Mércores. 23.10.2024
El tiempo

A choiva non puido coa experiencia na primeira edición do Fisterra Experience

Musica abordo do Cruceros Fisterra no Fisterra Experience
Música abordo do Cruceros Fisterra no Fisterra Experience
A choiva non puido coa experiencia na primeira edición do Fisterra Experience

Remataron tres días de música en Fisterra. A primeira edición do renovado Fisterra Experience chegou ó seu punto final, e con el certas vivencias que poucos van esquecer.

A primeira, aconteceu o venres no Semáforo de Fisterra. A recoñecida pincha Eme DJ transformou a terraza deste local emprazado a carón do faro de Fisterra, no punto máis occidental da España continental (e o segundo máis occidental de Europa), nunha pista de baile totalmente inesquecible. Coa inmensidade do Atlántico, e a luz da caída do sol, a sesión de Eme DJ alongouse ata as once e media da noite e congregou a un diverso grupo de persoas, atendendo á idade e nacionalidade dos presentes.

Pinchando no Fisterra Experience
Eme DJ pinchando no Fisterra Experience

O sábado iniciou cunha sesión vermú a cargo dos composteláns Ukestra do Medio no Hotel Bela Fisterra. Outro emprazamento máxico na terraza deste establecemento que conecta coa Praia da Langosteira, un dos areais máis espectaculares de Galicia. A actuación desta agrupación de ukeleles reuniu a un bo grupo de veciños da vila, así como familias de turistas e peregrinos.

Despois da comida, ás catro da tarde, zarpou a actividade estrella desta experiencia, o "Música a Bordo", na que o público disfrutou dun paseo nun barco de Cruceros Fisterra ao tempo que o cantautor Indomable interpretaba unha selección dos seus temas.

Brais Moran no fisterra Experience
Brais Morán no fisterra Experience

Pola noite, unha localización envidiable, ó lado da Praia da Langosteira, serviu de espazo para tres actuacións que tornaron, se cabe, nunha velada ainda máis singular. A Costa da Morte fixo gala da súa célebre irregularidade climática, e despois dunha xornada calma, empezou a descargar auga en forma de choiva. Os concertos deron comezo co espectacular son funkie de Brais Morán & Nasaufunk, que presentaba o seu último traballo Revolución Chic.

The Rapants no Fisterra Experience
The Rapants no Fisterra Experience

Seguiuno a banda galega do momento, The Rapants. Chegados de facer bailar a todo Carballo polo San Xoán foi capaz de congregar a un bo número de fans aínda cunha manchea de auga caendo sobre Fisterra. A entrega do público a pesar da adversidade climática será das que os alí presentes recorden por moito tempo.

A velada rematou cunha pinchada do carralés Peter Sélek.

E para rematar a experiencia, o domingo, o Hotel Bela Fisterra repetiu sesión vermú, neste caso a cargo da banda compostelana de reagge e rocksteady Cachas and Cousins.

Así, o Fisterra Experience chegou á fin da súa primeira edición, congregando un bo número de iniciativas musicais radicadas en Galicia, e dispoñendo dunha serie de espectaculares emprazamentos para concertos e actuacións.

Comentarios