Un congreso internacional para Bergantiños


Estase a convertir Carballo na capital tecnolóxica do país. Non hai moito acollia o Congreso cos Pés na Terra, que servía para dar conta, a pesar da non presencia dos que poñen os cartos, do nivel tecnolóxico que teñen varias empresas da Costa da Morte.
E estaremos atentos, porque o TEDxGalicia, un evento internacional, terá lugar en Carballo o venres 23 de xaneiro de 2015, en xornada de tarde de 16:00h a 20:00h aproximadamente.
E parece que haberá que anuncialo ben, porque é un acontecimento único. Falamos dun evento anual onde algúns dos pensadores e emprendedores máis importantes do mundo están convidados a compartir o que máis lles apaixona. “TED” significa Tecnoloxía, Entretemento e Deseño - tres grandes áreas que en conxunto están dando forma ao noso futuro. De feito, o evento dá cabida a unha temática máis ampla, mostrando “ideas que merecen a pena” de calquera outra disciplina.
Levan dende o 2010 levando grandes persoeiros por pequenos concellos de Galicia. Nomes como o Mago Román García, Frankie Gómez, Manolo Castro, Xurxo Mariño, Manolo Gago ou o mesmo Jorge Mira xa teñen pisado o escenario do Tedx, como vemos aquí:
Este ano a organización escolle Carballo para levalo adiante, pero coma sempre, e como cada ano, abren o proceso de inscrición sen confirmar ponentes. Estaremos atentos porque os nomes seguro que son de verdadeira incidencia.
Ademais, prometen unha proposta especial, o TEDxGaliciaU, un espazo previo ao TEDxGalicia formado por charlas curtas das e dos asistentes.
Polo de pronto, xa vos podedes ir inscribindo por 25€ coas 100 primeiras entradas anticipadas.
Novas relacionadas
- Onde están os que invisten os nosos cartos ante tremendo nivelón?.
- Bergantiños á vangarda tecnolóxica galega.
- Carballo pon os pés na terra a base de innovación.
- O edificio dos 100 actos.
- #ForoMobilidade: Carballo repensa o seu modelo de cidade.
- O #CursoTurismoUDC de Carballo propón modernizar o sector da Costa da Morte.
- 4 novos cursos de formación en cociña, restaurante, soldadura e electricidade en Carballo.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).