Axenda dunha fin de semana de Irmandiños, San Pedro e Blues

Arrinca o mes de xullo e con el comezan o verdadeiro tempo de verán, o tempo das festas. Ademais do San Pedro, esta finde ten dúas citas especiais: o Asalto e o festival de blues de Fisterra.
Asalto ao Castelo
Hoxe venres arrinca o completo programa do Asalto ao Castelo de Vimianzo. Faino cunha Cea Medieval sempre marabillosa, cos concertos de De Vacas e Monoulious Dop. E continuará o sábado coa feira artesanal, o Asaltiño, o circuito musical, os pinchos irmandiños, o gran concerto das Tanxugueiras, a icónica representación teatral no foxo do castelo, e o fin de festa con Huntza, Lamatumbña e os Festicultores.
Fisterra Blues Experience
Arrinca xa o programa do VI Fisterra Blues Experience, con música de máxima calidade por varios escenarios repartidos entre a Langosteira e o Faro, e con actividades singulares como o roteiro sonoro de Xurxo Souto, e a presencia do Mercado de Mulleres Artesás, cheo de postos.
Rockin e Festa do Bosque

Doble cita carballesa co Rockin e a Festa do Bosque.
Máis festas
Unha das Festas de Interese Turístico da Costa da Morte é a Festa das Cereixas de Paiosaco. Sábado e domingo maridaremos cereixas con billarda de música, contando con Dj Rokiño na xornada do sábado e con Sés o domingo.
As de San Pedro son unhas das festas máis clásicas destes tempos, e temos as de Corcubión, Santa Comba, Muros, Buxantes ou Ponte do Porto en marcha.
Tamén temos as festas de Coucieiro, Muxía.
Máis citas
Ecoturismo Ría de Lires mantén a súa actividade con dúas propostas, unha sardiñada e o concerto de Héctor Lera.
Para os máis comprometidos, recomendamos a sesión vermú-protesta Orgullo Mareiro, que fará o domingo da Praza Ramón Juerga de Laxe o centro das reivindicacións LGTBI da comarca.
E para os máis culturetas, Malpica acolle dúas presentacións literarias. Hoxe venres ás 18:00h con Cristina Mourón Figueroa, e o sábado con Marisa Castro Cerceda.
Así mesmo, hoxe venres ás 20:30 horas, terá lugar na caseta da Igrexa de Brandomil a presentación do documental "O Brandomil soterrado" nun acto no que intervirán o Alcalde de Zas, Manuel Muíño, e Noelia Santos, da Fundación Brandomil.