A aula CeMIT de Fisterra pechou o ano con máis de 300 usuarios
Mágoa que non sexan máis as Aulas de Informática abertas na bisbarra. I é que mentres Corcubión segue agardando pola súa, prometida hai xa dun ano, a de Fisterra pechou o ano con máis de 300 usuarios rexistrados.
Parece pois que a Aula da Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica de Galicia, (Rede CeMIT), está funcionando ben. Parece que se configura como un importante vehículo para a posta en práctica de iniciativas orientadas a impulsar as TIC e a sociedade da información en Galicia e tamén das políticas de goberno en áreas como o emprego, competitividade empresarial, e-inclusión, benestar e a e-Administración. Todo na liña da alfabetización dixital e da redución da fenda dixital, ao tempo, dúas das razóns de vida de QPC.
E así o demostran os datos. Dende a súa posta en marcha no mes de maio, na aula de Fisterra impartíronse 264 horas de formación en alfabetización dixital, un total de 20 obradoiros aos cales asistiron 145 persoas. Tamén houbo sitio para a teleformación, mediante a cal se ofreceron 3 cursos impartidos por videoconferencia (Creación de videoxogos, Creación de webs para dispositivos móbiles e Streaming de audio e vídeo) e ata unha charla co mesmo Papa Noel, que disfrutaron uns 70 cativos dos colexios Mar de Fóra, Areouta e Nosa Señora do Carme.
Aula aberta
Ademais da formación, as aulas CeMIT ofrecen o servizo de Aula Aberta, isto é, a posibilidade á cidadanía en xeral de acceder de maneira libre e gratuíta ás instalacións CeMITe utilizar o equipamento que nelas se atopa despregado. Neste senso, hai un total de 305 persoas rexistradas e máis de 1500 usos ao longo desta tempada.
Novas relacionadas
- O 95% dos adolescentes engánchanse á internet.
- Os cativos de Fisterra non paran neste Nadal.
- En Fisterra os protagonistas do verán foron os nenos.
- 07-09-11: A Aula da Rede CeMIT de Fisterra abre novos cursos mentres a de Corcubión está paralizada.
- 24-01-11: Camariñas, Fisterra e Corcubión únense á Rede CeMIT para reducir a fenda dixital.
Máis novas TIC
- Da incidencia da internet na política da Costa da Morte.
- Da incidencia do Facebook no Fútbol da Costa.
- Galinus traballa pola redución da fenda dixital nas áreas rurais do país.
- A Costa da Morte no corazón das TIC galegas.
- A Costa da Morte á cola da implantación da internet en Galicia.
Fonte
- Nota de prensa de Alicia López, Axente TIC Fisterra.
- Redacción de QPC ([email protected]).