Luns. 07.10.2024
El tiempo

Unha andaina da dignidade para pedir o remate da Autovía

Concentracion BNG en Berdoias pola Autovia Costa da Morte
Membros do BNG nun acto reivindicativo o ano pasado
Unha andaina da dignidade para pedir o remate da Autovía

Pasan os anos e a infraestrurura de comunicación máis importante da Costa da Morte segue sen completarse. Pasan as queixas, as mocións nos plenos, na Deputación, no propio Parlamento, as concentracións veciñais, mesmo pasan as partidas orzamentarias que ano tras ano a Xunta engade nos Orzamentos. Pero nin unha pedra se move arredor da Autovía, reconvertida en Corredor, da Costa da Morte.

Xa pasaron 8 anos da apertura do último treito pero a Xunta segue sen mobilizar as máquinas. 

Por iso, o BNG retoma a campaña por "unhas infraestruturas e un transporte público dignos para a comarca". O grupo porá o foco na falta de compromiso da Xunta cunha campaña de carteis e faixas que serán colocadas por toda a bisbarra. 
Ademais, vai a organizar unha “andaina da dignidade” entre Cee e Berdoias (Vimianzo), prevista para o 26 de outubro, para esixir a execución inmediata do tramo da autovía entre Salto e Berdoias, rexeitando a intención da Xunta do PP de facer un corredor nese traxecto.

Desde o BNG convocan a participar na andaina “a todos os veciños e veciñas da Costa da Morte, así como ás asociacións e a todos os partidos políticos”, e consideran que “a Costa da Morte non pode permanecer inmóbil cando se trata dunha infraestrutura fundamental e vital para o desenvolvemento económico, para as comunicacións e para o transporte da bisbarra”.

Os nacionalistas tamén indicaron que os seus grupos municipais presentarán mocións nos concellos da comarca para demandar á Xunta de Galiza a ampliación da autovía da Costa da Morte e a conexión da mesma ao porto de Brens, tal e como se proxectou inicialmente no Plan Move, e tamén co polígono industrial de Vimianzo.

O responsable comarcal do BNG, Xurxo Rodríguez, manifestou que “estamos ante o enésimo engano á Costa da Morte por parte do goberno galego e o PP segue calado,  e esperamos que os concelleiros populares da comarca se posicionen do lado da bisbarra e non da Xunta”.
 

Máis novas

Comentarios