Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Novos alevíns de lubrigante medran na Reserva Mariña dos Miñarzos

Novos alevíns de lubrigante medran na Reserva Mariña dos Miñarzos
O IGAFA fixo unha nova solta de alevins de lubrigante na Reserva Marina dos Minarzos-Lira-Carnota

Sorprendidos quedamos, gratamente, da nova solta de alevíns de lubrigante realizada onte na Reserva Mariña dos Miñarzos. Unha Reserva que segue esquecida polas administracións, sen vixilancia, pero non tanto polas entidades que máis pensan no medio ambiente. De feito, xa vimos que segue a ser un exemplo mundial de pesca sustentable, a pesar de todo.

Pois recibimos con agarimo a solta de 150 alevíns de lubrigante realizada onte polo IGAFA (Instito Galego de Formación en Acuicultura), dentro do Plan de Repoboación. Un Plan, que leva en marcha dende o 2008, que continuaba no 2010 e que xa leva soltado máis de 20.000 exemplares. Posto en marcha polo goberno bipartido, tivo continuidade ata que decidiron non seguir dotándoo de fondos, pero que onte volvía ser unha realidade.

Dende a zona, consideran que "se non houbese reserva é moi posible que non houbese soltas, e de habelas posiblemente non se farían aquí". I é que parece claro que "se as fan na Reserva é porque aínda pensan que é o mellor sitio para poder facer unha repoboación e onde pode haber "algo" de control, chegado o momento".

O Plan de Repoboación ten por obxectivo principal estudar a supervivencia dos individuos liberados e avaliar se chegan a incorporarse ao stock da súa pesquería. Así, como nos contan os amigos do Canto da Balea, a “actividade do Plan de Repoboación de Galicia centrouse no cultivo, marcaxe, liberación e análise dos datos de recapturas de individuos de lumbrigante, Hommarus gammarus. Actualmente os individuos liberados proceden do resultado da actividade docente do I.Ga.F.A, e dende o Centro de Investigacións Mariñas de Corón, en Vilanova de Arousa, lévase a cabo tanto a marcaxe dos individuos como o seguimento e avaliación dos datos de solta e recaptura. Estes datos poderían achegar información imprescindible para o coñecemento da bioloxía desta especie”.

Pero a cousa está clara: “Agora, o éxito deste esforzo depende da colaboración dos pescadores enviando datos de capturas e de que as persoas que se achegan á ribeira respecten e non capturen exemplares desta especie”, explican en clave de chamamento á responsabllidade de todos.

Novas relacionadas

Máis novas sobre Lira

Fonte

Comentarios