Venres. 29.03.2024
El tiempo

Relatos da Fundación: Lonxe da terra

Relatos da Fundación: Lonxe da terra

Xa levamos publicado dúas obras gañadoras do I Concurso de Relatos da Fundación Fernando Blanco, como son "Pegadas galegas polo mundo" e "Amor pola familia". Relatos nos que os pequenos de toda a bisbarra escriben sobre unha problemática tan de actualidade como a emigración. E sorprende como captan e describen as emocións que algo tan costeiro como a marcha dun ser querido.

Hoxe seguimos, co 1º premio da Categoría A (2º e 3 ciclo Primaria), acadado por Clara de Ramón Ayala, do Colexio Manueal Rial Mouzo de Cee, e o seu relato "Lonxe da terra":

"Lonxe da Terra", de Clara de Ramón Ayala

Clara-de-Ramon-Ayala-recibiu-o-1-premio-da-Categoria-A-do-Concurso-de-Relatos-da-Fundacion-Fernando-Blanco

Discorría o ano 1964. Miguel era un neno de dez anos. Vivía nun aldea pequena, dunhas vinte casas. Compartía casa cos seus pais, os seus avós e un tío paterno. Na aldea non había moito traballo agás coidar dos animais e labrar as terras, pero non había suficiente para todos. Vivían moi apretados, tanto na casa, como económicamente, aínda que Miguel non era conciente diso, e só se preocupaba de xogar con Manolo, o seu único amigo, xa que non había máis nenos na aldea. Tamén ían á escola, sempre e cando as nevadas non fosen moi intensas e os deixaran incomunicados.

Acercábase o Nadal e o tío Pepe, o irmán de papá, ía a vernos despóis de sete anos en Suiza. Na casa todos estaban moi contentos. Eu, que era o máis pequeño da familia, estaba, si cabe, máis emocionado, porque só coñecía ó tío Pepe por foto, e encima, ía ter que compartir cuarto con él e co outro meu tío Moncho. Pensei que podería ser divertido.

Por fin chegou o día, o tío Pepe chegaba de Suiza. Parecíase a papá, só que as súas roupas eran diferentes, levaba pantalóns vaqueiros e uns zapatos moi brilantes, tamén levaba gafas de sol, aínda que eu non entendín moi ben porqué, pasados algúns anos souben que eran para presumir, e un xersei moi apretado, semellaba que lle quedaba pequeño, e un gran anel na man dereita. Ö seu lado, meu pai, con pantalón e chaqueta gris oscuro, nada que ver co moderno tío Pepe. Puiden ver como o tío Moncho o observaba con envexa.

Meu avó non era moi efusivo, e aínda que se alegraba de ver ó tío Pepe, non deu demasiadas mostras, sen embargo, á miña avoa enchéronselle os ollos de bágoas e non podía deixar de abrazar e bicar ó tío Pepe.

O tío Pepe traía unha sorpresa, un posto de traballo en Suiza para o tío Moncho. O tío Pepe non paraba de contar cantos cartos se ganaban alá, e o ben que se podería vivir en Galicia con eses cartos. O tío Moncho, cos parabéns dos avós, non dubidou en aceptar o traballo. Todo pasou moi de presa. Ti Moncho e tío Pepe pasaban todo o día xuntos arranxando os papeis e as cousas para marchar, oíaselles falar continuamente como sería a súa nova vida xuntos en Suiza. Estaban moi ilusionados e contentos. Non se podería dicir o mesmo do meu pai que parecía estar máis triste ca nunca. A miña nai case non lle falaba por medo a incomodalo, e eu prefería xogar co meu amigo Manolo.

O dez de xaneiro de 1965, tío Pepe e tío Moncho marcharon para Suiza. O meu avó case non os despediu, e miña avoa encheuse a chorar, o meu pai seguía a estar triste, e a miña nai, sempre tan comedida, despediuse deles sin desvelar o que lle pasaba o meu pai. Eu estaba triste porque agora xa non tería compañeiro de habitación.

Pasaran uns meses, e un bo día papá chegou coa noticia á casa. Marchábamos para o Brasil. O meu avó calou, a miña nai tamén, e a miña avoa lamentouse e chorou moitísimo. Eu, por unha banda, tiña ganas de marchar e coñecer outros lugares, pero por outra banda dábame pena deixar a miña aldea e ó meu amigo Manolo. Mamá dicía que tíñamos que facer o que mandaba papá, así que nunca lle dixen a papá o que pensaba de ter que marchar a Brasil.

Así foi, e na primavera do 1965 marchamos para o Brasil. Fomos en barco, pasamos unha semana e, aínda que o mar estaba tranquilo, recordo que miña nai e máis eu non podíamos nin erguernos da cama co mareo que tiñamos.

Por fin chegamos ó Brasil. Só levábamos dúas maletas pequenas co pouco que tiñamos. Cando baixamos do barco non sabíamos que facer, aínda que papá intentaba facerse forte para que parecera que tiña dominada a situación. Pero non era así. Aquel país nada tiña que ver coa nosa aldea de Galicia. Facía moita calor e había moita xente, e ademais moita tiña unha cor de pel distinta á nosa. Eu nunca vira unha persoa cunha cor de pel tan escura.

Tiñamos que decidir que facer, a onde ir, así que papá preguntou polo nome dunha pensión que levaba escrito nun papel. Non nos costou moito entendernos, xa que había moitas semellanzas entre o seu idioma e o noso.

Puxémonos en marcha, e cando chegamos á pensión o primeiro que vimos foi moita xente, pero a maioría eran homes, os cales deixaran ás súas mulleres e fillos para vir traballar. Cando atopamos á dona da pensión, ela indicounos cal sería o nos cuarto, un cuarto compartido para tres, cunha cama non moi grande. A miña nai sentouse na cama, e ó seu lado papá, que nos dixo que todo ía sair ben.

Ó día seguinte papá marchou moi cedo para o seu novo traballo. Ía traballar nunha canteira. Traballaban moi duro, unhas catorce horas ó día. Mamá e maís eu non sabíamos que facer. Os primeiros días estábamos sempre no cuarto, pero mamá pensou que aquello tiña que cambiar, e comenzamos a relacionarnos coas poucas mulleres e nenos que había na pensión, na que tiñamos un pequeño cuarto de aseo para todos, e unha cociña na que cada un podía facer a súa propia comida.Pasaban o día, e cada vez coñecíamos a máis xente. Eu xa fixera algún amigo. A papá case non o víamos, agás os domingos que non traballaba e sempre íamos de paseo os tres xuntos, adoraba os domingos.

Co tempo, miña nai atopou un traballo servindo nunha casa. Tratábase dunha casa chea de luxos. Os donos da casa decidiron que sería mellor que nos trasladásemos a vivir alí, e así estaríamos pendentes deles en todo momento. Tamén decidiron que eu tiña que ir á escola, e así foi, eu comencei a ir a escola e abandonamos a pensión para trasladarnos á aquela casa. Naquela casa tamén compartía cuarto cos meus pais, pero xa tiña a miña propia cama.

Pasaron así uns dous ou quizáis tres anos. Algunha vez recibíamos carta dos avós, e nós tamén lle mandábamos algunha. Os meus pais decidiron que era o momento de mudarnos a unha casa, para os tres sós. Tiñamos cartos aforrados que miña nai ía gardando nunha caixiña. O resto dos cartos os mandaban a Galicia para cando poidésemos voltar.

Acabei a escola primaria con moitos traballos, xa que non me gustaba moito estudar. Meu pai pensou que era o momento de poñerme a traballar e axudar na casa. Na canteira non había sitio para min, pero papá atopoume un traballo de botóns nun hotel. Os primeiros días foron durísimos, subindo e baixando pesadas maletas continuamente. Co tempo acostumeime, e cando empecei a ver as propinas que deixaban algúns clientes, aquel traballo empezoume a parecer perfecto. Case todo o que gañaba dáballo a miña nai, que o gardaba como se fose un tesouro.

Un bo día chegou unha carta de Galicia, o avó falecera e nós non poderíamos ir ó enterro. A miña avoa quedaba soa e non con moi boa saúde. Aquel día choramos todos, foi un día triste, e por riba estábamos tan lonxe…

No Brasil estábamos ben, vivíamos cómodamente e aínda aforrábamos cartos para mandar a Galicia. Eu xa non traballaba de botóns,agora traballaba no restaurante do hotel como camareiro. Gustábame aquel traballo, coñecía a moita xente. Pero dende que papá recibira aquela carta que anunciaba a morte do avó, estaba triste, pensativo… Entón decidiu que o mellor sería voltar a Galicia, que poderíamos vivir ben co que levábamos aforrado. Mamá e eu non queríamos voltar, gustábanos aquel país e as súas xentes, pero tanto mamá como eu rematamos aceptando que íamos voltar a Galicia.

No verán de 1974 volvemos a Galicia, nesta ocasión tamén volvemos en barco pero cargados de baúis, nada que ver coa equipaxe coa que chegamos ó Brasil. Aquel foi un día triste para os tres.

Por fín chegamos a xunto á avoa que non podía parar de chorar coa emoción cando nos veu. Estaba máis vella, pasaran dez anos.

Como sempre, papá tomaba as decisións, así que pensou que tiñamos que arreglala cas. Éramos a envexa da aldea, chamábannos “os ricos”.

Naqueles días preguntei á avoa polo tío Pepe e o tío Moncho. Nós non volvéramos a ter contacto con eles, aínda que sabíamos polas cartas dos avós que seguían a traballar en Suiza, e que formaran alí as súas familias. Eles si viñeran ó enterro do avó, e tamén viñeran outras dúas veces coas súas familias. Tamén lle preguntei por Manolo, o meu amigo, de que non volvera a saber máis. Manolo marchara facía un ano a traballar a Barcelona a unha fábrica textil, pero a avoa non tiña máis información.

Na aldea a vida era moi aburrida, non había nada no que entreterse, só traballo no campo e traballo cos animais, pero a min aquello non me gustaba, non estaba acostumado a vivir daquela maneira. A aldea facíase moi pequena, pero dábame medo dicirllo ós meus pais, eles parecía felices. Traballaban pouco e vivían ben cos aforros que trouxéramos de Brasil.

Eu mantiña contacto con todos os amigos que deixara no Brasil, eles seguíanme a falar do seu día a día alí, e a pesar de que tivera que traballar moitísimo no hotel, e agora a miña vida era máis descansada, morría de envexa.

Estiven case dous anos na aldea cos meus pais e coa miña avoa, pero decidín voltar ó Brasil. Pensei que a miña vida estaba alí, e aínda que lonxe dos meus pais, non vía futuro na aldea.

Cando lle dixen ós meus pais que volvía para Brasil, mamá púxose a chorar, pensaba que xa me perdía, á avoa tamén se lle escaparon as bágoas, sen embargo papá non foi capaz de dicir nada. Naquel momento recordei a cara do avóa cando anos atrás marchamos ó Brasil. Que estaría a pensar meu pai? Pensaba que a historia se estaba a repetir?.

Un mes despóis chegaba ó Brasil, a miña historia en solitario comenzaba neste momento, lonxe da familia e da terra que me viu nacer. Voltarei?...

  • Clara de Ramón Ayala, do Colexio Manuela Rial de Cee. 1º Premio da Categoría A (2º e 3º ciclo de Primaria) do I Concurso de Relatos da Fundación Fernando Blanco.

Outros Relatos da Fundación

Novas relacionadas

Máis información

Fonte

  • Colaboración entre a Fundación Fernando Blanco e QPC.

Comentarios