Todo listo para a VI Gala do Fútbol da Costa - QPC
Xa coa preparación da temporada que vén en marcha (de aí as numerosas presentacións e renovacións de adestradores e xogadores que vemos polas redes cada día), aínda temos este venres 28 de xuño o peche da temporada 2018/2019. Toca, coma sempre, facelo coa VI Gala do Fútbol da Costa - QPC que se celebra, a partir das 21:00h, na Casa da Cultura de Olveira.
Cos tradicionais balóns da Olería de Buño, realizados por Feituras, o Concello de Dumbría e a RFGF volcados na organización, Fran Hermida co disgusto dixerido, e Víctor Fábregas, o “Tucho” coas historias preparadas para facernos escachar da risa, o equipo de QPC espera que a cita sirva de novo como punto de encontro para o fútbol costeiro.
De feito será tamén punto de intercambio de cromos, así que levade o taco de sipis e a lista de nopis para intentar completalo. Ademais sacamos á venda un novo produto, o álbum completo.
Recordamos que serán 30 os premios que entregaremos este ano, a meirande parte escollidos por máis de 130 persoas vinculadas ao noso Fútbol (xogadores, adestradores, directivos, afeccionados, prensa…), que nos deixaron varios Nominados por categoría. Os gañadores dos premios de Mellor Xogador de Veteranos, Mellor Equipo de FutFem, Mellor Adestrador, Mellor Afección… que foron escollidos por esas 130 persoas, coñecéremos a partir das 21:00.
Outros, tamén especiais, xa os fumos debullando:
- O Cabana, Premio Especial Abdoulaye ao Fútbol Base.
- O Sofán-Aspaber, a Acción Máis Deportiva da Gala do Fútbol da Costa - QPC.
- Suso, o eterno capitán do Dumbría, recibirá o Premio Histórico na Gala do Fútbol da Costa-QPC.
- Iván Bouzón e MC, Premio Pombo e Pichichi da 1ª e Preferente.
- Miguel e Diego Mallo, os Premio Pombo do Fútbol da Costa. Sebas e Alejo os Pichichis.