Xoves. 18.04.2024
El tiempo

2ª Autonómica: Inicio de campaña con cor visitante

2ª Autonómica: Inicio de campaña con cor visitante

8 vitorias visitantes e 1 empate é o balance desta 1ª xornada da 2ª Autonómica. Unha Liga da Costa que chega con varios nomes xa na parte alta da táboa, como poden ser o Camariñas, Club do Mar, Fisterra, Zas ou Sofán.

Baio - Camariñas (1-3)

  • Baio: Poyo, Matías, Fermín (Valentín, min.91), Iván de Treos, Jose Antonio, Mario, Eloi, Alberto, Canai, Martín Muiño e Martín MC.
  • Camariñas: Pombo, Pesqui, Carlos, Michael, Breo, De La Sierra, Moriño, Juan O Bello (Yuyu, min.93), David (Dani, min.79), Leo e Javi (Alberto, min.77).
  • Goles: 0-1, min.3: De La Sierra; 0-2, min.55: Leo; 1-2, min.68: Alberto, de penalti; 1-3, min.92: Leo.

Non puido o Baio cun equipo moi feito como é o Camariñas e cun reforzo na dianteira como Leo que demostrou ter moito gol, aínda así na segunda metade fixeron pasar por un mal momento ao equipo de Manolín. No Baio debutaron Eloi, procedente do Malpica e Iván de Treos do Vimianzo, quen non puido xogar foi Javi Suárez que segue negociando a carta de liberdade co Zas.

De La Sierra abría o marcador moi cedo, chegado dende atrás encontrouse cun balón morto na frontal da área e o seu forte lanzamento pouco puido facer Poyo para detelo. Este gol deulle moita tranquilidade aos camariñáns que tiñan maior posesión de balón, aínda que apenas se creaban ocasións de gol en ningunha das áreas. Os Camariñáns reclamaron un penalti bastante claro de Iván de Treos a Leo que o colexiado fixo vista gorda. A piques do descanso Alberto, cun forte disparo de falta que se foi lixeiramente alto, creou a ocasión máis clara de gol para os baieses.

Tralo descanso e arbitrados por un colexiado con moi pouca experiencia e cometendo constantes erros para ambas partes, o partido foise quentando e aumentando en intensidade. Ían 10 minutos de xogo da segunda metade cano Leo se estreaba como goleador coa camisola azulona, o seu disparo dende uns metros da frontal da área tocou nun defensa local pasándolle por enriba de Poyo que pouco puido facer. Semellaba que o encontro quedaba sentenciado, pero aínda entraría en escena o colexiado sinalando unha pena máxima a favor dos baieses por mans de Michael a centro por banda dereita de Martín MC. Alberto non desaproveitou a oportunidade e fusilou a pombo. Minutos despois, Moriño tivo a sentencia, pero o seu lanzamento foise alto e a partir de aí o Baio asediou a meta de pombo e primeiro Fermín e logo Canai puideron igualar a contenda. Non o fixeron e Leo pechou o encontro no desconto cun fermosísimo gol de falta que se colou pola escadra con moita potencia.

O Pindo - Sofán (0-2 )

  • O Pindo: Diego Garrido, Juan, Herminio, Manolito do Porto, Javi Conexo (Jose da Maroca, min.50), Ángel (Juli, min.60), Lolo, Nano, Hugo, Vicente (Pablo, min.25) e Carlos.
  • Sofán: Richard, Adrián García, David Velo, Juanjo (Gustavo, min.78), Alberto Pensado, Eloy Boedo, Iván Rey, Suso Docampo, David Pensado (Berti, min.71), Abel (Edu, min.75) e Mario Casal.
  • Goles: 0-1, min.49: Suso Docampo de penalti sobre David Velo; 0-2, min.53: Alberto Pensado de falta pola escuadra.

Vitoria xusta do Sofán no Pindo, ante un equipo que vén de sufrir moitos cambios. I é que o plantel dirixido por Caluso está formado este ano por moita xente da casa que volve ao fútbol, de xeito que tardará en adecuarse á competición. Con orde, os carnotáns baseaban as súas xogadas de ataque nas solitarias incursións de Hugo e Nano. Pola contra os xogadores dirixidos polo tandem Vicente - Miniño levaron o peso do partido, cun Eloy Boedo moi firme no centro do campo.

Pero non foi ata o comezo da segunda metade cando os sofanistas sentenciaron. Un penalti e un golazo nos primeiros 10 minutos tralo descanso acabaron co choque pois as forzas no bando local tamén baixaron cos minutos. De aquí o final a Sd ralentizou o ritmo do partido.

Corcubión - Corme (1-1)

  • Corcubión: Cristian, Jose Atalaya, Sergio Manín, Conguito, Papi, Alán, Johni (Sebas, min.75), Alberto, Mario (Balucho, min.70), Lourido e Paulo (Lema, min.30).
  • Corme: Susiño, Adolfo, Abel (Gonzalo, min.55), Pandi, Lelo, Alejandro, Diego (Jesús, min.80), Adrián, Lucas, Martín e Iago.
  • Goles: 1-0, min.53: Mario tras un rexeite córner; 1-1, min.70: Alejandro tras unha falta lateral ensaiada.

Bonito partido de arriba abaixo, cos dous equipos tratando ben o balón, con contras e ocasións por ambas bandas. Ao final puido gañar calquera, pero o empate foi o máis xusto. Foron numerosas as ocasións en xogo para os dous equipos pero os dous tantos chegaron a balón parado. E ollo co Corme, que xa aproveitou algunha das súas xogadas ensaiadas.

Por parte local, Jonhi tivo dúas ocasións cada parte, e Lourido tamén marrou un par de balóns claros. Pola contra, o Corme, cun equipo moi novo e Juan no banco, propón un ano de toque de balón.

Mazaricos - Fisterra (0-1)

  • Mazaricos: Juan, Casais, Chico, Matías I, Tuco (Oreiro, min.65), Rodri, Brais, Esteban (Matías II, min.70), Estéfano (Aldo, min.55), Cristian e Rafa (Kevin, min.50).
  • Fisterra: Joselu, Juan de Elvira, Pana, Nico, Manuel Cartamil, Piti, Roa (Tata, min.66), Rivas (Marco Castreje, min.73), Guardiola (Marco Docabo, min.67), Roco e Mané (Roberto, min.80).
  • Gol: 0-1, min.20: Rivas.

Vitoria moi traballada polos fisterráns na Peña de Ouro ante un Mazaricos que prantou cara pero que foi inferior. Sobre todo no segundo tempo os fisterráns demostraron que este ano irán a por todo e apenas deixaron que os locais se achegase á meta de Joselu.

Mané por dúas ocasions, Nico cun tiro o poste na segunda parte e Tata nun contragolpe non foron capaces se subilo segundo gol para sentenciar o choque e a incertidume reinou ata o pitido final.

San Lorenzo - Esteirana (0-3)

  • San Lorenzo: Recarey, Canteiro, Adrián, Dubra, Javi Varela (Anxo, min.45), Cachizo, Marcos, Miguel (Chucho, min.79), Jorge (Eloy, min.53), Fuentefría e Carlos.
  • Esteirana: Benancio, Simón, Chispi, Dani Rama, Maxi, Eloi, Pitu, Cajulo, Roberto Pladur (Andel, min.75), Adrián e Adelino(alex, min.65).
  • Goles: 0-1, min.15: Cajulo dende fóra da área; 0-2, min.24: Cajulo cun bonito remate de tixeira no segundo pao; 0-3, min.32: Cajulo tras un saque de banda.

As rápidas contras dos esteiráns seguen sendo un arma tremenda. Os muradáns, que tiveron ocasións para unha goleada seria, aproveitaron o nerviosismo e a falta de intensidade do equipo de Verdillo neste comezo de campaña. E o estado de gracia de Cajulo, que marcou un gol espectacular de tixeira, foi letal.

Na primeira parte, a Esteirana cun lixeiro vento a favor decidiu en tres accións puntuais. Na segunda, o San Lorenzo, con poucas ideas, intentouno pero non puido ser e estivo máis cerca sempre o 0-4 que o 1-3. Chema Eirís ten aínda moito traballo a fronte dos carballeses.

Muros - Dumbría B (1-2)

  • Muros: Iago, Teo, Marco, Manu Dosil (Alberto, min.60), Dani (Mayuyu, min.60), Bibi, Jesús, Gelo (Mingos, min.55), Sexo, Gabri (Yanki, min.55) e Óscar.
  • Dumbría B: Anxo, José Carreira, Ramiro, David Carreira, Samuel, Jesús, Riki (Rodrigo, min.70), José Manuel, Ivanete (Sergio Cives, min.46), Pablo Lestón (Álex, min.80) e Alberto (Fernando, min.75).
  • Goles: 0-1, min.30: Alberto; 0-2, min.50: Alberto á contra; 1-2, min.89: Yanki.

Partido igualado decidido por detalles; de calidade segundo os dumbrieses, e por mor do colexiado segundo os locais. O equipo de Sil, aínda algo lentos co balón, tentaba facer o que máis que gusta, controlar o xogo. Mentres que o Dumbría B saía ben colocado e saíndo á contra, facendo moito dano.

O Muros puido adiantarse, e na primeira Sexo e Oscar tiveron dúas ocasións moi claras. Pero foi Alberto que puxo o 0-1 no marcador co que o filial sentiuse moito máis cómodo sobre o terreo de xogo. Na segunda Yanki tamén puido recurtar, pero foi de novo Alberto, en posición dubidosa para os locais que non para os visitantes, puxo terreo por medio. Tralo segundo gol, o Muros foise arriba con máis corazón que cabeza, e só Yanki puido recurtar xa sen tempo para intentar o empate.

Buño - Zas (1-3)

  • Buño: Toni, Brais, Ángel, Alfredo, Óscar, Jorge, Ismael, Rubén Roco (Juan Antelo, min.65), David Dourado (Miguel Dourado, min.60), Dani Calvete e Víctor (Richard, min.85).
  • Zas: Damián, Pereiro, Lagoa, Martín, Javito, Juan, Solís (Adrián, min.55), Peque, Roli (Diego, min.65), Pablo Muiño e Jaime.
  • Goles: 0-1, min.40: Pablo Muiño tras un malentendido entre defensa e porteiro; 1-1, min.70: Víctor tras un balón en longo de Jorge; 1-2, min.88: Diego tras un saque de banda; 1-3, min.89: Pablo Muiño.

Bo comezo do Zas, que aproveitou moi ben os erros do equipo local para levar os 3 puntos do campo de Xaviña. E iso que non foi ata o minuto 88 cando sentenciaron os de Felipe Solís, que volve ao equipo zaense dous anos despois do seu ascenso a 1ª. Con todo, durante a primeira metade, o Zas foi superior, e puideron marchar con 0-3 ao descanso.

Na segunda metade, o xogo estivo moi igualado, con ocasións polos dous bandos. Víctor acadaba o empate faltando 20 minutos, pero a presión arriba da dianteira zaense provocou varios despistes na zaga local xa case que co tempo cumplido, que deron os 3 puntos aos visitantes.

Nantón - Malpica (1-6)

  • Nantón: Martín; Diego, (Pedro, min.76), Cristian, (Iván, min.56), Félix, Sito, Carlos Vidal, Fabio, Isidro, Luís, Manolo Cruceiro, (Carlos Lareo, min.67) e Martín Suárez (Eloy, min.76).
  • Malpica: Suso; David Álvarez, Marcos Amado, Víctor, Iago, Rancaño (Pardo, min.66), Neucha (Nando, min.58), Cheo (Daniel, min.62), Pablo, Andrés, (Dani, min.59) e Alfredo.
  • Goles: 0-1, min.1: Félix en propia meta tras un rexeite do meta local; 0-2, min.35: Cheo tras un rexeite a tiro de David Álvarez. 0-3, min.45+5: Pablo tras unha bonita xogada de Neucha pola esquerda; 0-4, min.48: Neucha de cabeza a un saque de curruncho botado por Alfredo. 1-4, min.61: Luís bate no man a man a Suso; 1-5, min.63: Alfredo dende 30 metros. 1-6, min.75: Alfredo a pase de Pablo.

O Malpica puxo enriba da mesa que este ano vai ir a por todas. Aproveitouse dun Nantón que non puido desenvolver unha pretemporada completa, pero así e todo, non se viu tanta superioridade como di o marcador. Iso si, a superioridade física do Malpica foi clave. Como clave foi o terceiro gol malpicán pasados 5 minutos dos 45 iniciais, nun desconto inxustificado, e que serviu de sentencia final para que o Nantón dese por perdido o encontro.

E iso que a primeira estivo máis igualada, co Nantón tentando tocar e o Malpica sacando contras mortais, tras marcar no primeiro minuto de partido. Na segunda o encontro seguíu na mesma liña ata o pitido final. Así, o Malpica vingouse da eliminación dos cuartos de Copa da tempada pasada.

Castriz - Club do Mar (0-4)

  • Castriz: Herrera, Alejandro, Alberto, Toniño, Sergio Pose (Sergio Gerpe, min.75), Toño (Martín, min.46), Mauri (Michel, mmin.70), Pablo, Prego (Rubén, min.46), Sebas, Iván.
  • Club do Mar: Iago, Pablo Corral (Chori, min.77), Chechu, Repi, Rubén, Juan Lareo (Alberto, min.65), Jacobo, Alex (Luís Lareo, min.80), Bertín, Santi Silva (Fran Borrazás, min.75) e Vituco.
  • Goles: 0-1, min.10: Bertín; 0-2, min.20: Vituco; 0-3, min.35: Rubén; 0-4, min.85: Alberto.

Tremendas as primeiras sensacións que está a deixar o Club do Mar, que está a facer un equipo pensando no ascenso. No primeiro tempo os caioneses colleron durmindo aos locais, e fixeron dano como para marcar algún tanto máis. I é que ademais da boa sorte cara o gol, os visitantes amosáronse moi fortes e rodados. Con Repi de central, 3 medios centros con Rubén, Juan Lareo e Jacobo, e un tridente con Alberto e Santi Silva polas bandas e Vituco arriba, parece que o Club do Mar pode ser un candidato.

Pola súa banda, o Castriz, que non puido completar unha boa pretemporada, só chegou unha vez á meta de Iago.

Máis información

Novas relacionadas

Máis novas

Fonte

Comentarios