Un repaso ás finais das LCFs Costa da Morte


A fin de semana deportiva abríase o venres coa disputa das finais da XVII Liga Comarcal de Fútbol Sala “Costa da Morte” nun pavillón, de Muxía, ateigado de xiareiros dos equipos clasificados. A competición organizada polo Club Deportivo Costa da Morte, en colaboración coa Xunta de Galicia, desenvolveuse nun gran ambiente e con total deportividade.

Os resultados dos partidos foron os seguintes:
LCFs, Finais
Benx. | C. Fisterra | 7-4 | As Baleas |
Alev. | EMF. Vimianzo | 2-1 | C. Dumbría |
Inf. | As Baleas | 2-7 | EF. Corcubión |
Nos Benxamíns

Abría a competición o partido de benxamíns entre o C. Fisterra e As Baleas. Foi un partido bastante igualado en canto a xogo se refire pero no que os de Fisterra fixeron valer a súa eficacia goleadora personificada en Hugo Baldomar que marcou os sete goles do seu equipo. A pesares de ir perdendo As Baleas nunca deron o seu brazo a torcer e estiveron a piques de empatar o partido en dúas ocasións, pero os da Vila do Cristo reaccionaron rápido e non se deixaron coller.

Nos Alevíns

A segunda final, alevín, foi a máis igualada das tres. Un partido tremendamente táctico no que os rapaces de Paco remontaron un marcador adverso. Empezaba marcando o Dumbría mediada a primeira metade, pero o Vimianzo non se descompuxo e froito dun rexeite David acadou o empate no primeiro tempo. Mediada a segunda metade foi Lucas o que poñía o definitivo 2-1 no marcador. O Dumbría intentouno no treito final do partido pero os vimianceses non deron opcións.

Nos Infantís

Na categoría infantil o Corcubión acadou unha clara victoria ante un equipo de As Baleas que tentou xogar en todo momento a pesares da súa inferioridade. Os de Corcubión controlaron en todo momento o choque, xa que se adiantaron na primeira xogada do partido e foron ampliando paulatinamente a diferenza.

Fases comarcais
Os tres equipos campións de liga xogarán a fase intercomarcal ante os equipos da comarca do Barbanza e Santa Comba. Será aló polo mes de abril.Novas relacionadas
- Os peques das LCFs disputaron a súa gran final.
- Os peques das LCFs chegan ás finais dando todo un espectáculo.
- As LCFs celebrarán as semifinais o 14 de febreiro.
- O peques toman o relevo no Fútbol costeiro.
- Os Xuvenís xa teñen grupos para a segunda fase da Liga e a Previa da Copa.
Fonte
- Nota e fotos do Clube Deportivo Costa da Morte.
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).