AS MULLERES DA BUSERANA
Unha Folga común polo 8 de marzo
Dende hai 18 anos a organización feminista Buserana celebra o día internacional das mulleres na Costa da Morte. Importante para nós, e importante para a sociedade. Neste 2019 voltaremos defender aquilo no que cremos: non hai sociedade xusta se as mulleres non viven libres e en igualdade.
O 8 de marzo é unha data de celebración e de reivindicación.
Celebramos que os dereitos que as mulleres occidentais temos recoñecidos, nas leis e na sociedade, son o resultado do soño, primeiro, e a loita despois das nosas antecesoras feministas. O feminismo é a gran revolución, transformadora da vida das mulleres e das sociedades, que traballa por un mundo mellor. Pensemos se non na vida das mulleres hai tan só cincuenta anos. Temos moito que celebrar.
Mais vemos que os pasos dados cara unha sociedade igualitaria non aseguran os nosos dereitos. E voltamos escoitar que se negocia con eles, e vemos a impunidade na que fican os violentadores dos nosos corpos e das nosas liberdades.
O 8 de marzo seguimos a loitar.
Porque un mundo no que as mulleres non son donas das súas decisións persoais, económicas, sexuais, laborais ou políticas, non é un mundo xusto. Pretender decidir por nós implica a consideración de que non somos capaces de facelo. Conleva a intención de nos manter infantilizadas para sermos tuteladas por quen considera que si ten madureza e sabe o que nos convén, xa sexan homes ou o estado. Un mundo no que facendo o mesmo traballo, as condicións son peores, non é un mundo xusto. Un mundo no que ao saír á rúa corremos risco de sufrir violencia, non é nen xusto nen seguro. Un mundo no que hai un gran mercado para o secuestro-compra-venda de mulleres e nenas para a súa explotación laboral e para o seu consumo por parte de homes sen ningún tipo de escrúpulo, crentes de que pagar por un produto-muller dálles dereito a todo... non é un mundo xusto.
Unha sociedade que fomenta isto cunha publicidade que nos amosa como produto a consumir, que castiga a quen non se axusta ao modelo imperante, vivindo para gustar, mais tamén a quen, gustándose, expresa e vive a súa sexualidade libremente, non é unha sociedade libre, nen xusta. Cunha educación familiar-académica-social que presenta modelos de éxito masculinos e de relacións violentas, modelos de amor dependentes, de responsabilidades nas tarefas da casa e de coidados familiares desiguais, o día a día vivímolo nun mundo inxusto.
A igualdade leva a cambios sociais e persoais que poden significar a perda de privilexios. Quen é persoa e considera que as e os demais tamén o somos, nen máis nen menos, traballará para vivir tanto responsabilidades coma dereitos de xeito equitativo e en harmonía. E quen concorde con isto, inda que non o saiba, ou non o diga, é feminista.
As sufraxistas pelexaron polo dereito ao voto. Logo conseguíronse moitos máis. E inda así, este 8 de marzo as feministas temos moito polo que saír á rúa. Queremos un mundo mellor. Para nós e para todas as mulleres, por todos os dereitos:revolta feminista!
A organización feminista Buserana fai un chamamento a todas as mulleres a secundar a folga laboral, de consumo, de coidados e estudantil.
Chamamos tamén a toda a sociedade a participar na manifestación da Plataforma 8m da Costa da Morte, da que forma parte, este venres ás 12.30 na Praza 8 de marzo.
- Organización feminista Buserana.
Novas relacionadas do 8 de marzo
- Interesantes xornadas de xénero polos concellos da comarca.
- O pleno de Cee ratifica o apoio á mobilización feminista do 8 de marzo.
- Corcubión traballa o Día da Muller dende os centros de ensino.
- Camariñas postúlase como epicentro das mobilizacións polo 8 de marzo.
Máis novas
- Novembro 18: As Buseranas pechan un histórico 2018 na loita feminista na Costa da Morte.
- Marzo 18: Como secundou a folga feminista a Costa da Morte.
- Marzo 18: 8 de marzo: A Costa da Morte saíu á rúa con máis forza que nunca.
- Viki Rivadulla: 25N: Isto tamén vai contigo.