Luns. 04.11.2024
El tiempo

Senda Nova segue creando canteira de compromiso

Senda Nova segue creando canteira de compromiso
Ruta con Senda Nova

Levamos semanas, e mesmo meses, loubando a labor de concienciación medioambiental e de promoción turística e económica, das entidades que están a convertir o sendeirismo nunha relixión na Costa da Morte. Falamos moito do revolucionario Camiño dos Faros, falamos tamén das Andainas Coñece a Costa da Morte.

E falamos moito, e ben, das propostas da Asociación Ambiental Senda Nova, que continúa co seu programa Primavera en Ruta achegando a natureza á veciñanza. Hoxe, o seu presidente, José Manuel Menéndez, envíanos un texto sobre a ruta desta pasada fin de semana, polo Coristanco histórico, pero tamén un texto sobre a importancia de traballar o compromiso ca terra.

Ruta con Senda Nova

Canteira de compromiso

Ao cabo dos anos dámonos conta de que ningún dos percorridos que repetimos ano tras ano, primavera tras primavera, outono tras outono, merece ser transitado con menos periodicidade da actual. Actualmente seguimos a conseguir o compromiso marcado dende o comezo desta andaina como entidade, de percorrer cada traballo desenvolvido, cada roteiro deseñado, unha vez por ano, coa sempre presente premisa de que o máis importante para un roteiro e para o patrimonio que percorre non é outra cousa que camiñalo.

Coristanco é, sen dúbida, o maior exemplo de como un percorrido con persoalidade propia, pode chegar a superar obxectivos de protección do territorio e de amarrar cordas a un compoñente social importantísimo para a nosa asociación e para as parroquias que percorre. Coristanco Histórico é unha das maiores canteiras de compromiso da entidade. E xa antes de comezar a andaina, e en días previos, coa iniciativa da Asociación de Veciños de Seavia para a presentación desta 5º edición de CORISTANCO HISTÓRICO. Tamén, antes da propia marcha, Laura Mariño, como anfitriona da parroquia e tamén da nosa entidade. Ela foi a encargada de descifrar data por data e figura por figura, o máis importante dun espectacular interior e exterior da igrexa parroquial de Seavia.

Foi o principio do comezo posto que antes incluso de quentarse na camiñada, o escritor de Seavia por excelencia, Jose Antonio Andrade, convídanos cun almorzo sabedor, mentres os raios de sol se colaban polo medio das nogueiras e mentres divisábamos o omnipresente Monteneme. Era ao mesmo tempo que pensabamos na primeira edición dese mesmo percorrido, fai cinco anos. Naquela na que o mesmo escritor nos agasallara cunha das súas publicacións. Foi o xérmolo para que o persoeiro de Seavia fora unha persoa importantísima en cada actividade de Senda Nova.

Seavia e Segufe están relacionados de xeito especial con Asunción Antelo. O paseiño para chegar a aldea tiña sinfonía de auga e de paxariños nas froiteiras, e a benvida no museo foi tan especial como cada ano, cando ollamos cada traballo da polifacética e autodidacta artista de Segufe, pensando no esforzo de cada obra, no amor que lle tivo que ter posto a cada movemento de navalla e man a carón , quizais, dun carballo centenario. Un de tantos que pechan a fermosísima corredoira que, dende Segufe, sube ata A Rabadeira.

E de Nogueira ben gozamos, xa dende lonxe cando na cabeza da marcha, Martín Rabuñal (outro dos locais con orgullo), nos fai ver en perspectiva de ollo paisaxístico, a torre que leva o nome da aldea. A torre que queda do recindo orixinario que albergaba dúas, pasou por numerosos propietarios e centos de anos de historia e lendas que Martín, con minuciosidade e agarimo destacado en cada verba, nos presentou á beira da construcción. Foi antes de entrar na fermosura e o malabarismo do tramo de ruta que percorre os muíños e o río saltarín que baixa cerca da prantación de Sta Ana.

O tramo de subida ata o cotón de Ferreira foi forte, mais as vistas que dende alí se aprecian son especialmente fermosas e didácticas en canto á xeografía. Pero a este lugar onde se atopou na antigüidade unha capela, non se chegou sen antes pasar pola ponte Trilla. Este punto entre as parroquias de Seavia e Ferreira é un lugar afastado e cheo de raros espíritos e lendas modernas de difícil crenza. Eso, foi ( a lo menos) o que lle contamos aos forasteiros camiñantes que por primeira vez chegaban a unha actividade de Senda Nova, por contarlle algo máis que por saber a ciencia certa, da forza extraña que levou a seres “ intelixentes” a colocar electrodomésticos en lugares tan afastados de medios rodados e tan fermosos á vista. Grazas a labor de todos e do noso coche puidemos cargar restos de…, de todo canto imaxinemos, e que levou a rematar o roteiro con 200 kilos de diferentes estranos produtos en cadanseu estrano vertedoiro. Grande a campaña de APAÑA2 neste roteiro.

Ruta con Senda Nova

Despois de comer aumentamos a velocidade, e ben puido ser grazas a outra habitante de Couso, Carmen Velo, que polo seu café e a súa amabilidade, fixo do grupo unha boa morea de 50 persoas cheas de folgos para subir a costa que chega a igrexa de Couso e mesmo ao alto do Vilar, aínda que a corredoira que chega ata estas chairas xalleiras ben empinada que é.
Certamente O Vilar está nas terras de Sta Comba e, aínda que na parroquia de Couso e no Concello de Coristanco, estas aldeas mostran unha forte vinculación con Xallas, incluso a paisaxe, máis venteada e chan, recolle as mellores características da comarca veciña. Aquí atópase un castro cunhas murallas fermosas e grandes. Un castro que mantén lendas común con outros moitos pero con particularidades e singularidades propias aínda intactas no tempo.

Despois voltou a costa e veu unha zona de minas que Evaristo Domínguez e Eva Cameán nos intentaron achegar con didácticas explicacións e textos recollidos de traballadoras do wolframio de Barilongo.

A mámoa Zapateira atópase no alto dun monte, nun sitio tan espectacular como o propio enterramento megalítico. A construcción ten uns 6000 anos e ten un diámetro duns 15 metros. Pode verse incluso dende o alto do monte da Fonte Silva, o lugar con máis altura de todo o roteiro. Podemos divisar a ría de Corme e Laxe, as Sisargas, e case toda a comarca de Bergantiños e Xallas dende a espectacular balconada natural.

A baixada foi paseniña pero entretida pola dificultade dun camiño de pendente máxima. Aínda así, pouco tardamos en chegar a lagoa de Cuns e ás fábricas de caolín. Foi alí cando coa suaveciña voz de Raquel nos chegou todo o coñecemento posible da parroquia de Cuns. As minas, a festa, a fonte de sta Margarida…todo dende as verbas dunha habitante chea de compromiso.

O ultimo esforzo levounos por Moucos ao Rabiñoso, xa no linde con Zas. Un espazo excelente que fixo as delicias dos que aínda non o visitaran nunca e tamén de aqueles que agardaban o momento de voltar a sentir caer a auga brincadeira facendo de linde entre Zas e Coristanco, entre Bergantiños e Soneira. Será o lugar de saída da vindeira ruta, o domgino 25 de maio.

Quedades invitados, repetiredes.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios