Domingo. 03.11.2024
El tiempo

A Federación de ANPAS trasládalle ao BNG os problemas cos recortes no ensino

  • Na xuntanza tamén trataron a preocupación polos problemas no transporte escolar na Costa da Morte
Reunion do BNG Costa da Morte coa Federacion de ANPAS
Reunion do BNG Costa da Morte coa Federacion de ANPAS
A Federación de ANPAS trasládalle ao BNG os problemas cos recortes no ensino

Esta semana volve haber concentracións contra os recortes no ensino en dúas vilas da comarca, hoxe xoves en Cee e mañá venres Carnota. Unha demostración do compromiso e unidade das comunidades educativas para protestar ante o proceso de desmantelamento do ensino público que está realizando este curso a Xunta de Galicia, con especial incidencia no alumnado con Necesidades Educativas Específicas.

Nesa liña, a Federación de ANPAS Costa da Morte trasladoulle esta semana ao BNG as queixas da ducia de centros da comarca que sofren estes recortes. 

Nunha xuntanza, o deputado do BNG da Costa da Morte no Parlamento galego, Oscar Insua, xunto cos concelleiros do grupo municipal nacionalista de Cee, Serxio Domínguez e Montserrat Canosa, reuníronse este martes 8 de outubro coa presidenta da Federación provincial de ANPAS Costa da Morte, Maika Cacheiro Lado, e membros da directiva, para valorar os escasos avances nas demandas nos centros educativos da comarca e estudar as deficiencias que seguen sen solucionarse, como a eliminación dun PT no colexio “Vila de Cee”, razón pola que chamaron a concentrarse este xoves 10 na vila ceense.
Desde a federación mostráronse preocupados non só polos recortes de profesores respecto do ano pasado, senón pola falta de contratación de máis profesores de apoio para compensar as dúas horas de redución da xornada semanal do profesorado.

Trasporte escolar

Na xuntanza tamén trataron a preocupación polos problemas no transporte escolar na Costa da Morte, dos cales o BNG xa ten presentada unha iniciativa no Parlamento galego. Un ano máis, seguen os problemas nos buses de Fisterra e Mazaricos, que teñen horarios non adaptados á xornada escolar, motivo polo que os escolares teñen que saír antes do remate das clases para non perder o bus, ou directamente seguen sen ter liña de transporte os martes e xoves, como no caso do alumnado mazaricano.

O BNG comprometeuse a presentar unha iniciativa no parlamento para eliminar a norma que permite que os autobuses poidan levar a alumnos e alumnas de pé nos traxectos escolares, “unha situación que preocupa moito aos pais e nais, que non entenden como a Xunta segue autorizando unha medida que resulta perigosa, que é insensata e a todas luces temeraria”.

Respecto ao transporte escolar, o deputado nacionalista sinalou que “non é normal que a Xunta permita os alumnos e alumnas poidan ir de pé nos autobuses”, e preguntouse “que sentido ten poñer o cinto de seguridade nos asentos, se o PP permite que vaian sen el de pe?”. Insua cualificou a medida como “irracional” e anunciou que van a presentar unha iniciativa parlamentar “para eliminar esa orde da Consellaría e darlle máis seguridade aos rapaces e sobre todo, tranquilidade aos seus pais e nais”.
 

Máis novas sobre os recortes

 

Comentarios