Nova xornada completa de fútbol da Costa, e coma sempre, sabedes que temos todas as Ligas actualizadas en www.futboldacosta.com, e por aquí achegamos os resultados, a análise da xornada, cada luns as crónicas das Ligas dos maiores e os martes as dos Xuvenís.
Comezamos o repaso da xornada pola Preferente - Senra Sport, cunha triste doble derrota pola mínima dos XSC e Dumbría. Pedoaron os costeiros na casa e acabaron caendo e xa parece imposible chegar á zona de arriba.
Malísima a xornada para os cadros costeiros na 1ª Autonómica - Clínica Vértebra. 4 derrotas e dous empates é o frouxo bagaxe, que provoca a perda do liderato do Sofán, e que mantén en descenso aos Corme e Esteirana. O Sofán, levaba 12 xornadas, dende a 9ª, no máis alto da táboa, pero unha xeira de só unha vitoria nos últimos 5 partidos, a última hoxe en Padrón, déixao 1 punto por debaixo do Villestro e empatado cun Unión que podía coa Esteirana, que demostrou que pode pelexar con calquera. O Baio deixa escapar o tren de arriba tras caer na Pobra ante un Puebla que xa lle saca 8 puntos. Completaba a lista de derrotas o Malpica ante un dos de abaixo, o Silleda, facendo ademais flaco favor aos seus veciños en perigo, o Corme e a propia Esteirana. Un punto sumou o Corme esta semana pero non lle vale para saír dos postos de descenso, quedando a 3 de Agolada e Amio. Un punto sumou tamén o Soneira ante o Cordeiro e case alcanza ao Baio, tras dúas traxectorias completamente distintas. Un Baio que comezaba de marabilla, mesmo alcanzando o liderato, e que leva un par de meses mais frouxos, e un Soneira que estivo en descenso, moi recuperado dende a chegada de Manolito.
Non fallaron os de arriba na 2ª Autonómica - ES Bazarra. O San Lorenzo sufria pero vencía pola mínima ao Mazaricos. O Outes goleaba ao Buño e mantense a 3 puntos, un punto por diante do Zas, que vencía ao Cee; e dous sobre o Castriz, que gañaba en Malpica ante o Seaia. Na zona media, tremenda a vitoria do Baíñas en Muros ante un Volantes que deixa escapar o grupo de arriba. Por abaixo, fundamental a vitoria do Cabana nas Redondas ante un Montelouro en liña descendente e que buscaba saír dos postos de descenso. Os de Periscal levaban 4 partidos sen gañar e retomaron o camiño da vitoria no momento xusto. Había tamén interese noutro derbi camariñán, cun Camelle que segue gafado, e caía ante o Camariñas pola mínima.
8ª vitoria seguida do Cerqueda de Emilio Uzal, que o mantén no liderato 3ª Autonómica - Clínica Xunqueiratras vencer ao Laxe. A 4 puntos queda o Ameixenda, que recuperou a senda da vitoria. Os dous equipos son, por agora, os favoritos para ocupar as dúas prazas de ascenso directo. Segue moi apretada a loita pola Promoción, con 5 equipos para 4 postos. Importante foi a vitoria do Lira ante un Muxía que se puido ter metido en postos de descenso tras unha gran remontada. O Nantón venceu ao Corcubión, ao que se achega e ao que impide mirar cara arriba. E non acaba o Castrelo de meterse na pelexa.
Primeira derrota do Dumbría Xuvenil
Pode ser a novidade máis importante da xornada esa primeira derrota da temporada do Dumbría de Leis e Lobelos na Liguilla Previa á Fase Ascenso á Liga Galega Xuvenil. O XSC, despois de 3 derrotas, desquitouse cunha vitoria ante o gran favorito. Unha vitoria que demostra a igualdade na Liguilla, que está collendo moita emoción. A xornada completouse con outrs dúas vitorias pola mínima, do Camariñas ante Os Miúdos nun partido con polémica que analizaremos o martes; e do Cabana ante o Porteño. Menos emocionante está a Liguilla Previa da Copa da Costa Xuvenil, na que a Esteirana queda como único equipo con 4 vitorias, despois de vencer ao Zas apuradamente, e logo do empate do Coristanco en Arliña. Queda o Baio sen puntuar, e Castriz, Cee e Zas con só un punto, pelexando por non quedar nas 3 prazas que os deixarían fóra dos Oitavos de Copa.
De base
Peor imposible a xornada para os nosos equipos nas Ligas Autonómicas, cunha triple derrota.
Incompleta quedou a xornada na 1ª Cadete, con dous equipos sen efectivos. Algo que non afectou a Corme e Cabana que seguen a súa pelexa a base de goleadas. Mentres, en 1ª Infantil, o XSC mantén a vantaxe que conseguía a semana pasada ante o Fisterra, 3 puntos.
Os peques xa van pola xornada 13. Mantense líder o Outes da F8 Alevín Costa Sur, con Cee A pegado, a só un punto. E en F8 Benxamín Costa Sur, o Fisterra, que non tivo piedade dos Miúdos B, escápase do Outes, que non pasaba do empate ante As Baleas e queda a 4 puntos.
O San Román, máis líder nos Veteranos
E finalmente, o San Román mantén o liderato superando unha nova proba na 1ª División dos Veteranos. Visitaba ao Dumbría, un dos de arriba, e cunha apurada vitoria pola mínima mantén a vantaxe de 3 puntos sobre o Hosgran. A xornada tiña ademais un choque importante, un Soneira-Coristanco, ou o que é o mesmo, campión de Copa contra campión de Liga, que quedou cunha vitoria vimiancesa que alonxa ao Coristanco do liderato.