Estas son as zonas de 5 Concellos da Costa nas que a Xunta limita a extracción de mexilla para garantir a convivencia co percebe

Trala sentenza do TSXG, só quedaba a aprobación definitiva por parte da Xunta. Unha aprobación que debería poñer fin ás disputas entre percebeiros e bateeiros, e que por fin, recoñece o que veñen dicindo os percebeiros dende hai anos: o percebe necesita da mexilla para medrar mellor, e a extracción da mexilla repercute negativamente no percebe.
Pasou xa máis de ano e medio dende que o conflito chegou a máis que palabras, con aquel episodio humillante acontecido en Muxía. Polo medio pasaron propostas ridículas, denuncias e xuízos e moito silencio administrativo ata chegarmos a este punto. Pero semella que desta vai, unha vez que a Xunta vén de anunciar as zonas onde se restrinxe a extracción da mexilla para “acadar unha solución que garanta a convivencia equilibrada e unha axeitada protección dos intereses que concorren na explotación de ambos recursos”. Unha delimitación de “áreas nas que se pode desenvolver a actividade ten carácter precautorio e dá resposta tamén á sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que determina que os plans de xestión do percebe son o marco no que se deben valorar as medidas necesarias para protexer o crustáceo cando coexiste coa mexilla”.
Zonas protexidas
Na Costa da Morte hai zonas nas que non se poderá extraer mexilla en 5 concellos, tendo en conta que só poderían quedar restrinxidos un porcentaxe dos km de litoral de cada zona extractiva:
- Caión (A Laracha): Porto de Caión, Praia Salseiras, Portilño de Leira e Pedra do Sal.
- Corme (Ponteceso): Dos Baixos da Rúa á Punta Carral (que abarca arredor dos 3km na zona do Roncudo) incluíndo pedras cercadas e illotes.
- Laxe: Punta Padrón (E e O), Mundiña, Remol, Punta Cabalo (E e O), Niño Dajia, Rubia, Terra de Olga, Cruciña, Paraguas, Boi, Mexos, Furna da Escuma, Morelo (N e S).
- Muros: Casarica (N e S).
- Muxía: O Carreiro, Punta Lourido, Laxas Mouras, Jato Pelado, O Cercado (E e O), Os Bloques, Ollomoleira, As Sambadas, As Pías, A Medina, As Campanas, Praia Moreira, Percebeira, Pedra das Redes, Sualba, O Herboso, Rampa de Touriñán.
As resolucións estarán vixentes ata que entren en vigor os plans de xestión plurianuais do percebe para o período 2022-2024, que están en proceso de tramitación.
Reaccións
Ante a decisión, a Comisión do Mexillón saíuse na mesa de negociación, unha decisión que non entenden dende a Consellería.
Do outro lado, o sector dos percebeiros, recoñecen que a súa satisfacción porque “era o que buscabamos, que nos respectaran as zonas sensibles”, dando conta que levan meses traballando en silencio nos plans de explotación de 2022 a 2024. En calquera caso deixan claro que cren que esta medida non supón ningún perxuizo para os bateeiros, e que só responde a unha ordenación coordinada do territorio.
De feito, algún valora ademais a caída de presecia da mexilla na zona nos últimos anos, e valoran que nalgunhas zonas onde quitaron a mexilla hai 2 anos, agora non volveu rexenerar.
Camelle e Malpica?
En calquera caso lamentan que zonas como Malpica ou Camelle non aparecen no plan.
Por Malpica, por exemplo, a falta da bióloga durante moito tempo impediu facer os estudos pertinentes se ben consideran que a súa costa é demasiado accidentada para a extracción da mexilla.
Porén en Camelle, non entenden a decisión porque teñen deixado os deberes ben feito, co plan de extracción do percebe correctamente presentado, coas zonas delimitadas onde se podería ir á extracción. "Ten que haber un erro", considera o Patrón Maior, Xosé Xoán Bermúdez Tajes, que espera establecer de contado contacto coa Consellería.
NOVAS SOBRE PERCEBEIROS
- Setembro 21: O TSXG ampara unha medida da Xunta para comezar a restrinxir zonas de extracción da mexilla.
- Os percebeiros de Galicia envíanlle o CV á Xunta ante o risco de desaparición da súa profesión.
- Xaneiro 21: Sen solucións ao problema da mexilla 8 meses despois dos conflitos entre percebeiros e bateeiros.
- 15-10-2020: Os percebeiros de Muxía tiveron que acodir ao Xulgado por unha denuncia dos bateeiros da Arousa.
- 30-05-2020: As confrarías trasladáronlle o seu malestar á Conselleira por situarse do lado dos bateeiros.
- 26-05-2020: As confrarías consideran ridícula a proposta da Xunta de excluír da extracción da mexilla só 50 dos 1.7000 km da costa atlántica galega.
- 21-05-2020: “O pobo sentíu unha humillación pola invasión dos bateeiros, como cando os falaxinstas chegaban a desvalizar as casas”.