Denuncian que a Xunta esquece as Necesidades Especiais do CEIP Canosa Rus
Continuamos neste comezo de curso colleitando recortes da Xunta en materia de ensino público.
Desta volta é o PSdG-PSOE de Coristanco o que reclama que o CEIP Canosa-Rus conte con persoal especializado en Audición e Linguaxe a xornada completa.
O grupo municipal socialista rexistrou o pasado mércores unha moción no pleno que insta á Consellería de Educación a "dotar dos recursos necesarios para aumentar o persoal especializado" o centro.
Tamén pide a moción recursos para "realizar os traballos de mellora/mantemento nas instalacións" que está a reclamar a comunidade
educativa do colexio.
O voceiro socialista local José Manuel Pérez Abelenda sinala que "o CEIP Canosa-Rus presenta agora mesmo numerosas deficiencias tanto a nivel estrutural como de persoal que perxudican gravemente o desenvolvemento da súa actividade e a aprendizaxe da cativada".
"No caso da ausencia de profesionais de Audición e Linguaxe, isto supón un gran impedimento para que o alumnado con necesidades especiais poida ter unha verdadeira integración", apunta.
Entre as deficiencias descritas polo Consello Escolar do Centro, recollidas na moción dos socialistas, estarían as filtracións de auga no tellado, a falta de iluminación no ximnasio e patios cubertos, a falta de valado no perímetro do recinto, ou pistas deportivas sen pintar.
"Os recortes da Xunta de Galicia en Educación, que vivimos con dureza en Cosistanco e na Costa da Morte, impiden que as nenas e nenos reciban unha educación verdadeiramente de calidade", lamenta Abelenda.
Máis novas sobre os recortes