A Autovía volve enredarse no Parlamento

Despois de 20 anos de promesas nos que a Xunta apenas levou a cabo a metade dunha infraestrutura tan necesaria como a Autovía da Costa da Morte, o grupo Socialista volveu levar o asunto ao Parlamento. Acompañada na bancada por vari@s rexedor@s costeir@s (Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo, Sandra Ínsua, alcaldesa de Camariñas, Margarita Lamela Louzán, alcaldesa de Cee, Manuel Ínsua, alcalde de Corcubión, Iago toba, alcalde de Muxía, Juan Manuel Saborido, alcalde de Carnota e José Manuel Pequeño, alcalde de Dumbría), a vicevoceira do grupo socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, esixiu este mércores á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade que inicie os trámites para a construción do tramo da Autovía da Costa da Morte que debe conectar Baio con Berdoias.

Rumbo lembrou a necesidade de infraestruturas que conecten a comarca e revertan a “sangría demográfica” que sofren, xa que perderon 6.988 habitantes dende o 2009.
Repasou o historial do vial, prometido por Fraga en 2002 tralo Prestige, ata que o executivo de Feijóo “perdoou” a execución dos 15 quilómetros entre Baio e Berdoias á empresa no ano 2013.
Rumbo espetoulle unhas declaracións que fixo a propia Conselleira de Infraestruturas Ethel Vázquez: “ninguén entendería que a autovía da Costa da Morte non chegase ata Fisterra”.
A resposta da Xunta
Non tardou en argumentar a Xunta, reiterando, pero sen argumentos reais nin concrecións futuras o “inequívoco compromiso” da Xunta coa prolongación. Ethel lembrou que os Orzamentos da Xunta para 2023 recollen un investimento de 3,5 M€ para continuación da autovía entre Baio e Vimianzo ata a estrada AC-432 que vai a Camariñas, cuxo proxecto xa se someteu a información pública. Pero esqueceu dicir que o ano pasado había unha partida semellante que non se executou.
Vázquez deixou patente o importante que é a infraestrurura a pesar da falta de concreción da Xunta, sinalando que o treito de 27km entre Carballo e Baio aberto desde 2016 leva facilitado máis de 13 millóns de viaxes máis de 6.600 vehículos que ven mellorados cada día os tempos de percorrido e a seguridade.
Novas da Autovía
- Febreiro 23: A alcaldesa de Camariñas urxe á Conselleira a reactivación da prolongación da Autovía/Corredor ata Calo.
- Novembro 22: O pleno de Corcubión volveu pedir que se remate a Autovía e que se elimine a peaxe.
- Novembro 22: O PSOE Costa Atlántica lamenta a falta de compromiso dos Orzamentos da Xunta coa Autovía.
- Outubro 22: Os Orzamentos da Xunta inclúen, un ano máis, unha partida para o Corredor Baio-Berdoias.
- Agosto 22: Os socialistas esixen á Xunta que cumpla coas promesas do Corredor.
- Outubro 21: Os Orzamentos da Xunta para 2022 inclúen 3,43 millóns de euros para continuar o Corredor entre Baio e Berdoias.
- Maio 21: SEA e Goberno central reiteran que a conexión do Polígono de Vimianzo coa Autovía é responsabilidade da Xunta.
- Marzo 21: Reiteran a necesidade de rematar a Autovía ata Cee, ou polo menos ata Berdoias.
- Setembro 2020: Lembran os case 20 anos de promesas da Autovía Costa da Morte ata Brens.
- Febreiro 2020: Anunciada a ampliación da “Vía de Altas Prestacións”, con saída pero sen enlace co polígono de Vimianzo.