Sábado. 27.04.2024
El tiempo

Luar Na Lubre presentará o 22 de decembro o seu novo traballo en Fisterra

LIBRODISCO 'LUAR NA LUBRE XX. ENCRUCILLADA'  (2023)
Luar Na Lubre presentará o 22 de decembro o seu novo traballo en Fisterra

Luar Na Lubre presentará o venres 22 de decembro, o seu novo traballo ‘Luar Na Lubre XX. Encrucillada’, no Hotel Bela Fisterra (A Coruña), nun acto aberto ao público que contará coa asistencia de Bieito Romero e Xabier Ferreiro, quen explicará o seu contido e asinarán exemplares do librodisco. Este evento celebrarase ás 19:00 horas nas instalacións do Hotel Bela Fisterra, situado en Rúa Anchoa, 56, en Fisterra (A Coruña).

‘Luar Na Lubre XX. Encrucillada’ recolle algúns dos temas máis emblemáticos do seu amplo repertorio, coa participación de diferentes voces que pasaron polo grupo, ademais dunha cronoloxía fotográfica e literaria da súa dilatada historia, cos testemuños de máis de 60 personalidades da música, a literatura e o xornalismo de Galicia.

Este traballo ten carácter recompilatorio e contén temas icónicos de todos os tempos, que foron reinterpretadas con novas versións e con voces tan destacadas, como o cantautor cubado Pablo Milanés, SÉS e Rosa Cedrón, entre outras. O librodisco, editado por Baía Edicións e as o CD por Warner Music, festexa un simbólico ‘encontro de camiños’. Un emotivo e importante momento histórico a través dunha recompilación de músicas, relatos, fotografías e diverso material, para entender o que significa Luar Na Lubre, que vai camiño de cumprir 40 anos de traxectoria.
Acompañarán na cita en Fisterra amigos que participaron cos seus textos no libro, como: Modesto Fraga, Alexandre Nerium, Xosé Iglesias, Rafa Quintía, Xavier Maceiras e Pepe Formoso. 
 

O álbum contén un tema moi especial para a banda galega. Trátase da canción ‘El largo Camino de Santiago’, que compuxo e gravou o cantautor cubano Pablo Milanés, antes do seu falecemento, unha das xoias deste traballo. Trátase dunha composición extraordinaria, con letra e voz do cantautor cubano, inspirada na música celta e no seu amor á súa esposa Nancy Pérez. E a canción ‘Canto de andar’ con novos arranxos, conta coa colaboración de Rosa Cedrón, que foi vocalista do grupo (1997 a 2005). Trátase dunha composición de Bieito Romero, inspirada en antigos cantos tradicionais, que fala das cousas que realmente importan: “as cousas sinxelas do día a día”.

Nada menos que nove voces femininas participaron na gravación de ‘Romeiro ao lonxe’, unha melodía tradicional inglesa que Luar Na Lubre adaptou con letra do mestre Xulio Cuba. As voces de Rosa Cedrón, Paula Rey, Sara  Vidal, Marisa Valle Roso, SÉS, Irene Sánchez (Filandera), Anna Espinosa, Irene Cerqueiro e a actual voz do grupo, Irma Macías, achegan unha nova sonoridade, con diferentes texturas, a esta canción que tamén se presenta nun videoclip con imaxes espectaculares de paisaxes de Galicia.

Este traballo conta co apoio da Xunta de Galicia, dentro do Programa Operativo FEDER GALICIA 2014-2020, e financiado pola Unión Europea, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), como parte das respostas da Unión Europea á pandemia da Covid-19.

Novas de Luar na Lubre

 

Comentarios