e mestres de AL e PT en número suficiente, incluír este centro no programa PROA+ e dotalo así mesmo dun grupo de adquisición de linguas para a atender a nenos inmigrantes. Todo para un centro que ten o 35 % do alumnado ten necesidades educativas especiais (NEE) ou necesidades específicas de apoio educativo (NEAE).

“Vostedes só queren defender a capa e espada a xestión da Consellería de Educación e non lles importa o dano que con iso fan á xente que sofre polos seus fillos e fillas”, reproboulles Daniel Pérez aos deputados do PP, a quen lembrou que a súa responsabilidade como representantes no Parlamento é defender os intereses da xente que os votou. “E o máis importante para a xente son os fillos e a súa educación”, agregou o deputado nacionalista, que acusou o PP de “refuxiarse en catálogos, porcentaxes e números” para negar “unha realidade que todo o mundo ve”, que é que “no CEIP Bergantiños hai nenos e nenas que non reciben a educación que precisan e aos que os deputados populares están condicionando as súas posibilidades de cara ao futuro”.

O PSOE presentou unha moción paara o CEIP Canosa – Rus de Coristanco

Julio Abalde PSOE nno Parlamento
Julio Abalde 

O PSOE, ademais de apoiar a moción do BNG sobre o centro carballés, presentaba unha moción para realizar a reforma integral do CEIP Canosa – Rus de Coristanco, así como incrementar a dedicación do profesional de audición e linguaxe para que pase das 19 horas que ten hoxe á dedicación exclusiva. Pero a proposta atopouse tamén co enroque do PP.

O parlamentario socialista Julio Abalde, advertiu que “este voto en contra do PP supón unha desautorización do alcalde da localidade, do seu mesmo partido, que apoiou unha moción no Concello solicitándolle á Xunta que realizara precisamente as obras de reforma que o edificio necesita con urxencia”.

Así reclamoulle ao goberno galego que resolva os problemas de filtracións e humidades, fiestras mal illadas, e un sistema de calefacción claramente obsoleto. E tamén reclamou a contratación a tempo completo do persoal de apoio educativo, en concreto de audición e linguaxe, para garantir “as mesmas condicións e posibilidades” para tódolos rapaces e rapazas de Galicia independentemente de onde vivan.

Máis novas

Comentarios