Sábado. 27.04.2024
El tiempo

Os berros do Monte Pindo contra os lumes chegan a Compostela

Os berros do Monte Pindo contra os lumes chegan a Compostela
Unhas 1500 persoas berraron contra o lume na Quintana convocadas pola Asociacion Monte Pindo Parque Natural-Foto-Ivan Franco

"Por unha Galicia sen incendios. Por un rural con futuro". Baixo este lema marcharon centos de persoas polas rúas de Santiago para reclamarlle á Xunta que unha nova política de prevención dos lumes forestais tras os grandes incencios que afectaron a Oia, o Rosal, Carnota, Boiro ou Cualedro este verán.

Convocados pola Asociación Monte Pindo Parque Natural, despois da ruta reivindicativa da semana pasada polo monte, e co apoio de máis de 80 colectivos sociais, culturais, ecoloxistas, partidos políticos da oposición e sindicatos, entre 1.500 e 2.000 persoas percorreron as rúas da capital galega, corearon lemas contra a política forestal da Xunta como "Xa abonda de queimar" ou "Prevención e non extinción". Todo acompañado polos versos dun comprometido ca causa rapeiro ceense Leo KCH.

"Nunca máis. Non ao terrorismo forestal", "Por un monte galego vivo e con futuro" ou a que portaban traballadores do servizo de urxencias: "Traballadores do 112 contra a incompetencia", foron algunhas das pancartas que se puideron ver nesta manifestación que contou coa presenza na cabeceira da mesma do alcalde de Carnota e membros da súa corporación, así coma de integrantes da Asociación Monte Pindo. "Este acto xa non é noso, senón de todos os galegos con conciencia polos problemas que vive o seu territorio e que están dispostos a pasar do devandito aos feitos para esixir solucións", apuntou este colectivo nun comunicado.

Catástrofe do Monte Pindo

"A catástrofe do Monte Pindo certificou o absoluto fracaso dunha política ambiental e de montes que desatendeu por completo a prevención dos incendios nos espazos naturais, rexeitou avances en materia de ordenación, multifuncionalidad, fomento de actividades tradicionais e especies autóctonas, para centrarse en entregar o noso territorio a intereses especulativos e empresas contaminantes", recolleu, ademais, este escrito.

Tamén en declaracións aos medios antes da marcha, o presidente da asociación Monte Pindo Parque Natural, Xilberto Caamaño, denunciou que "a Xunta de Galicia esqueceu o rural e dos montes e gasta o seu orzamento en extinción, envórcase na extinción -insistiu-, e non na prevención".

Con todo, advertiu de que se actúe na zona afectada para evitar que a cinza e a terra baixe do monte ao mar polas choivas. "Hai 17.000 toneladas de terra e cinza que poden chegar a ría de Corcubion e afectar aos bancos de berberecho e a reserva mariña de Lira", dixo.

Medidas contra as escorrentías

Por iso, reclamou que, "inmediatamente, sen máis dilación", se tomen medidas sementando herba e gramíneas. Ademais, avogou porque cos eucaliptos e piñeiros queimados, se fagan diques para que esa terra non chegue ao mar, "porque, senón, vai ser outra catástrofe", advertiu.

A esta protesta acudiron representantes dos tres grupos da oposición en Galicia, PSdeG, AGE e BNG.

Novas sobre incendios

Novas relacionadas

Fonte

  • Nova xo xornal colaborador GC.

Comentarios