Sábado. 27.07.2024
El tiempo

A Costa da Morte soña coas auroras boreais

Aurora Boreal dende San Bartolo Costa da Morte-Foto-Begoña Brao e Antón Pazos 2
Aurora Boreal dende San Bartolo -Foto-Begoña Brao e Antón Pazos
A Costa da Morte soña coas auroras boreais

Volve a natureza da Costa da Morte ser protagonista. Estas pasadas semanas de ceos despexados puidéronse ver na comarca auroras boreais. Si, ese espectáculo natural que criamos que só se dá en latitudes setentrionais, pero que esta temporada está acontecendo en toda Galicia e norte da península. Un fenómeno que repercute no potencial do selo Destino Starlight, e que nos lembra a voráxine vivida o verán pasado co mar de ardora

Xa hai unha década Mario Rodríguez nos explicaba o fenómeno ndas Tormentas solares nun artigo de QPC, e hoxe, coas fotos de Fins Eirexas e Begoña Brao e Antón Pazos aproveitamos para repasar as claves deste fenómeno natural de inmensa beleza.

Conta Eirexas (@OFinsGZ), membro de ADEGA, licenciado en Xeoloxía e diplomado en Didáctica das CC. Experimentais, ademais de fotógrafo excepcional, que “as auroras boreais (e austrais) son relativamente frecuentes en latitudes próximas aos polos pola disposición do campo magnético terrestre. En latitudes máis baixas son raras e precísase unha importante alteración magnética como a que provocan as erupcións solares”.

Aurora Boreal Galicia no Chan das Lagoas noite do 10 de maio Foto-Fins Eirexa 1
Aurora Boreal dende  Chan das Lagoas noite do 10 de maio Foto-Fins Eirexas @OFinsGZ

Explica as claves temporais: “Agora estamos no máximo do ciclo de actividade solar de 11 anos, co que a frecuencia das erupcións é máxima e a probabilidade de interacción coa magnetosfera terrestre aumenta. Aínda así, non todas as erupcións solares provocan auroras: é preciso que a masa de partículas vaia na direccion da Terra e que o magnetismo que portan conecte co do planeta, provocando unha treboada xeomagnética. Canto máis intensa, maior probabilidade de ver auroras en latitudes baixas. Isto é o que aconteceu na noite do 10 ao 11 de maio, e en menor medida na do 11 ao 12”, explica ofrecéndonos estas dúas fotos, unha sacada no Chan das Lagoas, Dumbría, e outra no Faro de Brantuas, Ponteceso.

Aurora Boreal Galicia na Nosa Senora do Faro Ponteceso-Foto-Fins Eirexas 1000
Aurora Boreal dende a Nosa Senora do Faro Ponteceso-Foto-Fins Eirexas

Begoña Brao e Antón Pazos

Aurora Boreal dende San Bartolo Costa da Morte-Foto-Begoña Brao e Antón Pazos 1
Aurora Boreal dende San Bartolo Costa da Morte-Foto-Begoña Brao e Antón Pazos

Precisamente dous monitores Starlight captaron estas imaxes na mesma madrugada do venres 10 para sábado 11 de maio de 2024 no alto da capela de San Bartolo, en Salto, Vimianzo. Son Begoña Brao (@kyrabrao) e Antón Pazos (@anton.paz), que deixan claro que “a pesar do que podía parecer, as fotografías NON están saturadas de cor”.

Será esta unha noite que lembren para sempre. “A tardiña comenzou cun espectacular Solpor, con un mar de nubes que cubría o mar, e que pouco a pouco foi entrando en terra. Cando anoiteceu no horizonte cara o interior, puidemos ver os lóstregos dunha tormenta…” Esperaron con paciencia ata as 2:00h da mañá para comezar a captar esas cores no ceo. “Visualmente, sen cámara, podíase ver unha variación de brillo no ceo, cunhas cores vernellas e un pouco rosadas, pero moito menos que o que se ve na cámara”, recoñece. “Sinxelamente espectacular!!!”

Aurora Boreal dende San Bartolo Costa da Morte-Foto-Begoña Brao e Antón Pazos 3
Aurora Boreal dende San Bartolo -Foto-Begoña Brao e Antón Pazos

De cara ao futuro

Mario Rodríguez explícanos que teremos que esperar un mes para ver se volve acontecer este fenómeno. "As tormentas solares van asociadas a manchas solares e había unha moi grande que nos pegou un petardazo e foi o que fixo que se visen por aquí as auroras boreais. O sol rota sobre si mesmo cada 27 ou 28 días, polo que a día de hoxe esa rexión que nos pegou o petardazo xa non está mirando para a terra. Haberá que esperar un mesiño para ver se pega outro petardazo, ou non, pero haberá que ver por que é un evento extraordinario, tendo en conta que estamos nese ciclo de máximos que se dá cada 11 anos".

 

Artigos relacionados

Máis novas

Comentarios