2ª FUTGAL: Táboas

Os bancos das Pedreiras no choque entre San Lorenzo e Xallas-Foto-Luis González

Xa o levamos meses dicindo: está tola esta Liga da Costa. A semana pasada o o Soneira freaba ao líder, pero esta caeu goleadísimo ante o pechacancelas. Así é esta 2ª FUTGAL costeira.

Ata o punto que dos 6 de cabeza só gañaron 2, Porteño, que goleou ao Corme na casa, e Outes, que remontou en Louro. Pero o Baio caeu na sorpresa da xornada ante o filial do Sofán; o Malpica non pasou do empate ante o Corcubión; e o partidazo da xornada, entre o líder San Lorenzo e o Xallas (3º), ficou nun soso empate sen goles.

Por abaixo, o gran protagonista é o Mazaricos, que sae dos postos de descenso nos que levaba dende a xornada 11 (xa estivera 4 xornadas anteriormente), a costa do Monte Louro e do Zas, que suma 7 xornadas sen gañar.

Mazaricos - Soneira (6-0)

  • Mazaricos: París, Borja, Chumiko, Fran Landeira, Yeray, Raúl, Álvaro, Marcos, Steven, Marito, Kevin. Tamén: Molinos, Samu Lema, Adrián, Fabián e Dani Periscal.
  • Soneira: Dono, Gusa, Héctor, Gabri, Javi, Brais Pereira, Adrián Canosa, Cachi, Pichi, Richi e Vía. Tamén: Brais Lema, Cristian, Yago, Jose Antonio e Jesús.
  • Goles: 1-0, m.32: Borja Sueiro; 2-0, m.50: Álvaro; 3-0, m.52: Borja Sueiro; 4-0, m.66: Raúl; 5-0, m.76: Chumiko; 6-0, m.85: Molinos.

Resultado excesivo para o visto no campo, cun Mazaricos que tivo a sorte de cara que tanto lle está custando saborear. Coa axuda de varos xuvenís, e o acerto en xogadas a balón parado, puido cun Soneir que viña cunha serie moi positiva.

O choque comezou moi igualado, cun cadro visitante ao que lle custaba adaptarse ao céspede natural da Peña do Ouro. Os soneiráns protestaron un gol anulado por fóra de xogo que tamén pedían no primeiro tanto dos amarelos, que mandaba ao partido ao descanso coa mínima renda para os de Raúl Periscal.

E o choque sentenciouse nos 10 primeiros minutos da segunda, con dous goles rápidos e a expulsión de Héctor que deixaba aos de Josiño Abelenda con 10. A partir de aí o equipo descompúxose e sumou unha dura goleada despois de levar 10 partidos sumando unha soa derrota.

Ponteceso - Muros (5-0)

11 do SD Ponteceso no Pinguel
  • Ponteceso: Darío, Adrián Ures, Cotelo, Pedro, Luca, David Lema, Mario, Alberto Recarey, Iván Rod., Mendieta e Eloy Álvarez. Tamén: Damián, Neira, Javi souto, Dani Rod. e Teo.
11 do CD Muros no Pinguel
  • Muros: David Lestón, Juanchy, Vara, Javi, Xaco, Ra, Jesús, Benji, Je, Juan oVello e Dani Jurjo. Tamén: Aitor, Marcos Candamo, Alex, Manu Tjes e Iván Fdez.
  • Goles: 1-0, m.42: Eloy Álvarez; 2-0, m.48: Alberto Recarey; 3-0, m.57: David Lema; 4-0, m.70: Mendieta; 5-0, m.80: Teo.

O Ponteceso volvía á senda da vitoria tras 6 partidos sen saboreala, cun resultado que asemella abultado ao comezo non foi tan plácido. Ambos equipos comezaron desacertados, cun Muros que fixo unha mellor primeira metade e tivo ata tres mans a mans en sucesivos balóns ás costas que foron malogrados Dani Jurjo en dúas ocasións e por Jesús, ademais dun disparo de Juanchy dende dentro da área rozando o longueiro.

Aparecía tamén Darío para salvar co pé e con reflexos gatunos, unha de Eloy Álvarez. No último cuarto de hora, parecía que o Ponteceso comezaba a carbura e mandar balóns as esquinas buscando o centro lateral, moitas delas ao límite do fóra de xogo, ata que Luca se internaba coma un puñal pola banda esquerda para que Eloy se resarcise empuxando o balón ao fondo da rede. Xogada clave para os de Joaquín Quintáns que pedían fóra de xogo de Eloy, e que sufriron o gol como un autentico batacazo.

De feito, xa saíron desconcentrados na segunda os muradáns, cunha defensa moi arriba, que permititiu que o cadrlo local rompese dende segunda liña. Moi pronto chegaba o segundo, no rexeite dun man a man de Eloy que lle quedaría a Recarey que poría o balón lonxe do gardameta no borde da área. Xogada parecida do terceiro de David "Cuaresma" Lema que batía ao porteiro cunha trivela ao pau longo espectacular. O Muros intentaba entrar no partido, pero as imprecisións e unha constante teima coas protestas sacábaos do partido. A entrada dos cambios sentaron ben ao Ponteceso: o cuarto gol enchufábao Mendieta despois dunha boa xogada entre Neira e Recarey e o quinto e defínitivo foi un golazo de Teo regateando ao porteiro despois dun pase de Iván nunha falta ao borde da área.
O partido rematou sen maiores incidentes; o Ponteceso enfrentarase contra o filial sofanés mentres o Muros xogará no seu campo contra o Porteño.

Porteño - Corme (7-2)

11 do CF Porteño na Grixa-Foto- Parker
  • Porteño: Mariolo, Pejo, Rodri, Pablo, Álvaro, Alfredo, Darío, Alan, Sandelo, Gabri e Bruno. Tamén: Joel, Yuyo, Martín, Iván e Carrabete.
11 do Corme CF na Grixa-Foto Parker
  • Corme: Adrián Suárez, Mauro, Álvaro, Joshua, Aitor, Senén, Brais Pailos, Lucas, Borja Torrado,, Isra e Teo. Tamén: Quique, Hugo Paredes, Samu Cost, Eloy Villar e Xoel.
  • Goles: 1-0, m.2: Bruno; 2-0, m.9: Alfredo; 3-0, m.13: Pejo; 4-0, m.52: Bruno; 5-0, m.57: Bruno; 5-1, m.64: Isra; 6-1, m.70: Bruno; 6-2, m.86: Isra; 7-2, m.89: Carrabete.
Lucas e Pejo na Grixa co árbitro Manuel Rojo-Foto-Parker

Pouco que contar na Grixa, cun partido dominado de principio a fin polos locais, que estiveron moi intensos en defensa, gañando todos os duelos e sendo letais en ataque. En 15 minutos o partido estaba despachado con 3 tantos en sendos saques de banda, e a autoexpulsión de Aitor.

Nada máis comezar a segunda Bruno completaba o seu póker de goles, en plan estelar, colocándose pichichi da Liga da Costa con 17 tantos, 1 máis de César Lojo (Corcubión) e 3 máis que Javi Pérez (San Lorenzo).

Malpica - Corcubión (1-1)

  • Malpica: Suso, Carrumba, Damián, Garci, Brais Calvo, Cristian Villar, Raúl, Fabián, Cristian Fdez., Luís e Chicha. Tamén: Fran, Joel, Isaac Rojo e Chucho.
  • Corcubión: Bruno, Fuentes, Isaac, Andrés, Martín, Fernando, Mario, Rama, Luís Lojo, Iago e César Lojo. Tamén: Castreje, Samu Trillo, Íker, Jpse e Nico.
  • Goles: 0-1, m.35: Iago marca un golazo de falta; 1-1, m.60: Luís.
Minuto de silencio en Pedra Queimada

Igualado partido na Pedra Queimada, que comezaba sen grandes ocasións, ademais dun par de achegamentos de Brais, Luís e Fabián, que só rompía a 10 do descanso Iago Lema cun golazo de falta ao que pouco pudo facer Suso.
Seguia o partido bastante igualado, os de David Baña mellor con balón pero os de Ángen López e Isi firmes en defensa.

Comezaba a segunda parte coa polémica do partido, unha dobre amarilla a Chicha en 2 minutos, cos malpicáns protestando que a segunda era falta do rival. Pero cando o partido pintaba de branquiazul, os locais sacaron de orgullo, e de xogo. Cedían o balón pero presionaban, e moi pronto conseguían empatar cun golazo de chulena de Luís tras un saque de banda que peitea Damián. Aínda creía na remontada o cadro final, se ben houbo ocasións nas dúas areas, cunha de Fran que non chega Isaac por pouco ou outra de Chucho.

San Lorenzo - Xallas (0-0)

  • San Lorenzo: Javi Souto, Dani Cotelo, Lozano, Garrido, Alex Vázquez, Hugo Pereiro, Diego Varela, Iago López, Alex Taibo, Javi Pérez e Marcos Corral. Tamén: Mario, Damián, Hugo Canedo, Pape e Hugo Rey.
11 do Xallas FC en Verdillo. Foto: Xallas
  • Xallas: Iván Couto, Adrián Couto, Makareno, Peke, Yago Facal, García, Alberto Jallas, Dani Barbeira, Bryan e Sergio Barbeira. Tamén: Iker, Doro, Julián e Pablo Landeira.

Partido alta intensidade en Verdillo, con moita tensión, moito balón directo e pouco xogo combinado. A primeira ocasión era para os de Doriño nun man a man de Maca que salva Javi Souto cun auténtico paradon. Os de Iván Rojo foron facéndose co dominio e empezaron a crear ocasións, tiveron unha clara nun golpeo de Taibo que salva un defensor e algunha que outra chegada con perigo.

Era un choque de moitas disputas e duelos, con numerosos balóns colgados a cada falta o ou a cada saque de banda. O SanLo apretou máis nunha segunda na que a volta de Doro deulle algo máis de pausa aos visitantes, nun partido no que as defensas venceron aos ataques.

Monte Louro - Outes (1-2)

  • Monte Louro: Pedro, Miguel Verán, Héctor, Rodri, Chouza, Abel, Adrián, Xián, Martín, Javi e Chano. Tamén: David, Flavio, Luismi, Pablo e Xaco.
  • Outes: Dani, Claudino, Hugo Sieira, Sanchiño, Eloy Lado, Marcos Orodea, Adrián Caamaño, Martín, Hugo, Xabi e Keko. Tamén: Rubén, Carlos, Jose, Boris e Ramón.
  • Goles: 0-1, m.7: Hugo tras centro lateral; 1-1, m.15: Chano tras pelexar un balón longo; 1-2, m.25: Martín.

Toca sufrir por Louro, que compite con todos, ten equipo unido e unha afección envorcada (estaba cheo o campo da Agra da Filgueira, tamén con moita xente da Serra), pero non está con sorte. Foi un choque igualado, cunha parte para cada un. Comezaba pegando o cadro visitante, pero pronto Chano empataba. Os da Serra dominaban máis combinando e entrando por bandas, marcando o 1-2, e tendo varias ocasións para ampliar a renda antes do descanso.

Foi cambiando o conto na segunda, e tras un aviso dos visitantes, o equipo de Bibi foi dominando e metendo atrás ao rival. Tivo varias para empatar, sobre todo un penalti sobre Héctor, un dos mellores sobre o céspede, pero fallou Xián, e a sorte do Louro acaba co equipo en postos de descenso.

Cabana - Zas (5-1)

  • Cabana: Manu Nantón, Aarón, Alex Costa, Noé Eiroa, Ferreiro, David Rey, Migueliño, Nando, Simón, Brais e Xabi Parga. Tamén: Diego, Samu Leis, Noé Souto, Julián e Pablo Pose.
11 do Sporting Zas nas Redondas-Foto-Sp.
  • Zas: Guille, Anxo, Adri Rama, Joel, Estefan, Álvaro, Iago, Ronny, Juan Touriñán, Redondo e Andrés, Tamén: Pablo Fuentes, Moha, Iván, Darío e Adrián.
  • Goles: 1-0, m.50: Noé Eiroa rematando unha falta latera; 2-0, m.53: David un córner; 3-0, m.57: Xabi Parga; 3-1, m.80: Redondo; 4-1, m.92: Simón de falta directa; 5-1, m.94: Nando.
Cabana-Sporting Zas nas Redondas-Foto-Zas

Recuperou a senda da vitoria o Cabana tras 4 derrotas seguidas. Notáronse as altas no cadro de Óscar Mingui, non así o de Rubén Forján e Alfredo Pereiro, que volvían cargado de baixas e de urxencias na táboa.

A primeira metade estivo marcada por moi pouco xogo no medio campo e por un guión de moita disputa, transicións e balóns longos buscando as costas das defensas. Nese contexto, foi o Cabana quen xerou as ocasións máis claras para abrir o marcador, con dous lanzamentos de Braus, un deles ao longueiro, e dous remates de Xabi que sacou Guille. A acción máis significativa do primeiro tempo chegou nunha falta lateral na que Guille saíu a interceptar e acabou chocando cun xogador rival, quedando tocado do xeonllo e limitado para desprazarse o resto do encontro. A pesar diso, chegouse ao descanso co 0-0.

Cabana-Sporting Zas nas Redondas-Foto-Zas 2

Tralo paso polos vestiarios, o partido rompeu nos primeiros minutos. Unha falta e un córner, ambos ben executados por Aarón e mellor rematados por Noé e David, puxeron un duro 2-0 no marcador. Nese momento, Guille viuse obrigado a pedir o cambio ao non poder continuar polas molestias, entrando Pablo Fuentes para ocupar a portería que nada mais entrar recibiría outro tanto, desta volta de Xabi, rematando ben unha boa xogada de Migueliño.

O Zas tentou reaccionar e estirouse algo máis, especialmente con Dario e Redondo, que lograron recurtar distancias e mesmo estiveron preto de meterse de cheo no partido con algunha ocasión máis. Porén, o Cabana volveu golpear nos momentos clave e, con maior frescura e acerto no tramo final, anotou dous tantos máis que deixaron o encontro nunha goleada.

Baio - Sofán B (0-1)

11 do CD Baio. Foto: CD
  • Baio: Rodri, Bruno, Pablo, Norberto, Pazos, Miki, Alex Muíño, José Ángel, Josiño, Cheti e MC. Tamén: Julián, Chechu, Pablo Gabín, Lucas e Damián.
11 do SD Sofan B en Baio. Foto: SD
  • Sofán B: Eloy, Marcial, Diego, Iván, Mateo, Asier, Rubén, Dani Rod., Dani Calvete, Adrián Vázquez e Isma Ramos. Tamén: Diego Rama, Eloy Cabeza, Christian, Breijo e Nachete.
  • Gol: 0-1, m.44: Isma Ramos aproveita o rexeite tras unha mala saída do meta local a un saque de banda longo.

Vitoria traballada do filial carballés en Baio, nun partido con clara diversidade de opinións dos dous adestradores. Comezaba avisando o Sofán B, que tivo varias chegadas e dúas ocasións moi claras do trío de arriba formado por, Isma, Adri e Calvete, obrigando a Rodri a facr varios paradóns. Na outra área, MC, Josiño, Cheti e Alex tiveron varias ocasións, como unha falta lateral que non acaba de despexar os visitantes.

Rompía a igualada Isma Ramos tras un erro do meta local tras unha saída precipitada tras un saque de banda longo

Na segunda, xa non tocaban tan ben os carballeses ante un Baio que presionaba máis e máís. Pero tampouco tiña moito fútbol o cadro de Lobelos, e abusaba de balóns longos. Á contra pediron un penalti sobre Rubén os visitantes, e pasaban os minutos co Baio colgando balóns, con tensión ata o final, aparecendo Eloy en varias ocasións como unha gran parada abaixo a MC.

Todas as crónicas da 2ª FUTGAL

Máis información