Vimianzo viviu unha carreira pedestre de alto nivel e moitas risas


As rúas de Vimianzo deixaban ver o pasado domingo un espectacular ambiente deportivo debido á celebración da 2ª Carreira pedestre. I é que os acontecementos deportivos están en auxe no Concello de Vimianzo, e xa conseguiron colocar a súa segunda edición da Carreira pedestre no calendario deportivo de Galicia. Así o refrenda os case 300 atletas participantes chegados de toda Galicia e tamén da casa, como algunha que outra atleta de mediana idade... Que bueno Damián Espasandín disfrazado das Ghañan Style arrincando as risas de todo Vimianzo, como vemos na imaxe na que parece que flota ao carón da local Viki Fernández, que desta volta correu sen dorsal.
Unha competición deportiva popular na que, como dicimos, non só participan atletas de Vimianzo ou da Costa da Morte, senón que un gran número de corredores chegaron de diferentes lugares da xeografía galega para participar na nosa Carreira, lugares como A Coruña, Santiago de Compostela, Ames, Ferrol, Oleiros, Culleredo, Ourense, Ribadeo, etc. Unha mostra de que este tipo de eventos son relevantes non só no eido deportivo, senón que son tamén un impulso para a promoción turística do concello e a conseguinte repercusión económica nas empresas.
Voluntarios de protección civil, Policía Local, e colaboradores individuais que quixeron axudar a que a carreira se puidera levar a cabo con éxito, recibían as instrucións do técnico de deportes, Víctor Santos, antes de que a primeira proba se puxese en marcha.
Ás 10.30 horas achegábanse á liña de saída os participantes da primeira das carreiras, as categorías xuvenil e cadete deberían relaizar un percorrido de 2.200 metros. O primeiro participante en cruzar a liña de meta da categoría xuvenil foi Cristian Gándara, seguido de Manuel Castro e Samuel Lema, mentres que Laura Pose sería a primeira muller na mesma categoría en acadar podio, seguida por Ana Castro.
Tan só 35 minutos e 6 segundos pasaron cando o vencedor absoluto cruzou a liña de meta, deixando os 10 Km da proba atrás: Alberto Carou Carril, de Bertamiráns, reanudaba o título de vencedor absoluto da carreira por segundo ano consecutivo. 45 segundos despois chegaba á meta José Manuel Lago Ces, de Corcubión seguido moi de preto por Javier Sánchez Prieto, de Mera, que realizou o percorrido en 35 min e 58 segundos.
O primeiro vimiancés en cruzar a liña de meta foi Luis Miguel Antelo Lema, Míchel, cunha marca de 37:22, quedando sétimo clasificado na categoría absoluta e segundo clasificado na categoría sénior masculina. Moi de preto seguíao outro vimiancés, Abraham Trillo Fernández, que acadaría o noveno posto na categoría absoluta cun tempo de 37:39, sendo o segundo clasificado na categoría júnior promesa. Héctor José Soto Santos, foi o terceiro vimiancés en chegar a meta na categoría absoluta, cun tempo de 38:44, alzándose co trofeo ao mellor corredor de Vimianzo unha vez que os dous anteriores fosen galardoados nas súas correspondentes categorías.
No que respecta ás corredoras, a campiona absoluta foi a muxiá Barca Toba Suárez, cunha marca de 39:30. A segunda clasificada no podio foi Teresa Castro Villaverde, de Vimianzo, que percorreu os 10 Km. en 41:22; e Belén Pérez Martínez, de Cee, acadaría o terceiro posto cun tempo de 48:29, formando un podio completo de atletas da Costa da Morte. As mulleres de Vimianzo participantes na carreira destacaron nos podios, pois se ben Teresa Castro ocupaba o segundo lugar na absoluta, Paula Trillo Calo erguía o trofeo de campioa na categoría sénior feminina (53:10), categoría na que Fátima Gesto Trillo ocupou o terceiro lugar (56:49). Cristina Sousa Dopazo foi a segunda clasificada na categoría M40 feminina, cun tempo de 57:51 e o trofeo á mellor corredora de Vimianzo foi para Yolanda Ínsua Lema (1:03:12).
Unha vez rematada a carreira o alcalde, Manuel Antelo, o concelleiro de Urbanismo, Fernando Mancebo, e a concelleira de Benestar Social, Mª Xosé Ramos, o técnico de Deportes, Víctor Santos, e os empresarios que colaboraron como patrocinadores do evento deportivo, facían a entrega de premios aos clasificados nas diferentes categorías que remataron nunha Clasificación que xa podedes ver na web do Concello de Vimianzo.
Novas relacionadas
- O Olimpia une ao atletismo costeiro nos Provinciais.
- Podios vimianceses para o Duatlón de Reis soneirán.
- 150 atletas percorreron as rúas de Vimianzo na I Carreira Pedestre.