2ª Autonómica: De infarto por arriba e por abaixo
Espectacular esta xornada 29 da 2ª Autonómica. Partidazos como o do Carral ou do Cunchido dan conta de por que o Fútbol da Costa ten tanta sona. A tensión e a emoción fan do noso fútbol un tesouro, como demostra o feito de que varios choques se decidían no último suspiro.
O Corme, que leva dende a xornada 11 sen perder, sumaba a súa 8ª vitoria consecutiva no Cubaleiro ante o pechacancelas. Por detrás, o Sofán protagonizou un dos partidos da xornada vencendo ao Cee nun verdadeiro partidazo, e queda a 3 dos cormeláns cun partido menos. O Zas descólgase lixeiramente tralo seu polémico empate en Outes, noutro partidazo dos que fan afección, e queda a 7 do líder, tamén cun partido menos.
Por abaixo a cousa cada día está máis quente. Parecen os 2 arrastres da 1ª Autonómica practicamente fixos segundo pasan as xornadas, polo que ademais do IDC, e con probabilidade o Corcubión, 2 equipos máis perderán a categoría. E como están puntuando os de abaixo e os da metade están pinchando, dende o 8º, o Buño, para abaixo, non se pode fiar ninguén. Os que peor o teñen a día de hoxe son Muros, con 28 puntos, e Camelle con 29. Ambos sumaron e teñen a Volantes (31), San Lorenzo (32) e Castriz (32) a tiro. Cabana, Porteño, Mazaricos e Buño están un partido por diante, pero tampouco se poden despistar. Quedan varias xornadas de infarto pola zona baixa.
Cabana - Muros (1-1)
- CABANA: Añón, Pepe, Eloy, Charli, Iván de Treos, Manu Guillamet, Eloy Pereira (Diego, min.90), Sandro, Berti (Ismael, min.85), Manolo do Cruceiro (Mario, min.60) e Fernando (Raúl, min.65).
- MUROS: Fabio, Veloso, Teo, Iván, Juanche, Ramón, Saúl, Jesús, Eloy, Sexo e Samu. Tamén xogaron: Pelos e Berni.
- Goles: 1-0, min.54: Fernando; 1-1, min.95: Pelos a unha fallta de Saúl.
- Expulsión: o muradán Iván (min.89)
Partido con pouco fútbol, moi trabado e con moito balonazo, que rematou cun empate xusto que lle sabe moito mellor ao Cabana que ao cadro celeste. O equipo de Periscal puido adiantarse na primeira metade cun penalti por man de Saúl pero Eloy tirábao o longueiro, e logo unha xogada igual pero máis clara na área contraria non era pitada polo árbitro. E logo de ter algunhas ocasións o Muros, e algunha outra por parte do Cabana chegaríase o descanso.
Xa na segunda metade, seguían os dous equipos a pelotazos. O Cabana chegou con perigo unha vez, e un erro colectivo da defensa muradana fixo que se adiantaran cun tanto de Fernando. Logo o porteiro do Cabana sacoulle un tiro dende o medio do campo da escuadra a Pelos, e outro remate de cabeza de Teo.
Quedaría con dous homes menos o Muros polas expulsións de Juanche, aínda na primeira, e Iván, nunha pequena liorta case que co tempo cumplido. E xa no desconto, co Muros volcado á desesperada, Saúl botaba unha falta dende fora da área e Pelos remataríaa a dentro poñendo o empate definitivo.
Fisterra - San Lorenzo (2-0)
- FISTERRA: Joselu, Robertín (Munitis), Manuel Cartamil, Julito, Huete (Dani), Santi (Sergio Manín), Tony (Hidalgo), Roa, Bruno, Aitor e Isma Leis (Tati).
- SAN LORENZO: Puyol, Rubén (Casillero, min.70), David Álvarez, Anxo, Germán, Cachizo, Fraga, Fuentefría, Dani (Canteiro, min.75), Chucho e Joaquín (Velo, min.55).
- Goles: 1-0, min.50: Bruno; 2-0, min.70: Julito.
Gran partido do Fisterra que soubo manexar o partido ao seu ritmo. O San Lorenzo aguantou a primeira metade ante un Fisterra que dominaba pero as ocasións máis claras foron do cadro visitante á contra, pero Cachizo, Dani e Joaquín, con sendos mans a mans errados.
Arrincaba a segunda cun gol tempraneiro do cadro local, e pesou demasiado no equipo de Gueli, deixando unha segunda de cor verde, con Bruno, Aitor, Isma, Tony e compañía facendo das súas.
Debutou Fraga nas filas carballesas, pero non evitou a 4ª derrota seguida dun San Lorenzo que xa suma 6 partidos sen gañar.
Porteño - Castriz (2-1)
- PORTEÑO: Jimmy, Pejo, Esteban, Maikol (Rodri, min.46), Caamaño, Doyle, Iago, Óscar (Marcos, min.70), Ismael e Varela (David, min.75).
- CASTRIZ: Pablo, Martín (Pablo, min.70), Chinda, Álex, Alberto, Bruno, Luís, Cili, Agra, Víctor e Pichín.
- Goles: 1-0, min.15: Caamaño de cabeza; 1-1, min.40: Agra de penalti sobre Pichín; 2-1, min.70: Isma de penalti.
- Expulsión: o local Caamaño no min.85.
Partido tremendamente pelexado na zona baixa que deixa ao Castriz, tralo seu 8º partido sen gañar, metido de cheo na loita por evitar o descenso. Máis gañas dos locais ante un irregular Castriz que onte amosaba a mala cara o equipo de Esteban Blanco. O Porteño, máis agresivo, máis enriba, adiantábase pronto, a pesar de contar con 4 xuvenís o equipo de Roski por mor das baixas.
Un penalti ao fío do descanso facía o empate, e un penalti, discutido polos xalleiros, no ecuador da segunda, daba a vitoria aos locais. Antes, co 1-1, Víctor tivo un tiro ao longueiro para os xalleiros, e xa co tempo case cumplido, Álex non chegou a un centro por moi pouco.
Sofán - Cee (5-4)
- SOFÁN: Bugy, Cantudo (Leilán, min.55), Diego, Pablo Martínez (Javi García, min.70), Eloy Boedo, Jorge Calvete, Martín (Míchel, min.70), Iván Rey, Iván Rojo, Brais (Seo, min.80) e Raúl.
- CEE: Parroto, Nico, Jorge, Fiuza, Jacobo, Angeliño, Leis, Diego Cespón (Javi, min.86), Josito (Esteban, min.85), Rodri e Cristian.
- Goles: 1-0, min.10: Pablo Martínez aproveita un taconazo de Eloy Boedo; 1-1, min.15: Josiño pola escuadra aproveitando un rexeite dende a frontal; 2-1, min.22: Eloy Boedo tras un saque de banda; 3-1, min.35: Brais de espuela roza un tiro de Iván Rojo; 3-2, min.44: Diego Cespón de penalti; 3-3, min.50: Diego Cespón de penalti; 3-4, min.55: Josiño nun córner; 4-4, min.65: Raúl de penalti; 5-4, min,78: Iván Rojo de falta directa.
Partidazo no Carral, un domingo máis, facendo esquecer a Liga das Estrelas. Os máis de 200 siareiros que encheron o campo sofanista disfrutaron do auténtico espectáculo do fútbol da Costa. 3 penaltis, moita tensión e grandes goles se viron na tarde dominical.
O partido arrincaba como un toma e daca. Adiantábase pronto a SD pero respondía pronto Josiño cun golazo. Pero non estaba fina a defensa ceense e Eloy Boedo e Brais ampliaban a renda, pero un penalti ao fío do descanso, e outro á volta, puñan o marcador de novo empatado.
Foron 20 minutos de control ceense, que puido levar o partido ante unha SD que non era a mesma que na primeira. Pero esperou con 4º gol de Josiño a SD, que se volcou de novo sobre a meta ceense, e no seu xogo de avalanchas conseguía darlle outra vez a volta ao marcador.
O treito final foi de tolos, cos debutantes Seo, ex do IDC, e Javi García, procedente do Olímpico, sacando balóns baixo paus ante o asedio ceense.
Corcubión - Corme (1-2)
- CORCUBIÓN: Perlón, Checho, Senra, Disi, Alan, Toja, Gabi, Edu, Sebas, Mario e Lema. Tamén xogaron: Trillo, Tito e Antón Lestón.
- CORME: Javi, Dani, Alejandro, Miguel Torrado, Sergio (Diego, min.60), Brais, Juan Chans, Adrián Doldán (Manu, min.78), Lucas, Toniño e Alejo (Antoniño, min.85).
- Goles: 1-0, min.10: Juan Chans; 1-1, min.35: Lema; 1-2, min.65: Juan Chans.
150 persoas, a meirande parte chegadas da marea azulona de Corme, invadiron o Cubaleiro para ver a 7ª vitoria consecutiva do líder, que xa suma 18 xornadas sen perder. O Corcubión, pechacancelas, puxo en apretos ao líder, e mesmo fixo defender e case que pedir a hora aos visitantes.
Arrincaba o choque co gol de Juan Chans, pero antes do descanso Lema facía o empate. Toja tivo nun man a man e outra boa ocasión tras un centro para facer por dúas veces o 2-1 no marcador, pero perdoou e xusto na xogada seguinte Juan Chans chuta dende 3/4 de campo e bate raso a Perlón. Pero o Corcubión cría na vitoria e foise arriba. O Corme tivo que poñerse a defender e acabou case que pedindo a hora.
Buño - Camelle (2-4)
- BUÑO: Brais, Rubén, Fran Borrazás, Alfredo, Iago, Dani Calvete, Gurita (Miguel Dourado, min.46), David Dourado, Víctor (Eloy, min.46), Charro (Juan, min.76) e Elías (Pedro, min.46)
- CAMELLE: Ángel Luis, Rubén, Valiña, Adrián (Adrián Tajes, min.68), Matías, Mario, Sergio (Varu, min.72), Miguel Riveiro, Dido, Barreiro e Ángel Riveiro.
- Goles: 0-1, min.7: Mario cabecea o esférico ao fondo das mallas á saída dun córner. 0-2, min.11: Matías realiza un espectacular remate acrobático para bater a Brais. 0-3, min.14: Erro da defensa local que aproveita Sergio para bater ao porteiro local. 1-3, min.69: Apertura á banda para Charro que se interna polo medio da defensa para sacar un disparo imparable para Ángel Luis. 1-4, min.69: Barreiro resolve con moita clase no man a man. 2-4, min.86: Rubén cabecea á rede un gran centro de Miguel Dourado.
Enchufadísimo entrou o Camelle ao encontro, no que superaron aos locais cunha gran intensidade. No minuto 14 xa perdía 0-3 un Buño, que estivo desaparecido durante casi todo o partido ante uns camelláns moi necesitados de puntos para acadar a salvación e que saíron a pola victoria dende o comezo.
Aos sete minutos de principiar o partido avisaba Matías cun lanzamento que rexeita Brais a córner. E nese saque de esquina chegaría o primeiro dos visitantes que faría Mario cun remate de cabeza. No minuto 11 chegaría o segundo, obra de Matías que realiza un espectacular remate acrobático para bater ao porteiro oleiro. Un minuto despois, erro en cadea do equipo branquiazul que aproveita Matías para superar a Brais, pero Iago salva in extremis sobre a mesma liña de gol. A primeira ocasión do Buño, chegaría por medio de Charro que realiza un remate de primeiras tras un centro de Rubén que se vai rozando o pau. E como o que perdoa, acaba pagando, na seguinte xogada tras un fallo da liña defensiva local Sergio supera a Brais para poñer o 0 a 3 no marcador.
Despois do terceiro tanto, o equipo oleiro contaría con tres opcións de gol case consecutivas pero Ángel Luis en dúas ocasións e Dido na última salvarían os goles de Elías tras unha xogada individual, de Víctor tras unha boa xogada combinativa do Buño e de Rubén cun potente lanzamento, respectivamente.
Respostaría o Camelle con outras tres ocasións tras sendos contragolpes, pero primeiro Brais salva o lanzamento de Ángel Riveiro. Logo Miguel Riveiro envía o balón fóra e na última o longueiro repele a vaselina de Barreiro con Brais xa batido.
Antes do tempo de lecer, Elías puido recortar distanzas no instantáneo pero o longueiro rexeita o seu remate de cabeza, ao igual que o seu compañeiro Rubén que a piques estivo de sorprender a Ángel Luis cun potente lanzamento que se vai desviado por pouco.
Á volta dos vestiarios, Dani saca un forte disparo dende a frontal que repele o longueiro e o rexeite envíao fóra Pedro. Mediada a segunda metade, Charro recortaría distanzas con un lanzamento imparable para o porteiro visitante. Pero tras o saque de centro o Camelle sentenciaría o partido tras unha definición con clase de Barreiro no man a man con Brais. A falta de catro minutos, Rubén cabecea o esférico ao fondo das mallas un centro de Miguel Dourado. Antes do remate do encontro, Brais tería que empregarse a fondo para rexeitar un potente lanzamento de Mario.
Vitoria xusta dun Camelle que respira un pouco logo de sumar os tres puntos ante un Buño irrecoñecible.
Outes - Zas (1-1)
- OUTES: Gato, David, Borja, Rafa (Piki, min.55), Arturo, Poke (Saúl, min.60), Martín, Kin, Edu (Maduro, min.60), Migui (Yura, min.80) e Elías (Samuel, min.75).
- ZAS: Anxo, Martín (Samu, min.50), Pereiro, Óliver, Víctor, Canedo, Peke, Pablo Lestón (Damián, min.65), David Blanco (Fabián, min.75), Rubio e Isma (Pastor, min.65).
- Goles: 1-0, min.55: Elías aproveita un balón morto a un córner; 1-1, min.95: Pastor aproveita un barullo na área.
Partido polémico e bonito o vivido no Cunchido cunha numerosa presencia de afeccionados polos dous bandos. O Outes comezou dun xeito espectacular, apretando durante a primeira media hora. Xa aos 5 minutos Anxo paroulle un penalti a Arturo, pegaba no longueiro un centro chut de Migui tras tocar nun defensa, e Migui e Elías tamén podían ter ampliado a renda.
Foise estirando o Zas e David Blanco tivo un man a man que parou Gato, e Lestón mandou un tiro ao longueiro. Os zaenses pediron penalti sobre David Blanco.
Na segunda, comezaba co gol dos locais e Zas foise adiante e buscou á desesperada o tanto do empate. Tras unha segunda máis monótona, e sen demasiada claridade de ocasións, o empate só chegaría con 5 sobre o tempo regulamentario, ante as protestas dos da Serra, que non entenderon tanta prolongación. Así unha vez rematado o partido varios afeccionados locais se achegaron a increpar lixeiramente ao colexiado.
Volantes - Mazaricos (0-0)
- VOLANTES: Vicente, Juan, Nimo, Néstor, Miguel, Ivi (Edu, min.75), Adri, Martín (Moja, min.65), Uru (Pardelo, min.80), Brais e Kajulo (Seluco, min.46).
- MAZARICOS: Marcos, Estéfano, David, Matías, Ramón, Coxo, Rodri (Chico, min.55), Ricardo, Esteban, Molinos (Kevin, min.70) e José Ángel (Ferreiro, min.85).
- Expulsión: o local Brais (min.65).
- APP “Fútbol da Costa” para Android.
- APP “Fútbol da Costa” para iPhone.
- www.futboldacosta.com.
- Facebook Fútbol da Costa.
- Calendario e resultados da I Copa da Costa Cadete.
- Xa temos sorteo da I Copa da Costa Infantil.
- 1ª Autonómica: Os de arriba marcan o paso.
- Preferente: Peor case imposible.
- Resultados e crónica da última xornada de marzo do Fútbol da Costa.
- O Gato parapenaltis.
- O campo de fútbol de Louro terá herba artificial a temporada que vén.
- Alberto Pose: Unha fiestra aberta para acoller Campionatos Nacionais na Costa da Morte.
- Óscar Suárez e Raúl lideran as táboas dos pichichis da Costa.
- A Pipa de Corredoira: 30 novos adestradores diplomados na Costa.
- Alberto Pose: Da ilusión que xeneran os cromos da Costa.
- Manuel Varela: A Costa do Fútbol.
- Redacción de QPC ([email protected]).
- David Castro e SD Sofán.
Soso e xusto empate entre dous equipos da zona baixa que deixa ao Volantes nunha zona máis perigosa que ao Mazaricos, aínda con 5 puntos entre ambos.
Primeira parte moi condicionada polo vento e chuvia. O Volantes, co vento a favor, dominou territorialmente os primeiros 45 minutos, pero sen ocasións para ningún equipo.
A segunda metade, xa co vento en calma, empezou tamén igualada, pero a raiz da expulsión de Brais (min.65), o cadro amarelo colleu o mando do partido. Tivo tres claras opcións por medio de Molinos, José Angel (balón ó poste) e Kevin. Xa no tramo final últimos cinco minutos o Volantes conseguía saír de atrás e a balón parado tivo algunha opción. A máis clara do partido foi para precisamente para o cadro laranxa no desconto con remate ó poste, e cando parecia imposible fallar o rexeite Néstor non foi capaz de rematar.