luns. 19.01.2026
El tiempo

2ª FUTGAL: Tolemia de goles para acabar a primeira volta

Zas-Xallas en San Andres-Foto-SP
Imaxe do Zas-Xallas en San Andres-Foto-Sp.
2ª FUTGAL: Tolemia de goles para acabar a primeira volta

Acabou a primeira volta na #LigadaCosta e fíxoo cunha marea de goles: 52 goles en 8 partidos (máis de 6 por partido!!). Porque este ano a Liga está fermosísima, cos equipos de abaixo dando grandes sorpresas ante os de arriba.

Por arriba, o San Lorenzo sufríu para vencer no Cubaleiro, e aproveitou o empate do Malpica ante o Baio, nun dos duelos da xornada. Aproveitou o Xallas, que sufríu tamén o seu na súa visita ao Zas para sacar a vitoria e subir á 2ª praza. Aparece xa un dos esperados, o Porteño, que goleou ao Monte Louro e empata na 4ª praza co propio Baio e o Ponteceso, que caeu goleado ante un Cabana que vén como un avión dende abaixo, cunha serie de 5 vitorias en 6 partidos. Incluso o Outes (8º), que non pasou do empate ante o Mazaricos, pode loitar pola promoción.

Por abaixo, a cousa aínda está máis apretada. Do 9º (Corcubión e Corme), ata o pechacancelas (comparten Mazaricos e Monte Louro), hai só 5 puntos.

Muros - Sofán (3-3)

  • Muros: Aitor, Juan Rey, Ra, Benji, Jesús, Tajes, Alex, Quin, Alon, Juan oVello, Dani Jurjo. Tamén: David Lestón, Iván, Ángel, Óscar e Je.
  • Sofán: Eloy, Marcial, Diego, Iván, Asier, Mateo, Rubén, Dani Calvete, Borja Viaño, Isma Ramos e Adrián Vázquez. Tamén: Diego Rama, Samu, Dani e Nacho Eirís.
  • Goles: 0-1, m.2: Dani Calvete de penalti; 1-1, m.16: Juan oVello de falta; 1-2, m.22: Mateo; 2-2, m.24: en propia; 3-2, m.41: Dani Jurjo; 3-3, m.65: Dani.

Choque de necesitados pola parte baixa, que foi algo bronco, sen un dominador claro marcado polos erros individuais e a falta de contundencia, e con alternativas no marcador. Sobre todo na primeira metade, na que pronto se adiantaban os visitantes cun penalti protestado polos muradáns. Pero pronto reaccionaron os locais, cunha fermosa falta do Vello. O choque estaba revolto, e Mateo facía o segunfo para os de Zalo pero de contado un gol en propia daba o empate. E antes do descanso, os de Joaquín Quintáns metíanse por diante da man goleador Dani Jurjo.

Comezaba a segunda co filial do Sofán máis metido arriba, xogando en campo contrario, e aproveitando unha indecisión defensiva para empatar ao pouco de comezar. De aí ao final aínda tiveron protagonismo os porteiros, con ocasións para o bando local e para o bando visitante, pero o marcador non se movería, máis.

Zas - Xallas (3-4)

11 do sporting zas en San Andres ante o Xallas

  • Zas: Pereiras, Anxo, Moha, Rama, Fran, Álvaro Fariña, Redondo, Juan Touriñán, Estefan, Ronny, Salah. Tamén: Guille, Brais Espasandín, Martín Novo, Iago, Adrián.

11 do Xallas FC en San Andres Zas

  • Xallas: Iván Couto, Elvis, Garci, Adrián Couto, Makareno, Peke, Yago Facal, Doro, Rubén Sande, Bryan e Sergio Barbeira. Tamén: Íker, Martín, Alberto Jallas, Julián e Pablo Landeira.
  • Goles: 0-1, m.15: Sergio Barbeira; 1-1, m.17: Salah; 1-2, m.36: Bryan; 1-3, m.51: Doro; 1-4, m.55: Sergio Barbeira; 2-4, m.71: Brais Espasandín; 3-4, m.86: Álvaro Fari.
Zas-Xallas en San Andres-Foto-SP. 1
Foto-Sp. Zas

O encontro entre Sporting Zas e Xallas disputouse nun gran ambiente, marcado pola proximidade entre ambos clubs e por esa rivalidade histórica que sempre consegue reunir a moitos afeccionados en San Andrés.

O partido comezou cun Xallas máis asentado. O Zas non conseguía triangular con claridade nin darlle continuidade ás posesións, mentres o conxunto visitante, con ideas máis definidas, gañaba metros e achegábase con perigo á portería defendida por Pereiras, sobre todo a través de faltas laterais e saques de esquina. O primeiro tanto chegou tras un balón longo no que Barbeira baixou a pelota na frontal, xirou e finalizou con acerto para superar a Pereiras e abrir o marcador.

Ese gol serviu de despertador para o Zas, que a partir dese momento gañou claridade na circulación e atopou o empate nunha boa contra colectiva culminada por Salah cun disparo desde a frontal poucos minutos despois.

Co 1-1, o Zas viviu os seus mellores minutos do primeiro tempo, insistindo e chegando con perigo, incluído un balón ao longueiro de Salah que puido cambiar o rumbo do encontro. Con todo, o Xallas volveu golpear antes do descanso: tras un córner e un despexe defectuoso do Zas, o balón quedoulle a Bryan na frontal que non perdoou, devolvéndolle a vantaxe aos visitantes e deixando o 1-2 ao descanso.

Zas-Xallas en San Andres-Foto-SP. 3
Foto-Sp. Zas

Tralo paso polos vestiarios, o Xallas volveu saír máis enchufado e, novamente, con maior claridade nas decisións. Doro, nunha acción de moito mérito que el mesmo iniciou no medio campo, atopou espazo na defensa do Zas e rematou a xogada para ampliar diferenzas. Pouco despois, nun rexeite tras unha falta lateral, Barbeira estivo máis atento ca ninguén e fixo o 1-4 cando aínda quedaba máis de media hora por diante. Parecía que o choque estaba resolto.

Pero os cambios melloraron moito ao Zas. Avisou Redondo cunha ocasión moi clara tras unha mala saída do porteiro Couto e, a partir de aí, o equipo local empezou a xerar perigo de maneira máis continua, especialmente con internadas por banda. Froito dese empuxe chegaron dous goles de cabeza, obra de Brais e Álvaro, que puxeron o 3-4 e devolveron ao partido a tensión e a emoción dun final aberto.

O Zas seguiu apretando ata o final na procura do empate, cun San Andrés envorcado tamén co seu equipo, cun par de ocasións de Brais e Chiki, que rozaron o empate, pero que se quedaron no intento.

Corcubión - San Lorenzo (2-3)

  • Corcubión: Bruno, Juan Fuentes, Isaac, Andrés Vigo, Juan Castreje, Jon, Rama, Jose, Iago, Luís Lojo e César Lojo. Tamén: Castro, Alex Díaz, Martín Rey, Antón, Samu Trillo.
  • San Lorenzo: Javi Souto, Dani Cotelo, Lozano, Alberto Campos, Pablo Garrido, Diego Varela, Pape, Alex Vázquez, Iago, Alex Taibo, Marcos Corral. Tamén: Hugo Pensado, Rodri, Mario, Canedo e Mele.
  • Goles: 0-1, m.10: Iago López nunha xogada ensaiada; 0-2, m.53: Iago López dende lonxe collendo adiantado a Bruno; 1-2, m.65: César Lojo de penalti; 2-2, m.73: Rama tras un pase de Samu entre liñas; 2-3, m.76: Marcos Corral.

Fermoso partido o vivido no Cubaleiro, nun choque no que o San Lorenzo tirou de oficio, e soubo aproveitar as segundas xogadas para sacar unha vitoria importante, cun pelín de sorte.

Os de Iván Rojo entraban ben no encontro e adiantábanse no marcador moi pronto, cando Iago aproveitou unha acción de balón parado nunha falta lateral para facer o 0-1.
De aí ao descanso, o balón foi dos de Ángel Canosa e Isidro, con moi boas oportunidades, pero sempre atopando a un Javi Souto moi seguro baixo paus, que asinou un gran partido con varias intervencións de mérito para manter a vantaxe visitante.

Nada máis comezar a segunda parte Iago tuvo no man a mano o segundo pero errou, e no minuto 53,: Iago resarciuse tras marcar, desta vez un auténtico golazo dende o medio campo, aproveitando que o porteiro local estaba adiantado, poñendo o 0-2 no marcador. Coa vantaxe, o SanLo relaxouse e o Corcubión, que seguía percutindo, si que acertou. César Lojo recurtaba de penalti, e pouco despois Rama facía o segundo nunha boa transición a pase de Samu.

Cando máis apretaba o equipo local, o SanLo volveu dar un paso adiante e no minuto 76 chegou o gol definitivo, Corral presionou e aproveitou o erro de Bruno para poñerse de novo por diante.

Quedaba un cuarto de hora co Corcubión envorcado. Tiveron a sentenza Pensado (un dos xuvenís xunto a Mele que está axudando no equipo) e Rodri pero non acertaron, e o Corcubión tivo unha clarísima, unha falta que Iago que toca no pau, peta no porteiro e sae para fóra.

Malpica - Baio (3-3)

11 do SCD Malpica en Pedra Queimada

  • Malpica: Suso, Anxo, Carrumba, Damián, García, Camilo, Cristian, Ba, Luís, Aday e Chicha. Tamén: Joel, Saúl, Raúl, Alberto Hombre e Reigía.

11 do CD Baio en Pedra Quiemada

  • Baio: Rodri, Bruno, Pazos, Fernando, Norberto, Hugo Pastoriza, Miguel, Pablo, Manu Vila, Chechi e Cheti. Tamén: Julián, Josiño, Alex Muíño, Valentín, Damián Zas.
  • Goles: 1-0, m.18: Aday; 2-0, m.23: Luís; 2-1, m.36: Cheti; 3-1, m.43: Saydou; 3-2, m.74: Josiño a pase de Cheti; 3-3, m.78: Josiño a centro de Chechi.
Bo ambiente en Pedra Queimada para o Malpica-Baio
Bo ambiente en Pedra Queimada para o Malpica-Baio. Foto: SDC

Vibrante partido que comezaba cos dous equipos moi parellos, no que Aday aproveitaba un erro defensivo tras un rexeite para o abrir o marcador. O gol non sentou ben no equipo de Diego Lobelos, que se puxeron nerviosos, e noutra perda pouco despois, Luís entra por banda e define para meter o 2-0 a favor dos de David Baña.
Aos poucos o Baio vai recuperando posicións, e avisa cun par de tiros de Cheti, pouco antes de que el mesmo recurtase nun córner ensaiado, nunha xogada na que os locais pedían falta sobre Carrumba.
Así e todo, co Baio algo máis metido, no tramo final do primeiro tempo Saydou volvia ampliar a vantaxe dos locais cun centro preciso de Camilo que moi ben rematado polo pichichi do Malpica, nunha xogada que os visitantes pedían fóra de xogo.

Seguía o partido moi igualado. O Baio avisaba, pero cando os malpicáns puideron facer o cuarto por medio de Luís, nesa mesma contra Josiño recurta. Non pasaban 4 minutosca, cando un centro de Cheti acaba embocando Josiño para facer o empate.

Aí, Chicha foi expulsado por dobre cartón ante a incredulidade dos locais, pero co partido completamente tolo, puido ter caído para calquera lado. Cheti remata medio de tacón que para Suso, o mítico porteiro malpicán que debutaba en Liga; que tamén salvaba un 4 para 2 no descontísimo. Pero tamén na outra área, Cristian vía como lle anulaban gol por fóra de xogo, tamén protestado, e Rodri paraba unha boa falta.

Cabana - Ponteceso (6-2)

  • Cabana: Manu Nantón, Aarón, Noé Eiroa, Alex Costa, Ferreiro, Fernando, Migueliño, Diego Castro, Simón, Brais Fontenla, Xabi Parga. Tamén: Diego, Noé Souto, Blas, Julián, Pablo Pose.
  • Ponteceso: Darío, Juanjo, Moscoso, Cotelo, Luca, Pedro, Rama, Alberto Recarey, Iván Rod., Dani Rod., Eloy Álvarez. Tamén: Adrián Ures, Eloy Trigo, Neira, Javi Souto, Adrián Pose.
  • Goles: 1-0, m.8: Simón no man a man tras un pase de Ferreiro; 1-1, m.21: Alberto Recarey; 1-2, m.38: Iván Rod.; 2-2, m.54: Ferreiro; 3-2, m.58: Brais Fontenla; 4-2, m.61: Alex Costa de penalti; 5-2, m.81: Blas; 6-2, m.93: Aarón.

Partido de altos vóos o que se disputaba o domingo no campo das Redondas de Cabana con dous equipos veciños, enrachados e que miraban cara arriba. O comezo do partido foi frenético: un Cabana incisivo atacaba as costas do Ponteceso que non saíu intenso ao partido, descuidándose por detrás no primeiro gol do Cabana obra de Simón, que caracoleou ao gardamallas pontecesán para adiantar aos "nerazzurri". Comezarían pronto os probemas para os visitantes coa lesión de Dani Cotelo ao cuarto de hora, que obligou a cambiar o plantexamento inicial; non obstante, o Ponteceso fíxose co partido e logrou remontar aos cinco minutos cun penalti transformado por Recarey despois de que Manuel arramblase con José Ramón; antes de chegar ao intermedio, Iván daríalle a volta ao resultado despois dun centro do seu irmán Dani Rodríguez.

Chegaban a volta dos vestuarios sabendo o Ponteceso que "90 minuti nas Redondas son moito longo" e non foi quen de aguantar o arreón ofensivo do Cabana: Migueliño facía dano con velocidade e Simón poñía centros con veneno para a defensa pontecesana: así foi como serían sendos goles de Sergio e Brais Fontenla (o mediapunta que xa é pichichi e xuvenís, fixo un partidazo) mediado os cincuenta minutos de partido, cun doloroso penalti claro por man que daría a ventaxa doble aos locais. Con pouco acerto e sen xogadores ofensivos de recambio, o Ponteceso intentouno con Neira, Iván e dous tiros moi perigosos de Recarey, pero o partido estaba listo para sentencia: un cabezazo de Blas e unha falta no último minuto de Aarón certificaron a extrema eficacia dos locais, que pasaron por riba en todo o momento na segunda metade a un Ponteceso impotente, resultando nunha goleada xusta que avala o ascenso meteórico dun Cabana que a principios de temporada tanteaba o descenso e buscará continuala contra o Porteño no seu fortín.

Porteño - Monte Louro (6-1)

11 do Porteno no Vicente Carril-Foto-Parker
11 do Porteno no Vicente Carril-Foto-Parker
  • Porteño: Mariolo, Pejo, Brais Mouzo, Pablo, Iván, Álvaro, Alfredo, Sandelo, Martín, Gabri e Bruno. Tamén: Joel, Rodri, Alan, Yuyo e Carrabete.
11 do Monte Louro no Vicente Carril ante o Porteno-Foto-Parker
11 do Monte Louro no Vicente Carril-Foto-Parker
  • Monte Louro: Xacobo, Miguel Verán, Héctor, David Pais, Pablo, Martín, Abel, Óscar Fari, Xián, Iker e Javi. Tamén: Luís, Alex, Adrián, Flavio e Manolo Chouza.
  • Goles: 1-0, m.6: Gabri de falta; 2-0, m.13: Brais Mouzo nun córner; 3-0, m.21: Bruno; 4-0, m.25: Bruno; 5-0, m.34: Gabri; 5-1, m.73: Íker; 6-1, m.89: Carrabete.
Miguel Veran e Mariolo capis do Monte Louro e Porteno co arbitro Estaban Dom Lago
Miguel Verán e Mariolo co árbitro Estaban Dom. Lago. Foto: Parker

Partido para esquecer por Monte Louro, que suma unha única vitoria nos últimos 6 partidos. Comezou moi o equipo de Mayor, dominando e abrindo pronto o marcador, con dúas xogadas a balón parado. Non se chegara ao ecuador do primeiro tempo e Bruno xa fixera o 3º e o 4º para os locais, tra aproveitar un par de erros da defensa loureá. Aínda Gabri fixo o quinto dende fóra da área antes do descanso, nunha primeira metade na que o único achegamento visitante foi un centro chut que petou no longueiro.

Na segunda, o partido estivo máis frouxo, pero os locais aínda fallaron un penalti e lle anularon un par de goles por fóra de xogo.

Corme - Soneira (2-5)

  • Corme: Quique, Hugo Paredes, Eloy Villar, Álvaro, Brais Pailos, Senén, Iván, Lucas, Borja Torrado, Samu Costa, Isra. Tameén: Adrián Suárez, Mauro, Yago, Teo e Xoel Castro.
  • Soneira: Pity, Gusa, Adrián Canosa, Héctor, Brais Pereira, Sergio, Mario Leis, Cachi, Pichi, Oreiro, Vía. Tamé: Dono, Nico Ventoso, Gabri, Cristian e Xavi.
  • Goles: 1-0, m.13: Hugo Paredes; 1-1, m.16: Vía; 1-2, m.32: Mario Leis no segundo pau; 1-3, m.41: Adrián Canosa dende fóra da área; 1-4, m.85: Vía; 2-4, m.80: Isra; 2-5, m.94: Xavi.

Partido marcado por unha gran intensidade por parte de ambos equipos desde o inicio. Na primeira parte viuse un xogo máis directo, con moitas disputas e balóns longos. Adiantábanse os cormeláns nunha xogada na que collía ben as costas polo perfil esquerdo e, tras un bo pase ao segundo pau, Hugo Paredes logrou adiantarse no marcador co 1-0. Pero de contado, un erro permitía a Vía, cun golpeo preciso ao segundo pau, poñer de novo o empate. Estaba mellor aí o Soneira, que se conseguía ir ao descanso cun claro 1-3 tras meterlle unha marcha máis, xerar bastantes ocasións, e aproveitar un par de concesións dos locais.

Arriscaron máis os cormeláns na segunda, pero os de Josiño estiveron serios e ordenados, aguantando as embestidas locais sen apuros. Os de Ángel apretaban con balóns colgados, pero non era o día. Acurtou Isra pero os soneiráns xa tiñan o partido controlado, demostrando a súa gran melloría no último mes.

Outes - Mazaricos (3-3)

  • Outes: Dani, Claudino, Stefan, Sanchiño, Marcos Orodea, Adrián Caamaño, Kevin, Martín Caamaño, Alberto Bahamonde, Keko e Hugo Caamaño. Tamén: Paullo, Adrián, Xabi Romarís, Ramon, e Brais.
  • Mazaricos: Ángel París, Luís Mayán, Borja Sueiro, Chumiko, David, Álvaro, Marcos, Steven, Mario Roo, Raúl e Kevin. Tamén: Molinos, Yeray, Yago Dosil, Fabián e Sergio.
  • Goles: 1-0, m.6: Keko; 1-1, m.8: Marcos; 1-2, m.11: Kevin; 2-2, m.61: Hugo Caamaño; 3-2, m.64: Kevin; 3-3, m.74: Keko.

Partido bastante igualado, de tolos, con idas e vidas. Comezaba o cadro de Geno dominando e meténdose pronto por diante, pero na primeira chegada dos amarelos tamén empataban. E apenas na seguinte xogada, Kevin se presenta só diante do porteiro. Aínda tivo algunha máis o Mazaricos, pero o Outes, pouco a pouco ía subindo liñas, protestando un fóra de xogo anulado e un penalti sobre Sanchiño.

Comezaba a segunda metade e o cadro local estaba mellor, cunha marcha máis, circulando ben o balón, chegando continuamento, enviando dous balóns á madeira, empatando por medio de Hugo Caamaño. Pero de contado, nunha xogada tras varios rexeites Kevin metía de novo aos de Raúl Periscal por diante. Non decaeu o Outes, que estaba sendo superior, e volveu empatar, envorcándose sobre a meta dun Mazaricos que volveu demostrar que xa sabe sufrir.

Todas as crónicas da 2ª FUTGAL

Máis información

Comentarios