Martes. 19.03.2024
El tiempo

2ª Galicia: O cuarteto de cabeza abre fenda

San Lorenzo-Bainas
O San Lorenzo venceu ao Baíñas e abre fenda co 5º clasificado
2ª Galicia: O cuarteto de cabeza abre fenda

Un pouco máis líder queda o Corme, único equipo invicto da categoría, tras esta 13ª xornada. Os de Lelo sumaban en Cabana a súa 7ª vitoria consecutiva, e aproveitaban un novo tropezo do Ponteceso en Cee. Colócase agora na 2ª praza unha Esteirana á alza (6 vitorias seguidas levan os de Geno), a 3 do cadro cormelán e 1 por riba do Ponteceso. O San Lorenzo, que vencía pola mínima ao Baíñas, completa o cuarteto de cabeza.

Hai aí unha pequena fenda de 5 puntos co 5º posto, que ocupa o Muxía, despois da súa derrota precisamente ante a Esteirana nun dos partidos da semana. Ademais, o Coristanco de Juni (co que falabamos o venres) e o Muros de Felipe cortaban a sua boa serie.

Por abaixo, Cerqueda e Castriz escapan, deixando metidos no pozo a Cabana, Buño e Zas. Os dous colistas non saben aínda o que é sumar de 3 en 3, e de feito, o seu duelo rematou en táboas.

 

Cee - Ponteceso (3-3)

11 do Cee ante o Ponteceso-Foto-Brais Pose e David Antelo
11 do Cee-Foto-Brais Pose e David Antelo

  • Cee: Carlos, Isaac, Jorgito, Chema Aitor (Borja, m.56), Patera, Coté, Ezequiel, Luís Lojo (Alex Agulleiro, m.80), Josiño (Leo, m.80), Bruno (Brais Rey, m.88).

11 do Ponteceso en Cee-Foto-Brais Pose e David Antelo
11 do Ponteceso en Cee-Foto-Brais Pose e David Antelo

  • Ponteceso: Rubén, Isaac, Ismail, Juanjo, Moscoso, Luca, Alberto Recarey, Maradona (Eloy Álvarez, m.70), Mendieta (Dani Cotelo, m.65), Abel Torres, Xuco (Aday, m.77)
  • Goles: 0-1, m.10: Abel Torres dende fóra da área; 1-1, m.14: Bruno en xogada individual; 1-2, m.21: Alberto Recarey de falta; 1-3 m.35: Xuco; 2-3, m.70: Coté remata unha xogada a balón parado; 3-3, m.75: Coté remata unha xogada a balón parado.

Mendieta e Jorgito co colexiado Adrian Perez Rellan-Foto-Brais Pose e David Antelo
Mendieta e Jorgito co colexiado Adrián Perez Rellán-Foto-Brais Pose e David Antelo

Partidazo no San Paio de Refoxos, entre dous históricos, que comezaba con moitas imprecisións, que permitían boas ocasións. Así pronto se adiantaría o cadro de Pablo Mallón, pero os de Rafa empataban seguido tras dúas internadas de Bruno. O Ponteceso foise facendo co control do partido e marcou o 1-2 nun lanzamiento de falta de Recarey. Pasaban os minutos co control visitante, se ben á contra puido empatar nun tiro de Ezequiel que dá nun defensa e sae por riba do longueiro e tamén nun remate de rabona de Patera e para o porteiro. Pero aí, a 10 do descanso, un saque rápido pilla despistada á defensa ceense e Xuco fai o terceiro.

Ata o final da primeira parte e sobre todo nos dez primeiros minutos da segunda o Ponteceso estivo comodísimo, tocando ben e rápido e con algunha chegada clara en xogadas a balóns parados de Abel, Alberto Recarey, Xuco ou Luca. Pero cambiou o conto, o Cee estirouse e ante unha chuvia tremenda comezou a volcar o terreo cara a meta de Rubén. E precisamente a balón parado dáballe a volta ao partido o Cee, con dous remates de Coté.

Nos últimos 10', e coas lesións de Aitor e Bruno, o Ponteceso volcouse sobre a portería local cun fútbol máis directo e o partido volveuse un pouco tolo. De feito, a ocasión máis clara foi para o Cee tras un roubo de Patera, pero o marcador remataría en táboas.

 

Muxía - Esteirana (2-4)

  • Muxía: Ángel (Toja, m.45), Michael, Tati, Maikel (Mario, m.75), Alex (Julián, m.60), Martin Santos (Victor Alcaina, m.75), Edu, Adrián Alcaina, Isma Pose, Mauro Romaní, Manu Nogueira,.
  • Esteirana: MJ, Simón, Code, Samuel, Tobío, Dani Corniños, Alex Rama (Juan, m.89), Adri (Pachi, m.75), Pablo Rama, Raúl (Pablo, m.90), Elías Ruso (Álvaro, m.90).
  • Goles: 0-1, m.6: Pablo Rama de falta; 0-2, m.25: Pablo Rama; 1-2, m.35: Edu de penalti; 1-3, m.90: Raúl; 2-3, m.92: Isma Pose; 2-4, m.95: Álvaro.

Muxia-Esteirana

Partido condicionado polo vento, que impedía baixar o balón en Arliña, cun Muxía moi mermado polas baixas en defensa (ademais da fichaxe de Brais Mouzo polo Soneira, estaban lesionados Pereira e Conguito). Comezaba o Muxía aproveitando o vento a favor, e Edu avisaba, Pero os de Geno estaban seguros atrás e saían con perigo á contra, como nunha xogada de Raúl. Pronto se adiantaban cunha falta de Pablo Rama, que facía o segundo nunha contra aproveitando un regalo da defensa vermella. Edu recurta pronto dende os 11 metros. Seguían chovendo ocasións de Martín (o seu centro pega no pau), e Manu Nogueira (MJ gáñalle no man a man) case conseguen empatar antes do descanso.

Comezaba a segunda metade co dianteiro muxián Toja baixo paus trala lesión de Ángel. O Muxía empurraba e a Esteirana contemporizaba, tendo algunha ocasión para sentenciar. Pero pasaban os minutos e o partido estaba aberto. Xa sobre o m.90, Raúl facía o terceiro nunha contra, pero aínda quedaba moito. Isma Pose recurtaba e na última xogada do partido, co Muxía completamente volcado, a Esteirana sentenciaba.

 

Castriz - Lira (3-0)

  • Castriz: Alvaro, Carlos, Alex Forján (Brais Sendón, m.83), Rompe, Alex Mourelle, Adrián García, Espi, Chiki (Pablo Martínez, m.57), Anxo, Rubén Blanco, Iván Pastoriza.
  • Lira: Baba, Óscar, Maikel, David, Raúl (Eloy), Borja, Josiño, Mamadou (Manu), Oliver (Costiña), Cristiam (Yerai) e Toni (Marcos).
  • Goles: 1-0, m.25: Iván Pastoriza a pase de Anxo; 2-0, m.35: Rubén Blanco; 3-0, m.70: Alex Mourelle de cabeza.

Saíron os lirachos moi enchufados e con moitas gañas de resarcirse da derrota do outro día na casa. Pero o choque comezaba cun intercambio constante de ocasións. Toni facía moito dano e provocaba tres ocasións boas, dúas claras de Cristian. Tamén na área liracha chegaban os xalleiros, cun tiro de Rubén Blanco ao longueiro, unha falta lateral que Rubén Blanco non conseguíu rematar; ou un remate fóra de Iván Pastoriza a portería baleira.

O Castriz fixo un cambio táctico para controlar a Toni, que apareceu menos, e o partido estaba para o que marcara primeiro, tendo en conta ademais que son dous equipos algo febles de cabeza.

Puido caer de calquera lado ese primeiro gol, e caeu do xalleiro, tras unha boa combinación completa que Iván Pastoriza remata a un centro de Anxo. Aínda tivo Toni un par de balóns ao pau, pero Rubén Blanco facía o segundo, que practicamente rompía o partido. A partir dos 2-0 foron os mellores minutos do Castriz da temporada ata o descanso.

Na segunda o Castriz, contra vento, baixou máis o balón, ante un Lira que non conseguía chegar. Logo chegaria a expulsion de Josiño e o equipo de Juan Rey perdeu o norte.

 

Cerqueda - Muros (3-0)

  • Cerqueda: Darío, Diego, Breogan, Javi Souto, Estefan, Dani, Dani Mato, Lorenzo, Iván Rojo, Lagos, Iván Mato. Tamén xogaron: Víctor, Javi Pazos, Julián, Nico.
  • Muros: Ruben Santos; Iván Cerilla, Pelos, Dani Jurjo, Juanchy; Xaco, Kiko, Varo; Gesto, Bruno, Ramón de Lira. Tamen xogaron Flavio, Berni e Río.
  • Goles: 1-0, m.15: Diego remata un centro dende a banda; 2-0, m.50: Iván Rojo dende lonxe; 3-0, m.60: Breogán tras un córner.

Con 8 baixas chegaba o Muros a Xaviña, e o equipo notouno e sufriu dende o primeiro minuto ante un Cerqueda superior. Foi un partido feo, de fútbol directo, no que os goles locais foron caendo, da man dun Cerqueda que tivo aínda unha segunda metade de maior dominio.
A única ocasión do Muros foi un tiro de falta de Dani Jurjo que vai ao pau e pasease por diante da portería.

 

Zas - Buño (1-1)

  • Zas: Puyol, David, Atu, Brais (Balsa), Andrés, Bruno, Manu, Fabi (Brais Espasandín), Tefi (Eloy), Molinos (Kevin), Manu Guillamet.
  • Buño: Brais, David, Pablo, Bastón, Manoliño, Fabián (Petís), Juan Antelo, Martín, Paco (Luismi), Elías.
  • Goles: 1-0, m.20: Manu Guillamet de cabeza; 1-1, m.34: Martín aproveita unha indecisión etre Atu e Puyol.

Duelo de colistas Zas-Buno

Reparto de puntos en San Andrés entre os dous últimos clasificados que non lle vale a ningún. O Buño comezaba mellor posicionado, facendo que Puyol tivese que facer dúas boas intervencións. Pero era Manu Guillamet o que abría o marcador para os locais. Moli mandaba un balón ao poste, pouco antes do empate de Martín, que aproveitaba un erro defensivo. O Buño puido adiantarse antes do descanso.

O Zas foi mellor no segundo tempo, que comezaba con dúas paradas boas de Brais, a un córner de Fabián e unha volea espectacular de Manu Guillamet. Pero tampouco foi unha boa segunda metade moi bonita de ver, e o fútbol brillou pola súa ausencia.

 Zas-Buno

Coristanco - Malpica (1-1)

  • Coristanco: Rubén, Samu (Álvaro), Rubio, Mato (Damián), Dani (Sergio), Jose, Mario, Álex (Villajos), Joni (R), Corral e Samuel.
  • Malpica: Damián, Belar, Juan Abelenda (Dimitri, m.46), Laik, Kevin (Marquitos, m.64), Juan, Laik, Orgueira (Cristian Pace, m.71), Andy, Alberto Hombre e Jairo
  • Goles: 0-1, m.42: Jairo de penalti; 1-1, m.83: Jose.

Comezaba o Coristanco intentando combinar contra un Malpica que ben cerrado buscaba contras rápidas. Custáballe crear aos dous equipos, que non conseguían xerar perigo, só a balón parado. Mario e José avisaban para os locais, pero tamén Rubén tiña que sacar dous remates na liña de gol.  Cando parecía que se iría co cero cero o descanso, o árbitro sinalaba un penalti (discutido polos locais) por un agarrón nun saque de banda. Anotaría dende os 11 metros Jairo.

Coa volta de vestiarios, e sobre todo coa entrada de R, cambiou o partido. Os de Juni a poder combinar con máis claridade e acabarían metendo ao Malpica na súa área, sendo a primeira gran ocasión un penalti cometido sobre Corral que Mario mandaba alto. Joni nun man a man, Jose nun córner, un remate de cabeza de Mario que sacaba na liña o defensa... Ata que Jose tras unha xogada embarullada poñía o empate.

Daría entón un paso adiante o cadro de Gurita, que mesmo puido sacar 3 puntos noutro balón sacado cando se cantaba o gol por Rubén e un remate nun córner que saía lambendo o pau. Tras isto dúas expulsións facían recuar os visitantes, e de novo o porteiro se axigantaría ante os dianteiros locais para sacar dous balóns que se coaban. Xa no 93, un balón prolongado caelle no segundo a Samuel, que supera o porteiro pero repelía o longueiro.  

San Lorenzo - Baíñas (1-0)

  • San Lorenzo: David, Iglesias, Puña (Diego F.)l, Kuki, Alejandro Verdes, Styven, Fuentefría, Dani Padín (Ures), Brais Cancela (Pablo Garido), Yago Varela (Alexis), Diego V.
  • Baíñas: Brais, Rodri (Víctor), Moreira, Eloy García, Luís Alvite, Eloy Trigo, Cristian Canosa, Esteban, Samuel (Héctor), Toño e Santi Díaz.
  • Gol: 1-0, m.55: Brais Cancela de penalti.

Partido moi competido, típico choque das Pedreiras, cun céspede rapidísimo, que obrigaba a moito balón directo, pero que tamén escapaban cando botaban. Dúas partes diferenciadas segundo o vento, que comezou a favor dun San Lorenzo que tampouco era quen de facer dano en xgadas combinadas. As ocasións chegaba a balón parado nunha e noutra área pero o partido parecía decantado ao 0-0, se ben eran os locais o que dominaban o peso do partido.

Dende os 11 metros decantaría a balanza o cadro de Santi Cambón. O Baíñas xogou máis de media hora cun home menos, pola expulsión de Eloy García. Pero Barca arriscou e subiu liñas, empurrando e matendo o partido aberto ata o final, e mesmo no desconto Ramón tivo un remate ao longueiro tras unha falta lateral que puido ter significado o empate.

 

Cabana - Corme (3-4)

  • Cabana: Víctor (Diego Suárez), Aarón (Fernando Rodríguez), Ismael (Cristian), Rubén, Duda, Pablo Pose, Diego Cacha, Fernando Rey, Moreno, Castro (Dani), Simón (Raúl Corzon).
  • Corme: Suso, Alejandro, Toniño, Javi Peón, Brais Torrado, Sergio Sueiro (Diego, m.72), Brais (Pombo, m.62), Manu Bermúdez, Javi Bermúdez, Samu Costa (Aitor, m.86), Alejo (Manu Garrido, m.89).
  • Goles: 0-1, m.7: Alejo de penalti cometido sobre el mesmo; 0-2, m.40: Samu Costa; 0-3, m.55: Brais de falta; 1-3, m.73: Pablo Pose; 2-3, m.78: Raúl; 2-4, m.88: Alejo; 3-4, m.90: Dani.

Partido estrano o vivido nas Redondas cun pouco de todo. Comezaba o Corme metendo balóns ás costas da defensa cabanesa, que esperaba atrás e intentaba sacar contras. Pero pronto abría o marcador o líder dende os 11 metros. Puido marcar o segundo pero Víctor atrapou. O partido volviase moi impreciso e ningún equipo conseguía ter o dominio. Cando parecía que remataria a primeira parte con ventaxa pola minima, Samuel aproveitaria un centro de Sergio para marcar de cabeza.

No segundo tempo empezaba marcando Brais Corral nunha falta directa, e Alejo mandaba un balón ao pau. Pero repúxose o Cabana, que foi ampliando liñas e se metía no partido nunha contra de Pablo e nun rexeite que aproveita Dani para facer o segundo.Puido mesmo caer o empate pero apareceu o killer para aproveitar unha contra e apagar os ánimos locais, que aínda terían arrestos para marcar o terceiro.

 

Todas as crónicas de 2ª Galicia

 

As táboas en www.futboldacosta.com

Comentarios