Martes. 09.08.2022
El tiempo

Copa da Costa: O Santa Comba puido sentenciar a Final

Copa da Costa: O Santa Comba puido sentenciar a Final

Un paso de xigantes deu o Santa Comba no partido de ida da 49ª edición da Copa da Costa, aínda que na segunda metade desaproveitou unha boa oportunidade de sentenciar o trofeo. O equipo de Canosa fixo unha moi boa primeira metade cun gran desgaste físico que acusou no segundo tempo.

A pesares de que a climatoloxía non acompañaba, moitos afeccionados déronse cita na Fontenla para ver unha nova edición da final da Copa da Costa e a auga deu unha tregua para ver tamén este evento tan esperado no calendario dos costeiros seguidores ao fútbol e aqueles que non o son tanto, a final ten unha maxia tan especial que arrastra a moita xente. Botábase en falta no campo as xeracións máis novas e as promesas do fútbol da Costa, pero non faltaron os míticos seguidores.

Santa Comba - Dumbría (3-1)

Ida Final da Copa en Fontenla entre Santa Comba e Dumbría- Foto- Mca Cuns Alvite
  • SANTA COMBA: Diego, Doro, Oscar (Chinda, min.46), Roberto Amoedo, Angelo, Jota, Mon (Toni, min.46), Orlando (Darío, min.78), Julián, Noly e Pablo Baña.
  • DUMBRÍA: Juan, Tantán (Iván Pequeño, min.66), Ismael, Aarón Fernández, Suso, Aarón López, Shuster (Riki, min.73), Eloi (Piri, min.56), Iago, Luisete e Leo (Cacho, min.62).
  • Goles: 0-1, min.31: Leo; 1-1, min.33: Noly; 2-1, min.50: Julián; 3-1, min.79: Doro.
  • Árbitros: Barros Vidal auxiliado polas bandas por Acuña Piñeiro e Hermo Alonso. Amonestaron aos xogadores visitantes Iago e Suso e expulsou ao delegado local por protestar unha pena máxima.

O encontro comezou con moitas variacións tácticas. Os dous adestradores, como se dunha partida de xadrez se tratara, moveron moito as súas fichas durante os 90 minutos. Polo bando local sorprendeu a suplencia de Toni, pero ao parecer o xogador chegou tarde ao encontro. Polos visitantes Iago e Eloi fixeron de falsos extremos, o primeiro pola esquerda e o de Carballo pola dereita, dado que a posición natural destes xogadores é o medio campo, semella que Canosa quixo colocalos aí, pois coa súa tendencia a escaparse cara o centro podía axudar moito en defensa a Aarón López e Schuster, este fixo unha gran desgaste defensivo e foi dos mellores do seu equipo no primeiro tempo.

O Santa Comba saíu co idea de levar o control do balón, pero non conseguían trenzar boas xogadas pola forte defensa visitante. Con Doro de lateral e Julián interior, os locais creaban perigo pola banda dereita. Os centros de Julían non encontraban rematador, mentres que o Dumbría, contra o que se esparaba, non se amilanou e non fixo un plantexamento especulativo. Leo e Luisete foron a primeira liña defensiva dos dumbrieses cando estaban sen balón, obrigando aos defensas locais a xogar moi atrás, mentres que cando tiña o balón, sobre todo Leo, creaban moita incertidume nos centrais, sacando boas faltas ou obrigando a despexe forzados.

Con intercambio de golpes por ambas partes chegou o primeiro gol do encontro. Internada de Eloi pola dereita, o seu tiro raso e forte non puido ser blocado por Diego, o balón quedou morto e o máis listo da clase, Leo, recolleu o rexeite para empurrar o balón coa porta baleira e dentro da área pequena. Pouco lle duro a alegría aos dumbrieses, tan só dous minutos despois, na saída dun córner sacado por Óscar, non acertan a despexar os visitantes e o balón queda morto para que Noly remate por entre unha melé de xogadores e o balón acaba entrando pegado a Juan Purrúa, pero pouco pode facer pola forza do remate e o tapado que estaba. O Dumbría non se veu abaixo e por medio de Leo seguía creando moi perigo, catro minutos despois tería unha boa ocasión de gol, pero o seu tiro raso foise fóra. Xusto a rentes do descanso o que tería unha boa ocasión de gol sería Iago, pero o meta local Diego estivo acertado para despexar o balón. Chegábase ao descanso e si houbera que escoller un gañador ao puntos, como no boxeo, os de Canosa posiblemente levaran algún máis que os pupilos de Gelucho.

Tralo descanso Gelucho puxo dos cambios, entraron Toni e Chinda por Oscar e Mon e a verdade que o cambio do debuxo táctico deu moita liberdade a Julián que se acabou convertendo no xogador do encontro. O dianteiro Pablo Baña caeuse ao lateral esquerdo, Chinda veuse ao interior dereito, mentres que Julián máis caído a esquerda gozou de máis liberdade de desprazamentos e pouca a pouco foise convertendo nun pesadelo para a defensa visitante. Así, aos cinco minutos marcaba o segundo gol, tras recuperar un balón en tres cuartos de campo, acabou disparando raso dende a frontal da área e o balón acabou entrando tras petar na parte interior do pau.
Difícil explicar o baixón de intensidade do Dumbría na segunda metade, pode ser que o esforzo feito na primeira metade lle pasara factura, pero a verdade non disfrutaron de ocasións de gol en toda a segunda metade, salvo un gol anulado a Cacho en tempo de prolongación. O Santa Comba controlaba o balón e non pasaba apuros en defensa, aínda que abusaban bastante dos balóns en longo para montar as xogadas de ataque. Unha boa xogada individual de Julián que cedeu para internada de Doro pola dereita acabou cun forte disparon deste e o balón colouse polo primeiro pau de Purrúa. O delirio saltou nas gradas de Santa Comba que vían a Copa un pouco máis preto.

Non reaccionou o Dumbría que seguiu desparecido e ao Santa Comba faltoulle un pouco máis de ambición para aproveitarse do gran baixón do seu rival. No minuto 92 produciuse a xogada polémica que puido cambiar moito o sino da final. Un bo centro de Riki é rematado por Cacho ao fondo das mallas, pero o auxiliar levantou a banderola e colexiado anuloulle un gol aos dumbrieses que lles daría moitas opcións de loitar polo seu cuarto título de Copa.

Ao final o 3-1, aínda que non sexa moi vantaxoso para os dumbrieses poden tomalo como bo tralo visto no segundo tempo. Dentro de sete días teremos o desenlace da Copa, que pese a ter unha clara vantaxe xalleira, tan só dous goles lle daría o título ao equipo presidido por Pequeño.

Máis información

Crónicas da semana

comentarios