Sábado. 27.04.2024
El tiempo

BeinSports bucea na historia do partido da Selección da Costa en Riazor polo Prestige

BeinSports bucea na historia do partido da Selección da Costa en Riazor polo Prestige
Manin sentado no banco de Riazor no partido do Prestige Manin sentado no banco de Riazor no partido do Prestige da Selección da Costa que dirixíu Manolín

Un pracer para nós facer de enlace entre as cousas que máis nos enorgullecen da bisbarra. E unha delas é a historia do noso fútbol, por iso ficamos encantados de poñer en contacto aos autores do libro “50 anos da historia do Fútbol da Costa”, Lema Suárez e Chema Rei, coa cadea de TV "Bein Sports”, a que ten a maior parte dos dereitos dos partidos de fútbol da Liga. A idea da cadea era informarse dos partidos que se celebraran despois do desastre do "Prestige" como homenaxe ás vítimas. E quen mellor que este par de contadores da nosa historia para contalo.

De feito, na ‘Enciclopedia do fútbol da Costa’ teñen unha información bastante completa, como así é, pois a este capítulo dedicáronselle catro páxinas (da 388 á 391) e seis fotografías.

Esperamos que ao longo deste mes de novembro, cando se cumpran 14 anos do naufraxio (13-11-2002), se emita o especial.

O partido de Riazor: Deportivo-Selección da Costa (17-12-2002)

Deste xeito, o xornalista manifestou especial interese en partidos memorables como o celebrado no Estadio de Riazor o 17-12-2002, por iniciativa da directiva do Deportivo da Coruña, entre o daquela Súper Depor, punteiro da Liga española, e unha Selección da Costa. Tomou nota dos lemas das camisolas coas que saíron ó campo os dous equipos: nas do Deportivo líase “Viva a Costa da Morte” e nas da Selección costeira o famoso “Nunca máis”. O xornalista tampouco tiña noticia de que o dianteiro deportivista Diego Tristán doara para os afectados o importe do seu “pichichi” da temporada anterior. Polos altavoces de Riazor escoitárase, quizais por vez primeira, unha alocución en galego, na voz do polígrafo Felipe-Senén López. Sorprendentemente, o encontro non fora televisado pola TVG, quizais por presións do Goberno galego, que daquela presidía Manuel Fraga.

No libro tamén se informa doutros partidos solidarios, coma o que se xogara en Pasarón (Pontevedra) o 11-2-2003 entre xogadores da 3ª División Norte e os da Sur, así como dun partido de fútbol-sala entre o daquela poderoso Azkar-Lugo e unha Selección da Costa.

Selección histórica da Costa-Veteranos do Deportivo (15-3-2003)

Pouco sabía o xornalista madrileño do partido-homenaxe que se organizara no campo Platas Reinoso de Baio por iniciativa de La Voz de Galicia, o portal da Internet corcubion.com, o Concello de Zas e o C.D. Baio o 15-3-2003, entre un equipo de veteranos do Deportivo e a Selección histórica da Costa, no que os xogadores lucían nas súas camisolas a lenda “Todos coa Costa da Morte”. A través do sitio web citado escollérase o Once histórico da Costa (que ó final foran 16); no libro figuran os seus nomes. Tamén se fixera escolla do mellor xogador histórico (foron dous, fisterráns: Manín e Miculita), do mellor adestrador (tamén dous: Pián e Manolín) e do mellor club (un: o U.C. Cee). Tamén participaran nesta escolla xornalistas, técnicos e ex-xogadores. Nos veteranos do Deportivo figuraban varios xogadores nacidos no ámbito da Costa. Arsenio Iglesias, que fora a estrela mediática, fixera o saque de honor do encontro, que fora dirixido polo non menos mediático árbitro Raúl García de Loza.

Novas relacionadas

Artigos relacionados sobre a historia do Fútbol da Costa

Fonte

Comentarios